Posts Tagged ‘eduardo_rolland’

«Reconquista. Vigo en armas», presentación

Marzo 25, 2009

xg00159501Mañá, xoves 26 de marzo, ás 20:00 horas, no salón rexio do Círculo Mercantil de Vigo (entrada pola rúa do Príncipe) terá lugar unha conferencia presentación do libro Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland.

«Reconquista. Vigo en armas»

Xaneiro 19, 2009

Está a piques de entrar no almacén Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland. Este importante libro, editado con motivo do bicentenario da fundación da cidade de Vigo, que introduce ademais novidades historiográficas sobre a cuestión da Reconquista e da Guerra da Independencia en Galicia, estará nas librarías a finais deste mes.

xg00159501A vila de Vigo vive unha época de prosperidade no amencer do século XIX. A pesca, a salgadura e o comercio incipiente foron a base do crecemento do vello burgo pechado nas súas murallas, que agora conta xa con dez mil habitantes e se vai transformando na verdadeira cabeceira da bisbarra, en clara competencia con Tui, a capital provincial. Pero está a piques de vivir as máis terribles penalidades da guerra que, a comezos de 1809, vai entrar en Galicia a sangue e lume. A plácida e próspera vila vai converterse en cidade. Mais haberá de facelo con indicibles sufrimentos. Reconquista: Vigo en armas de Eduardo Rolland relata, baseándose en sólidas fontes documentais auténticas, en boa parte inéditas, os acontecementos vividos en Vigo e Galicia durante 1809, deixando que falen os feitos e os seus protagonistas. Sen a intención de escribir nin odas nin haxiografías daqueles inimitables galegos, o autor retrata a vida de todos os heroes da Reconquista, algúns deles pouco recoñecidos, como Cachamuíña, o frade Villageliú, o abade do Couto, Juan Bautista Almeida ou o misterioso Villuendas, auténtico axente secreto que operaba intramuros durante a ocupación francesa. Un feito histórico riquísimo en acontecementos que agora, coincidindo co bicentenario da fundación da cidade, se presenta de forma desmitificadora neste libro de investigación fundamental sobre a Reconquista de Vigo.

Xerais 2009: trinta aniversario, 3.000 títulos

Xaneiro 10, 2009

O plan editorial 2009 de Xerais estará marcado polo trinta aniversario de creación do noso proxecto e por superar, a inicios da vindeira primavera, os tres mil títulos editados. Prevemos publicar unhas cento vinte de novidades, cifra moi semellante a dos últimos anos, no abano diversificado das nosas coleccións que abranguen, entre outras, a literatura, a lexicografía, a edición infantil e xuvenil, a edición de libro de texto e materiais curriculares, as guías de viaxe e os libros de agasallo.
Dentro das novidades literarias atenderemos con especial dedicación as tres efemérides de 2009: o «Ano Cabanillas», con motivo do cincuenta aniversario do pasamento do poeta da raza (9 de novembro); o centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño (10 de xuño), coa edición d’ O po dos días, un estudo de Luciano Rodríguez sobre a peripecia biográfica e a obra do poeta de Seivane; e o día das letras galegas dedicado a Ramón Piñeiro.
Na colección Narrativa, continuaremos coa nosa aposta por autores propios e por traducións da maior actualidade. Así, ademais da novela de François Bégaudeau,  A clase, ao longo deste mes de xaneiro aparecerán outras dúas: Riofero de Xelís de Toro e Monbars o Exterminador de Hixinio Puentes, último Premio de Narrativa galego portuguesa Eixo Atlántico. No mes de marzo publicaremos o libro de relatos Para seguir bailando de Francisco Fernández Naval, O ‘Salto do can, primeira novela do ferrolán Jorge Llorca e A vida do outro de Carlos G. Reigosa, a novela gañadora do Premio Torrente Ballester de Narrativa 2009. A seguinte entrega, xa avanzada a primavera, será o libro de relatos de Agustín Agra, O arrecendos das mimosas e as novelas de Santiago Lopo Peaxes e de Xosé Fernández Ferreiro Tempo de centeo.  Publicaremos, ademais, as novas novelas de Rosa Aneiros, María Reimóndez e Suso de Toro. Durante o segundo semestre, ademais da publicación do Premio Xerais de Novela 2009, que será fallado  o 6 de xuño, editaremos outras dúas traducións. Na colección de Poesía, as primeiras novidades serán TSC. Diario da noite de Alfonso Armada e o máis recente poemario de Estíbaliz Espinosa. Na Biblioteca Dramática Galega, que coeditamos con AGADIC, publicaremos Sempre quixen bailar un tango, Premio Álvaro Cunqueiro 2008 e Pingueiras e carteiras, Premio Manuel María de literatura dramática infantil 2008, as dúas pezas da autoría de Teresa González Costa. Na colección de Ensaio, comezaremos en xaneiro con Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín Rei, para continuar en marzo coa edición do segundo tomo d’ O segundo sexo de Simone de Beauvoir e do Tractatus Logico-Philosophicus de L. Wittgenstein. Xa no segundo semestre e tamén dentro desta colección publicarase a primeira das obras de Georges Steiner comprometidas, Georges Steiner no The New Yorker. Os dous primeiros títulos da colección Crónica serán Reconquista. Vigo en armas de Eduardo Rolland e Conversas con Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás.
A edición no mes de outubro do Gran Dicionario Xerais da Lingua, obra de cen mil entradas, será a novidade máis importante do ano, á que se engadirán dúas primicias na nosa lingua: un Dicionario de Arte e un Dicionario galego-francés / français-galicienne.
Na edición  infantil, no primeiro trimestre destacarán O sombreiro chichiriteiro, o primeiro libro para nenos de Manuel Rivas, ilustrado por Patricia Castelao; así como dous libros de Agustín Fernández Paz, recente premio Nacional de Literatura Infantil, a novela  Lúa de Senegal e o álbum A dama da luz, ilustrado por Pablo Magutis.
Na primeira metade do ano tamén aparecerán, fóra de colección,  tres importantes obras: Cabalos de vento, curros de pedra do fotógrafo Xavier Teniente e do pintor Xosé Guillermo, Pedras de Compostela de Aldonza das Pratarías e A semente da nación soñada, o libro de homenaxe a Xosé L. Méndez Ferrín, coeditado con Sotelo Blanco.

(*) Artigo de Manuel Bragado publicado no suplemento «Nós» do Xornal de Galicia do 10 de xaneiro de 2009, dedicado ás novidades do sector editorial galego para o ano 2009.