Ramón Nicolás publicou o pasado sábado, 23 de maio, no suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia a primeira crítica d’ O ‘ Salto do Can, a novela coa que debuta o ferrolán Jorge Llorca. Reproducimos o texto polo seu interese:
Anunciada como unha novela -ao tempo que podería clasificarse como unha presada de relatos-, este O ‘ Salto do Can cómpre saudala como a obra prima dun autor na que se dirixe unha ollada descritiva -descoñezo en que medida a ficción aquí imita á realidade, ou talvez ao contrario-, sobre eses anos setenta, neste caso ben reais e verosímiles. Visión que se erixe desde unha paisaxe moi concreta: a dunha taberna ferrolá, desde a que se ve pasar a vida de siareiros e xentes de variada condición, as máis das veces marcados por peculiaridades que fan deles seres curiosos que van e veñen cos seus trazos intransferibles e que, á vez, serven para testemuñar un tempo e articular un exercicio, se cadra, a medio camiño entre a ficción e a memoria.
Mais supoñamos que, loxicamente, falamos de ficción: alén do intrínseco interese que o libro ofrece para alguén que queira ou poida esculcar nos límites reais da devandita fronteira, o certo é que o libro ofrece un monllo de historias, talvez más propiamente constituirían unha sorte de “semblanzas”, moitas delas gobernadas pola traxedia e a soidade, a través das que circulan Ponciano, o propietario do bar, e Zacarías, un siareiro cego que adiviña as corres…, personaxes que facilitan o acceso para coñecer historias e mundos de corte variado e singular: desde o que encerra Bibián, un curioso perruqueiro, pasando polo espello do escurantismo e miseria do réxime franquista retido en Mercería Dorita, até o denominado segredo de Lady Godiva -unha fidalga vida a menos, estrafalaria e a quen o pobo trata con certa crueldade…- ou mesmo os enigmas que representan o Mahía, un suposto confidente da policía, ou aquel que atesoura o impenetrable mariñeiro Perseus… Encamíñanos, todo isto, a unha conclusión, ao meu ver o mellor do volume, exposta no capítulo Fotografía artística, a través da que se presenta un fotógrafo que vai relatando as súas experiencias tanto persoais como as que se refire á práctica da súa profesión, mercé a un discurso confesional que resulta operativo pra revelar con transparencia un personaxe de carne e óso, con moito de psicólogo e que exerceu o seu oficio con orgullo e habelencia.
Sen dúbida, Llorca amosa soltura para construír un universo que se imbúe as máis das veces do arrecendo popular, contido nunha feliz expresión dun galego rico que foxe da asepsia, e retrata atmosferas con fidelidade e acerto. Malia certas tonalidades ou vernices humorísticos, non sempre conseguidos, e certa reiteración tanto na dinámica da presentación dos protagonistas de cada un dos capítulos como no tránsito por algunhas tramas xa destapadas, por estas páxinas latexan, indiscutiblemente, ganas de contar e facultades para facelo. O primeiro paso está dado e cómpre agardar con interese, abofé. outras entregas do autor. Ramón Nicolás.
Etiquetas: culturas, jorge_llorca, la_voz_de_galicia, novela, o_salto_do_can, ramon_nicolás
Deixar unha resposta