Posts Tagged ‘trafegando_ronseis’

«Peaxes» recomendada por Trafegando ronseis

Xuño 2, 2009

Trafegando ronseis publica unha anotación recomendando a lectura de Peaxes, a novela de Santiago Lopo.

Capa_PeaxesNon me disgustou nada este libro de Santiago Lopo, Peaxes, que desenvolve unha idea na que supoño tod@s temos cavilado nalgún momento cando pagamos na autoestrada, aínda que cae nalgúns tópicos (topiquísimos) e se deixa levar polas boas intencións con algúns trazos de denuncia que non chegan a medrar; aínda así, unha novela curta de fácil lectura e trato agradable que sintoniza cun día a día dun traballador da peaxe que prefire non tolear dentro do seu cubículo maxinando a vida daqueles e daquelas que pola súa ventá pasan cada día. Curiosa resulta a maneira de introdución de cada novo capítulo cun anaco tirado de cancións que supostamente as personaxes escoitan nos seus coches e das que se nos dará ao final do libro unha perfecta relación, pero que case podemos escoitar nós tamén -de coñecérmolas- coa lectura; unha música diferente segundo sexa quen conduce o coche: unha información decisiva sobre as súas personalidades. Quizais o peor sexa o final: un final marabilloso case de conto de Disney. Pero unha lectura agradable para unha hora de descanso antes de coller a estrada.

«Conexión Tubinga»

Abril 29, 2009

No blog Trafegando ronseis publícase unha anotación moi interesante de Thalía Troitiño sobre a súa lectura de Conexión Tubinga, a novela de Alberto Canal.

xg00159601Este libro, Conexión Tubinga de Alberto Canal, conta a historia dun mozo que está estudando no Seminario. El, Tito Besteiro, vive no Divino Mestre, onde forma parte dun grupo, “Os Zaratustra“, grupo de mozos que se reunen clandestinamente polas noites nas habitacións para falar dos libros lidos, experiencias, etc.

A historia, principalmente, sitúase no ano anterior ao Rito, último paso para ser cura.
Durante este ano vivirá grandes experiencias que farán que se replantexe o seu futuro, e coñecerá á persoa que o marcará e axudará con respecto a este.

A historia xira en torno a un libro prohibido no Divino Mestre, o titulado Existe Deus? de Hans Kiing. O porqué da prohibición vén dos anos 70, anos de enfrontamento da igrexa vangardista de Hans Kiing coa igrexa tradicional.
Toda a polémica desenvólvese na cidade alemá de Tubinga.

Neste libro trátanse aspectos como o amor, a liberdade de elección, os enfrontamentos do pasado, o que é e o que foi a Igrexa, a homosexualidade…

Creo que é un libro interesante e disfrutei da súa lectura, por iso quero recomendalo aquí. Fíxome reflexionar sobre algúns aspectos dos que trata a obra, o que é importante. Thalía Troitiño.

«O sombreiro chichiriteiro»

Marzo 30, 2009

Recollemos a anotación que sobre O sombreiro chichiriteiro, o recente álbum de Manuel Rivas e Patricia Castelao, publican o blog Trafegando ronseis:

Capa o sombreiro chichiriteiro .inddProliferan ultimamente os libros infantís con desigual resultado, salvados en moitas ocasións polas fermosas ilustracións que acompañan uns textos que dáme a impresión non chegan en moitas ocasións a nenos e nenas. Pero non é este o caso: o texto de Manuel Rivas e as ilustracións de Patricia Castelao son fermosos por igual. Un relato sobre a amizade e a esperanza nunha coidada edición de tapa dura cunhas ilustracións que non deixan indiferente. Un fermoso libro para agasallar, para follear, para disfrutar.

«Ámote vermella»

Marzo 29, 2009

Recollemos o comentario que sobre Ámote vermella, o poemario de Claudio R.Fer, ilustrado por Sara Lamas, publica o blog Trafegando ronseis.

Claudio Rodríguez Fer xunto coa ilustradora Sara Lamas presentan un libro fermoso tanto pola edición como pola idea: un poemario dedicado ás mulleres represaliadas e esquecidas da nosa terra: Ámote vermella. E digo que é fermoso en canto á idea, porque tal como afirma o autor a súa intención é “afirmar a vida, loitar contra a morte. Cómpre unha catarse colectiva para superar o trauma deste esquecemento no que vivimos instalados nunha democracia tardofranquista amnésica. O franquismo foi unha ditadura androcéntrica e machista, que practicou a violencia de xénero. Setenta anos despois, quixemos demostrar que hai quen as ama, aquí están os seus nomes elas que foron as esquecidas entre os esquecidos, aquí están os seus retratos, cando tivemos a fortuna de atopalos”. En canto á edición, paréceme un libro preciso, cunhas ilustracións exquisitas, todo el en vermello.
Outra cousa diferente desde o meu punto de vista é o poemario en si, que non acabou de convencerme. Porén, como adoita acontecer, hai poemas que gustan máis ca outros, e como é costume déixovos unha pequena selección. Recoméndovos a súa lectura por mor de sabermos máis sobre nós mesmos, sobre o noso pasado recente, sobre unhas mulleres esquecidas por seren mulleres, sobre a valentía da vida naquela época, sobre o feito de procurar unhas ideas que outros non consentiron. Cómpre lembrar, porque na memoria radica a forza de que non volvan acontecer feitos coma estes.

«Mal de escola», aconsellado por Ronsel

Novembro 17, 2008

No magnífico blog Trafegando ronseis aparece unha importante anotación arredor de Mal de escola, o libro de Daniel Pennac. Recollemos o parágrafo co que finaliza o texto:

xg00151501Como aconteceu con Como unha novela, creo que todo o profesorado debería ler este libro, do que podemos gozar en galego grazas á editorial Xerais. E xa me contaredes. Eu seguirei a cavilar.

Teatro de verdade

Setembro 13, 2008

No blog Trafegando ronseis publícase unha interesante anotación de lectura sobre Limpeza de sangue, o texto dramático de Rubén Ruibal que mereceu o Premio Nacional de Literatura Dramática. Recollemos o primeiro parágrafo do texto:

Limpeza de sangue de Rubén Ruibal (Xerais, 2006) pareceume Teatro de verdade, así con maiúsculas, recomendable tamén para todas e todos os que prefirades ver e non ler teatro, porque se nota que o autor pensou no espectador/a pero tamén no lector/a; fixádevos, se non, na elaboración das didascalias. Tematicamente é ousada, dá moito que pensar e fai gala dun sentido crítico digno do mesmo Vidal Bolaño. Os diálogos son ás veces finamente irónicos e outras tan directos e descarnados que sobrecollen. Todos os ambientes e personaxes están moi acabados. E logo está o seu o humor, como unha especie de elemento compensatorio e indispensable para sobrevivir a toda a corrupción que nos rodea. Unha lectura para pensar e divertirse, en definitiva.