Posts Tagged ‘vilalba’

Agustín Fernández Paz no cadro de honra de “El Correo Gallego”

Xuño 22, 2009

El Correo Gallego dedicou onte o seu cadro de honra ao escritor Agustín Fernández Paz.

cp5f02793381_266412Como nos contos tradicionais . Tres agasallos: un penedo, unha árbore -a bidueira- e un espazo público onde ficará o seu nome. A homenaxe O escritor na súa terra -que organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)- recoñecía onte en Vilalba a Agustín Fernández Paz, o escritor nado nesta vila luguesa ao que as letras galegas lle deben algunhas das novelas máis profusamente devoradas e reeditadas das últimas décadas. Os libros de Agustín Fernández Paz, que onte se declaraba “honrado” pola homenaxe dos seus compañeiros da escrita, son material da súa vida, extraídos palabra por palabra das súas propias emocións, pródigos en amor e en memoria, impecábeis na súa estrutura, tamén na súa verdade. Esa singular sinxeleza -que aniña tamén no seu carácter fondamente humano- volveu erguerse onte nun tributo no que o autor evocou o “agasallo maior” do idioma, a lingua de Galicia, da que el fai defensa, fortaleza, agasallo universal. Como en San Simón -no fermoso discurso que leu na entrega dos Xerais- Fernández Paz falou co acerto e a lucidez que lles está reservado a uns poucos, aos mellores.

Así mesmo, o xornal compostelán dedica unha reportaxe á homenaxe a Agustín Fernández Paz, celebrada en Villaba o pasado sábado.

Sementador de esperanzas

Xuño 21, 2009

2009062023111183321Artigo de Manuel Bragado en Faro de Vigo sobre a obra literaria de Agustín Fernández Paz a raíz da homenaxe de onte en Vilalba.

Aquí pode verse o álbum fotográfico da homenaxe, preparado por Paulo Naseiro de A Voz de Vilalba.

Agustín Fernández Paz en «Xornal de Galicia»

Xuño 20, 2009

Agustin Fernandez PazCon motivo da homenaxe que lle tributa hoxe a AELG en Vilalba e a entrega do Premio Nacional de Literatura Infantil o vindeiro martes en Teruel, Agustín Fernández Paz é entrevistado de forma extensa por Iago Martínez en Xornal de Galicia.

Así mesmo, Martín Pawley, tamén en Xornal de Galicia, publica un comentario de opinión titluado «Un home de ben» que transcribimos:

“Pertenzo a unha xeración cunha cualidade que a fai única: fomos os últimos nenos que medramos sen a presenza da televisión”. Así comezaba As paisaxes da memoria, o pequeno relato autobiográfico que Agustín Fernández Paz escribiu como acompañamento á edición española de varias das súas obras. Naquel texto memorábel Agustín elixiu describirse como unha rareza sociolóxica, alguén que garda na súa memoria recordos que hoxe poden parecer arqueoloxía e experimentou ao longo da súa vida o tránsito dun país non moi afastado da Idade Media a outro máis ou menos mergullado no século XXI. A liña do tempo que nos leva do arado de ferro até internet, unha época de cambios abruptos, de incríbeis transformacións ideolóxicas, sociais e tecnolóxicas. Agustín Fernández Paz é fillo de todas elas. Un elo que conecta as narracións de aparecidos desa infancia sen televisión cos libros de Lovecraft aos que chegou xa adulto; as conversas políticas clandestinas da longa noite de pedra cos debates non menos encendidos que hoxe flúen a través da rede.

O que non cambiou foi o gusto por recibir historias, “de viva voz, nas páxinas dun libro ou dun cómic, na escuridade dunha sala de cinema ou a través das diversas pantallas que teño na casa”. Un gusto pola ficción que creceu canda el, cos contos que se escoitaban arredor da cociña de ferro e coa modesta biblioteca do seu pai onde descubriu a Verne, Salgari, Poe, Stevenson ou Mark Twain. Deixou de ser neno en Xixón, cando marchou con catorce anos para facerse perito na Universidade Laboral, hoxe convertida nunha espléndida fábrica de cultura. Pasou sete anos interno, abondo para ser quen de camiñar polos corredores do edificio cos ollos pechados sen bater contra parede ningunha.

Barcelona foi despois diso un oasis de liberdade, un lugar cheo de espazos para o coñecemento. Na Coruña aprendeu a ser mestre e comezou o período máis fértil da súa vida. Porque Agustín é mestre, mestre antes que escritor. Mestre de escritores, mesmo. Exerceu a docencia con paixón e formou parte activa, activísima, dos movementos de renovación pedagóxica. Está detrás dalgúns dos primeiros manuais escolares en galego, feitos de maneira esforzada e precaria nunha altura na que “cortar e pegar” aínda non era unha metáfora informática. Para aqueles libros escribiu infinidade de textos, as lecturas necesarias para ilustrar cada lección, lecturas que daquela non tiñamos en galego. Supoño que aí naceu o Agustín que todos admiramos. O Agustín que empezou a escribir por pracer e por necesidade creativa, mais tamén coa convicción de que era preciso ocupar un oco que aínda estaba por encher. O que agora entendemos por literatura infantil e xuvenil galega inventárona nos oitenta xente coma Agustín, coma Paco Martín, coma Xabier P. Docampo, amigos, chairegos (uns máis que outros) e compañeiros de xeración os tres, esa que Manuel Bragado deu felizmente en chamar “Xeración Lamote”. A débeda que temos contraída con eles é impagábel. No fondo, a verdadeira razón de ser deste artigo é a de lles dar publicamente as grazas.

A cidade dos desexos abriu en 1989 unha carreira, a do vilalbés, inzada de premios. As flores radiactivas, Cos pés no aire e Corredores de sombra son algúns dos títulos que fan grande a un autor apreciado e querido, que recibe centos e centos de cartas deses mozos e mozas que fixeron de Cartas de inverno un fito da nosa literatura con case setenta mil exemplares vendidos en lingua galega. Contos por palabras, unha marabilla, supuxo o seu recoñecemento internacional ao ser incluído na listaxe de honra do IBBY en 1992, igual que Aire negro, escollido de novo polo IBBY en 2001 e pola Jugenbibliothek de Munich que outorga os prestixiosos White Ravens. Cando lle concederon o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil o ano pasado polo seu volume de relatos O único que queda é o amor, Santiago Jaureguizar deulle a volta á noticia no seu blog: o importante non era que Agustín gañara o Nacional, senón que o Nacional gañara a Agustín. Non lle faltaba razón. Era o premio o que ficaba honrado ao acollelo na súa listaxe de vencedores, ao destacar un escritor cuxa ausencia case resultaba escandalosa.

Vén de publicar Lúa do Senegal, dedicada entre outros “a Ousmane Sembène, mestre” nun xesto que revela ao mesmo tempo a súa cinefilia e a súa bondade. Bondade é o que transpira este libro en todas as súas páxinas; bondade e amor. Amor por Khaedi, a nena que deixa atrás África para instalarse coa súa familia nunha cidade, Vigo, que tamén é a de Agustín e na que todo é diferente; amor polos personaxes, polas palabras, polos lectores, por todos nós. Porque Agustín é un home de ben, e esa é unha condición necesaria para facer arte con maiúsculas.

Agustín Fernández Paz, «Letra E» da AELG

Xuño 14, 2009

A homenaxe O escritor na súa terra, impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega chega a súa XVª edición recaendo por unanimidade en Agustín Fernández Paz que será homenaxeado en Vilalba, a terra onde naceu. Os actos comezarán ás 12:00 no barrio das Fontiñas, onde se plantará unha bidueira (a árbore escollida por Agustín), develarase un monolíto escultórico e unha placa que atribúe o nome do escritor ao parque. A partir das 13:00 no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba realizarase o acto de entrega da «Letra E» e ás 14:30 un xantar de irmandade no parador de Turismo de Vilaba. Os actos están abertos a todos os socios/as da AELG, á vecindade da Terra Cha e a todas as persoas interesadas.

Animamos a difundir o programa (pode baixarse aquí en pdf) na rede e a participar en tan merecida homenaxe ao grande Agustín.

Agustín Fernández Paz,«Letra E» 2009

Febreiro 7, 2009

agustin_fernandez_paz2Acabamos de saber que Agustín Fernández Paz recibirá en Vilalba no mes de xuño a «Letra E» (O escritor na súa terra) que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega. A decisión foi adoptada na asemblea anual da asociación celebrada esta mañá na que foron reelixidos Cesáreo Sánchez Iglesias como presidente e Antía Otero como vicepresidenta. Os nosos parabéns para Agustín.