Posts Tagged ‘xosé_miranda’

Aquilino Iglesia Alvariño, 12 de xuño, celebración en Abadín do centenario do seu nacemento

Xuño 11, 2009

Con motivo do centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño (Seivane, Abadín, 12 de xuño 1909) Xerais publica a monografía O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño do profesor Luciano Rodríguez Gómez. Xerais ten no seu catálogo a maior parte da obra do poeta chairego, dentro da Biblioteca das Letras Galegas o volume Poesías, preparado por tamén por Luciano Rodríguez Gómez, e Polo correo do vento, unha escolma dos poemas de Aquilino dirixidos ao público infantil.

XG00163901Hai cen anos, o 12 de xuño de 1909, nunha aldea luguesa (Seivane-Graña de Vilarente) do Concello de Abadín, nacía Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961).A súa formación comezou no Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, para licenciarse logo en Filosofía e Letras pola Universidade compostelana, e converterse, finalmente en catedrático de Latín de Ensino Medio (1949). Aquilino Iglesia Alvariño foi responsable desta materia no Instituto de Lugo, Pontevedra e finalmente no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Unha sólida formación nos autores clásicos gregos e latinos e nos autores da modernidade deron como resultado unha obra poética das máis compactas e calladas que floriron na poesía galega do século xx.

Con motivo do centenario do seu nacemento, o profesor Luciano Rodríguez da á luz esta magnífica aproximación á súa obra poética. O pó dos días estrutúrase en dúas sesións: na primeira, «Os días», dáse conta da súa peripecia biográfica; e na segunda, «As palabras», proponse unha lectura dos seis poemarios galegos que organizou e publicou Aquilino Iglesia Alvariño, un autor que fixo da lingua a súa patria.

Xerais uniuse á celebración dos actos deste centenario que, organizados polo concello de Abadín e o PEN de Galicia, terán lugar en Abadín o vindeiro venres, 12 de xuño.

Actos que comezarán ás 19:00 horas, cunha recepción diante do concello ás autoridades e participante. A continuación, os participantes desprazaranse a Seivane, onde na casa natal do poeta se desvelará unha praca conmemorativa e fará uso da palabra Luís González Tosar, presidente do PEN Galicia.

De regreso a Abadín, ás 20:00 horas comezará un acto literario nas instalacións do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño, no que intervirán os escritores Luís González Tosar, Santiago Fernández Rocha, Xosé Miranda e Luciano Rodríguez, e Anxo Lorenzo (secretario Xeral de Política Lingüística) e Francisco López Barxas (director Xeral de Cultura).

Aos asistentes ao acto, faráselle entrega do libro O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño da autoría de Luciano Rodríguez. Agasallo do Concello de Abadín e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Xerais na Feira do Libro de Lugo

Maio 13, 2009

Xerais preparou o seu programa de actividades de animación para a Feira do Libro de Lugo que se inaugurará o sábado, 16 de maio e se desenvolverá deica o 24 de maio.

Sábado, 16 de maio

19.45 Inauguración oficial.  Pregón a cargo do escritor Xabier P. DoCampo. Ao remate do acto, asinará exemplares do seu Libro das viaxes imaxinarias, publicado por  Edicións Xerais de Galicia e gañador do 18 Premio Irmandade do Libro, da Federación de Libreiros de Galicia.

Martes, 19 de maio.  Día da Poesía

20.00  Ámote vermella. Recital poético de Claudio Rodríguez Fer deste seu libro máis recente.

Sábado, 23 de maio

20.00 Presentación do libro Amancio Amigo e o meigo de Salamanca, do escritor Xosé Miranda.  Espectáculo de maxia  Cali O Mago.

«Pel de lobo», undécima edición

Febreiro 1, 2009

xg00052801Acaban de chegar ás librarías os exemplares da úndécima edición de Pel de lobo, a novela de Xosé Miranda, gañadora do Premio Merlín 2002. Dende a súa aparición hai seis anos, Pel de lobo superou os vinte mil exemplares vendidos, dato  que, xunto os de  Morning star,  novela que acadou a ducia de edicións  e os vinte e dous mil exemplares vendidos, fan de Xosé Miranda un dos narradores galegos máis apoiados polos lectores e lectoras ao longo da última década. Os nosos maiores parabéns para el.

«Amancio Amigo e o demo da botella», crítica en «Faro da Cultura»

Xaneiro 22, 2009

amanciofaroMaría Navarro publica hoxe en «Faro da Cultura» unha crítica sobre Amancio Amigo e o demo da botella, a segunda das entregas da serie protagonizada polo mago creado por Xosé Miranda e ilustrada por Patricia Castelao.

«Incertos», presentación de Xosé Miranda

Novembro 23, 2008

1201262398524raia07_079

Enlazamos o texto que leu o escritor Xosé Miranda na presentación en Lugo de Incertos, o libro de relatos de Antón Dobao.

«Incertos», Antón Dobao presenta en Lugo

Novembro 13, 2008

xg00145801Antón Dobao presentará Incertos o venres 14 de novembro, ás 20:00 horas na Libraría Trama de Lugo (Avenida da Coruña 21). No acto estará acompañado polos escritores Darío Xohán Cabana e Xosé Miranda e polo director da editorial.

«Amancio amigo e o demo da botella»

Setembro 29, 2008

Esta semana chega ás librarías Amancio Amigo e o demo da botella, a segunda entrega da serie de novelas de maxia, escritas por Xosé Miranda e ilustradas por Patricia Castelao, protagonizadas por Amancio Amigo. Este destemido estudante de maxia será, capaz de desaparecer e transformarse en obxectos e animais, vive apaixonantes aventuras, onde na liña da miña mellor literatura fantástica non falta nin o amor, nin lealtade nin a necesidade de superar as máis arriscadas probas.O primeiro título desta serie, dirixida a lectores de once anos en diante, Amancio Amigo e o Meigo de Salamanca, obtivo un gran éxito de público.

A protagonista desta novela, Sabela, é unha nena do Courel, que é a vez irmá da moza e amiga da irmá do meigo Amancio Amigo.Un día, por accidente, libera un demiño que o meigo ten pechado nunha botella. Para compensalo, ela e a súa amiga Loreto chocan un ovo caído do ceo, do que sae un novo demiño, ao que lle poñen por nome Anduriño. Pero Anduriño escapa tamén e, mentres todo iso sucede, no ceo comezan a concentrarse as nubes e as treboadas e unha grande ameaza pende sobre a aldea. Uns ollos de sangue vixían entre os nuboeiros. Amancio é tomado por unha invencible somnolencia e uns extraños personaxes visitan ao pai de Sabela, o filósofo Kalouro e o seu axudante Franco Opaco, que investigan se, no inexplicable roubo cometido na súa casa, o ladrón entrou pola ventá ou viceversa…

«Amancio Amigo e o demo da botella»

Setembro 17, 2008

Esta semana chegará ás librarías Amancio Amigo e o demo da botella, a segunda entrega da serie de novelas de maxia, escritas por Xosé Miranda e ilustradas por Patricia Castelao, protagonizadas por Amancio Amigo. Este destemido estudante de maxia será, capaz de desaparecer e transformarse en obxectos e animais, vive apaixonantes aventuras, onde na liña da miña mellor literatura fantástica non falta nin o amor, nin lealtade nin a necesidade de superar as máis arriscadas probas. O primeiro título desta serie, dirixida a lectores de once anos en diante, Amancio Amigo e o Meigo de Salamanca, obtivo un gran éxito de público.

A protagonista de Amancio Amigo e o demo da botella, Sabela, é unha nena do Courel, que é a vez irmá da moza e amiga da irmá do meigo Amancio Amigo.Un día, por accidente, libera un demiño que o meigo ten pechado nunha botella. Para compensalo, ela e a súa amiga Loreto chocan un ovo caído do ceo, do que sae un novo demiño, ao que lle poñen por nome Anduriño. Pero Anduriño escapa tamén e, mentres todo iso sucede, no ceo comezan a concentrarse as nubes e as treboadas e unha grande ameaza pende sobre a aldea. Uns ollos de sangue vixían entre os nuboeiros. Amancio é tomado por unha invencible somnolencia e uns extraños personaxes visitan ao pai de Sabela, o filósofo Kalouro e o seu axudante Franco Opaco, que investigan se, no inexplicable roubo cometido na súa casa, o ladrón entrou pola ventá ou viceversa…

“Dicionario dos seres míticos”, nova edición

Setembro 1, 2008

Acaba de chegar do prelo a nova edición, actualizada á normativa RAG 2004, do Dicionario dos seres míticos galegos, obra de referencia do noso universo mítico preparada por Xosé Miranda, Xoán Cuba e Antonio Reigosa e ilustrada polo desaparecido Lázaro Enríquez. O dicionario, que estaba completamente agotado dende hai meses e do que existe edición en castelán, pode xa volver adquirirse nas librarías galegas.

Este Dicionario dos seres míticos galegos é unha viaxe a través da mitoloxía do país, asentada, na oralidade dos devanceiros e, daquela, un libro de consulta práctico, útil e fermoso ó tempo, pero tamén é unha viaxe que atravesa páxinas de forte contido narrativo, e lectura amena, entretida e divertida. Co rigor dun dicionario e o feitizo dunha novela apaixonante, este libro constitúe unha das máis importantes achegas ao patrimonio cultural galego nos últimos anos.

Nas 710 entradas das que consta o Dicionario dos seres míticos galegos pode o lector atoparse con xente cativa, xigantes, olláparos, ananos, xacias, sereas, xerpas, rabenos, encantos, lamias, lavandeiras; entrar no pazo dos mouros e conversar coa Mourindade; roubar o peite da moura; recoller carbóns que se convertan nun tesouro; sufrir con paciencia a trasnos, diaños e tardos; durmir con Pedro Chosco; ter medo da Estadea; fuxir con Brancaflor ou oír os contos de María Castaña.

O lector poderá visitar as tumbas de Orcavella e a Raíña Lupa; asaltará casas con Pepa a Loba; beberá na fonte de Ana Manana; voará con meigas, chuchonas e nubeiros; correrá sete parroquias cos lobishomes; verá como Deus crea demos e anxos; asombrarase con lobos, cobras, dragóns, basiliscos, cocas, unicornios; navegará no Bergantín Pantasma; andará os camiños coas ánimas da Compaña; tremerá na noite ó escoitar o Paxaro da Morte; enfrontarase co Can Negro, co Lobo Branco, coa Peregrina, coa Zarrulada, co urco e coa Pastoriña; visitará cidades asolagadas e enterradas, como Antioquía, Lucerna ou Valverde, Pozos Peagos e entradas do inferno, Camiños ó Alén e Cabos do mundo; coñecerá os cocos, tales como o home do saco, o sacaúntos, Maríamanta, a meiga dos dentes verdes, o zampón e o orco; lerá o Ciprianillo e desatoará decididamente o saco para pillar os biosbardos. Para atopalos, só hai que abrilo por calquera páxina.