“Dicionario dos seres míticos”, nova edición

Acaba de chegar do prelo a nova edición, actualizada á normativa RAG 2004, do Dicionario dos seres míticos galegos, obra de referencia do noso universo mítico preparada por Xosé Miranda, Xoán Cuba e Antonio Reigosa e ilustrada polo desaparecido Lázaro Enríquez. O dicionario, que estaba completamente agotado dende hai meses e do que existe edición en castelán, pode xa volver adquirirse nas librarías galegas.

Este Dicionario dos seres míticos galegos é unha viaxe a través da mitoloxía do país, asentada, na oralidade dos devanceiros e, daquela, un libro de consulta práctico, útil e fermoso ó tempo, pero tamén é unha viaxe que atravesa páxinas de forte contido narrativo, e lectura amena, entretida e divertida. Co rigor dun dicionario e o feitizo dunha novela apaixonante, este libro constitúe unha das máis importantes achegas ao patrimonio cultural galego nos últimos anos.

Nas 710 entradas das que consta o Dicionario dos seres míticos galegos pode o lector atoparse con xente cativa, xigantes, olláparos, ananos, xacias, sereas, xerpas, rabenos, encantos, lamias, lavandeiras; entrar no pazo dos mouros e conversar coa Mourindade; roubar o peite da moura; recoller carbóns que se convertan nun tesouro; sufrir con paciencia a trasnos, diaños e tardos; durmir con Pedro Chosco; ter medo da Estadea; fuxir con Brancaflor ou oír os contos de María Castaña.

O lector poderá visitar as tumbas de Orcavella e a Raíña Lupa; asaltará casas con Pepa a Loba; beberá na fonte de Ana Manana; voará con meigas, chuchonas e nubeiros; correrá sete parroquias cos lobishomes; verá como Deus crea demos e anxos; asombrarase con lobos, cobras, dragóns, basiliscos, cocas, unicornios; navegará no Bergantín Pantasma; andará os camiños coas ánimas da Compaña; tremerá na noite ó escoitar o Paxaro da Morte; enfrontarase co Can Negro, co Lobo Branco, coa Peregrina, coa Zarrulada, co urco e coa Pastoriña; visitará cidades asolagadas e enterradas, como Antioquía, Lucerna ou Valverde, Pozos Peagos e entradas do inferno, Camiños ó Alén e Cabos do mundo; coñecerá os cocos, tales como o home do saco, o sacaúntos, Maríamanta, a meiga dos dentes verdes, o zampón e o orco; lerá o Ciprianillo e desatoará decididamente o saco para pillar os biosbardos. Para atopalos, só hai que abrilo por calquera páxina.

Etiquetas: , , ,

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s


A %d blogueros les gusta esto: