Posts Tagged ‘claudio_rodríguez_fer’

Xerais na Feira do Libro de Lugo

Maio 13, 2009

Xerais preparou o seu programa de actividades de animación para a Feira do Libro de Lugo que se inaugurará o sábado, 16 de maio e se desenvolverá deica o 24 de maio.

Sábado, 16 de maio

19.45 Inauguración oficial.  Pregón a cargo do escritor Xabier P. DoCampo. Ao remate do acto, asinará exemplares do seu Libro das viaxes imaxinarias, publicado por  Edicións Xerais de Galicia e gañador do 18 Premio Irmandade do Libro, da Federación de Libreiros de Galicia.

Martes, 19 de maio.  Día da Poesía

20.00  Ámote vermella. Recital poético de Claudio Rodríguez Fer deste seu libro máis recente.

Sábado, 23 de maio

20.00 Presentación do libro Amancio Amigo e o meigo de Salamanca, do escritor Xosé Miranda.  Espectáculo de maxia  Cali O Mago.

«Ámote vermella», crítica en «Nós»

Abril 25, 2009

18 Lembrando á Comuni#F1A18Isaac Lourido publica hoxe no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia unha crítica d’ Ámote vermella o poemario de Claudio Rodríguez Fer, ilustrado por Sara Lamas. Recollemos os dous primeiros fragmentos dun texto onde se salienta que este libro forma parte dun proxecto integral de creación literaria do escritor lucense:

xg00159301Dúas foron as liñas de forza nas que Claudio Rodríguez Fer fixo descansar a triloxía que, despois de Lugo Blues (1987) e A loita continúa (2004), vén clausurar Ámote vermella (nunha coidadísima edición, por certo, ilustrada por Sara Lamas, con protagonismo absoluto da cor vermella e fóra de colección). A primeira desas liñas de forza recoñécese na reivindicación da dignidade e da xustiza para as vítimas do fascismo e do autoritarismo no século XX, representada nesta terceira entrega na memoria e no recoñecemento das mulleres represaliadas pola ditadura de Franco.

A segunda fronte de intervención dá continuidade ao emblema da traxectoria anterior do autor, pois reincide na construción dun imaxinario amoroso,  rico en imaxes audaces e alicerzado na súa ligazón coa pulsión sexual, a representación corporal, a tensión telúrica e unha ideoloxía de signo libertario. Todas estas condicións recoñécense, en maior ou menor medida, no prescrito por algunhas das poéticas surrealistas de comezos de século e reforzan, en última instancia, a necesidade de observar as producións de Rodríguez Fer, Olga Novo e Carmen Blanco como resultado dun mesmo núcleo de creación partillado, reconfortado e exhibido sen complexos.

«Ámote vermella»

Marzo 29, 2009

Recollemos o comentario que sobre Ámote vermella, o poemario de Claudio R.Fer, ilustrado por Sara Lamas, publica o blog Trafegando ronseis.

Claudio Rodríguez Fer xunto coa ilustradora Sara Lamas presentan un libro fermoso tanto pola edición como pola idea: un poemario dedicado ás mulleres represaliadas e esquecidas da nosa terra: Ámote vermella. E digo que é fermoso en canto á idea, porque tal como afirma o autor a súa intención é “afirmar a vida, loitar contra a morte. Cómpre unha catarse colectiva para superar o trauma deste esquecemento no que vivimos instalados nunha democracia tardofranquista amnésica. O franquismo foi unha ditadura androcéntrica e machista, que practicou a violencia de xénero. Setenta anos despois, quixemos demostrar que hai quen as ama, aquí están os seus nomes elas que foron as esquecidas entre os esquecidos, aquí están os seus retratos, cando tivemos a fortuna de atopalos”. En canto á edición, paréceme un libro preciso, cunhas ilustracións exquisitas, todo el en vermello.
Outra cousa diferente desde o meu punto de vista é o poemario en si, que non acabou de convencerme. Porén, como adoita acontecer, hai poemas que gustan máis ca outros, e como é costume déixovos unha pequena selección. Recoméndovos a súa lectura por mor de sabermos máis sobre nós mesmos, sobre o noso pasado recente, sobre unhas mulleres esquecidas por seren mulleres, sobre a valentía da vida naquela época, sobre o feito de procurar unhas ideas que outros non consentiron. Cómpre lembrar, porque na memoria radica a forza de que non volvan acontecer feitos coma estes.

«Ámote vermella», o recital de Lugo

Marzo 25, 2009

Eis a crónica da presentación recital do pasado luns en Lugo de Ámote vermella, o poemario de Claudio R. Fer.

«Ámote vermella», presentación en Lugo

Marzo 22, 2009

amotevermella10Ámote vermella, o poemario de Claudio R. Fer, ilustrado pr Sara Lamas presentarase mañá, luns, 23 de marzo, ás 19:00 horas na sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo. No acto participará o autor, que recitará parte dos poemas do libro, xunto co editor Manuel Bragado. Esta presentación recital de Ámote vermella encádrase dentro do proxecto exposición  Vermellas. Chamábanlles “rojas”. promovido por Lugo Cultural.

«Vermellas», inauguración da exposición

Marzo 5, 2009

exposicion-vermellas1Mañá, 6 de marzo, ás 20:00 horas, na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo, inaugúrase a exposición itinerante «Vermellas», proxecto multidisciplinar do que forma parte o libro Ámote vermella de Claudio R.Fer, ilustrado pola pintora Sara Lamas.

«Ámote vermella», novo poemario de Claudio Rodríguez Fer

Febreiro 13, 2009

Acaban de chegar da imprenta os primeiros exemplares do novo poemario de Claudio Rodríguez Fer, Ámote vermella. O poemario, ilustrado pola pintora Sara Lamas, forma parte do proxecto da exposición «Vermellas», dedicadas ás mulleres represalidas, organizada pola Universidade de Santiago e que será inaugurada no Campus de Lugo o vindeiro mes de marzo. A presentación do poemario realizarase coincidindo coa exposición.

xg00159301Con Ámote vermella, o poeta Claudio Rodríguez Fer conclúe a súa triloxía poética sobre a memoria histórica iniciada con Lugo blues e proseguida con A loita continúa (Xerais 2004). Este poemario elexíaco, ilustrado pola pintora Sara Lamas, está organizado en tres partes: I. “No corazón da besta”; II. “Na besta do corazón” e III. “Memoria contra a morte”. Na primeira parte, a máis extensa do libro o poeta e a pintora homenaxean a todas as mulleres vítimas da barbarie do 36, esquecidas entre os esquecidos. Así recupérase a memoria e o rostro das mulleres libertarias asasinadas en Galicia, como Josefa Barreiro González, nai humilde ou Dolores Blanco Montes, a voz das conserveiras e atadeiras do Morrazo. Outrosí faise con Juana Capdevielle, secuestrada tras ser fusilado o seu marido, Francisco Pérez Carballo, gobernador republicano da Coruña, e asasinada e enterrada en Rábade o 18 de agosto de 1936. Elexía pronunciada na lembranza de Amada García, fusilada en Ferrol o 27 de xaneiro de 1938, tras despedirse do seu pai, do seu marido e do seu fillo, acabado de nacer. Homenaxe que se estende ás mestras represaliadas (como María Vázquez Suárez, Mercedes Romero Abella ou a ourensá Erundina Álvarez Pérez), ás matronas republicanas, ás decenas de mulleres descoñecidas que agocharon a fuxidos e pagaron coa súa vida por isto ou a todas as mulleres que tolearon de dor durante aqueles anos da represión. Na segunda e terceira parte, o poeta homenaxea as súas voces filiais máis queridas. Ámote vermella é un berro emocionante contra o exterminio atroz daquelas vidas desfeitas, contra o esquecemento inxusto e o silencio cómplice no que se mantivo a estas vítimas do fascismo, ao tempo que cosntitúe un chamado en solidariedade con todas as comunidades do mundo que padecesen calquera ditadura do terror.