Posts Tagged ‘polo_correo_do_vento’

Aquilino Iglesia Alvariño, 12 de xuño, celebración en Abadín do centenario do seu nacemento

Xuño 11, 2009

Con motivo do centenario do nacemento de Aquilino Iglesia Alvariño (Seivane, Abadín, 12 de xuño 1909) Xerais publica a monografía O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño do profesor Luciano Rodríguez Gómez. Xerais ten no seu catálogo a maior parte da obra do poeta chairego, dentro da Biblioteca das Letras Galegas o volume Poesías, preparado por tamén por Luciano Rodríguez Gómez, e Polo correo do vento, unha escolma dos poemas de Aquilino dirixidos ao público infantil.

XG00163901Hai cen anos, o 12 de xuño de 1909, nunha aldea luguesa (Seivane-Graña de Vilarente) do Concello de Abadín, nacía Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961).A súa formación comezou no Seminario Santa Catalina de Mondoñedo, para licenciarse logo en Filosofía e Letras pola Universidade compostelana, e converterse, finalmente en catedrático de Latín de Ensino Medio (1949). Aquilino Iglesia Alvariño foi responsable desta materia no Instituto de Lugo, Pontevedra e finalmente no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela. Unha sólida formación nos autores clásicos gregos e latinos e nos autores da modernidade deron como resultado unha obra poética das máis compactas e calladas que floriron na poesía galega do século xx.

Con motivo do centenario do seu nacemento, o profesor Luciano Rodríguez da á luz esta magnífica aproximación á súa obra poética. O pó dos días estrutúrase en dúas sesións: na primeira, «Os días», dáse conta da súa peripecia biográfica; e na segunda, «As palabras», proponse unha lectura dos seis poemarios galegos que organizou e publicou Aquilino Iglesia Alvariño, un autor que fixo da lingua a súa patria.

Xerais uniuse á celebración dos actos deste centenario que, organizados polo concello de Abadín e o PEN de Galicia, terán lugar en Abadín o vindeiro venres, 12 de xuño.

Actos que comezarán ás 19:00 horas, cunha recepción diante do concello ás autoridades e participante. A continuación, os participantes desprazaranse a Seivane, onde na casa natal do poeta se desvelará unha praca conmemorativa e fará uso da palabra Luís González Tosar, presidente do PEN Galicia.

De regreso a Abadín, ás 20:00 horas comezará un acto literario nas instalacións do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño, no que intervirán os escritores Luís González Tosar, Santiago Fernández Rocha, Xosé Miranda e Luciano Rodríguez, e Anxo Lorenzo (secretario Xeral de Política Lingüística) e Francisco López Barxas (director Xeral de Cultura).

Aos asistentes ao acto, faráselle entrega do libro O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño da autoría de Luciano Rodríguez. Agasallo do Concello de Abadín e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

«Mariquiña, a carteira andoriña»

Febreiro 21, 2009

María Navarro publica no «Faro da Cultura» do 19 de febreiro unha crítica sobre Mariquiña a carteira andoriña, o libro de Mau e Pin, primeiro título da colección «Polo correo do vento». Reproducimos o texto:

formato paxina imparDa man de Edicións Xerais de Galicia chega Mariquiña a andoriña, unha carteira ben singular que percorre Galica entregándolles correspondencia a outros iguais. A pega, o paporroibo, a pomba, a bubela ou o galo son algúns dos destinatarios das súas cartas a Tui, Vigo, Pontevedra, Ferrol, Lugo ou O Corurel, os lugares aos que se despraza a andoriña para cumprir co desexo do emisor de que a súa mensaxe sexa ben recibida. Son mensaxes de seres queridos que dalgunha forma alegran a vida ao seren compartidas cos demais, así Amador, o paxaro pescador, recibe carta do seu irmán Xaquín dende Pequín; da mesma fora que Piruco, o cuco, é convidado a unha papadela, ou Lalo, o urogalo, recibe unha canción do seu sobriño Paspallás, o gaiteiro que fai música co seu peteiro.

O interese do libro, con textos concisos e que dende o punto de vista plástico combina ilustracións e fotografía radica no conxunto e nas partes. A análise da globalidade lévanos a percibir a historia coma unha homenaxe ao colectivo de emisarios. de modo particular asistimos dende a perspectiva pedagóxica ao tratamento dunha ampla vareidade de campos: mundo dos paxaros, puntos xeográficos estratéxicos, referencias á riqueza natural do País, alusións ao noso patrimonio cultural e mesmo incursións nas tradicións, acompañados en todo momento por sinxelas rimas, estruturas reiterativas que aseguran recepción, sintaxe recurrente e vocabulario apropiado á idades dos destinatarios.

Ao final do libro adican, o autor Mau e o ilustrador PIn, unhas páxinas á práctica individual e colectiva. Recóllense aquí variadas cuestións acerca da propia historia, un vocabulario de personaxes que interveñan no percorrido e un apartado no que baixo o título «Que aprendiches?», se invita a traballar a comprensión do texto e relacionalo con coñecementos previos de xeografía, bioloxía, literatura ou historia, nunhas ocasións co formato de pregunta curta, noutras con respostas opcionais e noutras máis lúdicas como a sopa de letras. Remata o apartado cun coñecido poema de Manuel María, musicado por Suso Vaamonde, e unha actividade plástica de colorear, e cóbrense así as posibildiades que presentan o texto e os denuxos, importante para o desenvolvemento cognitivo e psicolóxico do neno. María Navarro.

«Polo correo do vento», nova colección infantil

Outubro 21, 2008

Esta semana chegan ás librarías os tres primeiros títulos de «Polo correo do vento», unha nova colección de non ficción destinada a primeiros lectores. Preparada por Mau e Pin, cada libro está concibido para inicialos no coñecemento da natureza galega e doutros temas relacionados coa cultura de noso, ademais de facer moito fincapé na onomástica galega.

Cada un dos libros conta con trinta dúas páxinas a toda cor. O primeiro, Mariquiña, a carteira andoriña, está protagonizado polos paxaros máis habituais da natureza galega (a andoriña, a gaivota, o paporroibo, a pomba, o corvo mariño), abordándose, ademais, a cuestión do paraentesco e o coñecemento das cidades galegas e dos nosos espazos naturais. O segundo, Hugo, o carteiro teixugo, está protagonizado por algúns dos mamíferos da nosa fauna (o teixugo, a toupiña, o xabaril, o furón, a raposa…), presentando os diversos oficios tradicionais e algúns espazos paisaxísticos da Galicia inter-ior (Ancares, Fragas do Eume…), E o terceiro, Xelo, o carteiro xurelo, está protagonizado por algunhas das nosas especies máis emblemáticas da nosa fauna mariña (o polbo, o linguado, o rodaballo, o peixe sapo, a sardiña…), presentando diversos obxectos de uso cotián e algúns dos espazos naturais protexidos da nosa beiramar (as dunas de Corrubedo, a praia das Catedrais, a Lanzada, a praia de Carnota…

Cada un dos volumes complétase cun epílogo, «¿Qué aprendiches?», con actividades lúdicas que pretenden facilitar o labor dos pais ou dos mestres á hora de traballar a comprensión do texto, ademais dunha páxina dedicada a colorear os animais protagonistas de cada un dos volumes.