Posts Tagged ‘oito_doas_para_san_simón’

Agustín Fernández Paz, entrevista nos Premios Xerais 2009

Xuño 12, 2009

Vídeoentrevista a AgustínFernández Paz, tras a cerimonia dos Premios Xerais 2009, onde leu o discurso Oito doas para San Simón. Na entrevista, Agustín fala, ademais, de Lúa do Senegal, a súa máis recente novela, publicada na colección Sopa de Libros.

Agustín Fernández Paz: «Oito doas para San Simón»

Xuño 8, 2009

Agustín Fernández Paz, como mantedor literario da XXVIª edición dos Premios Xerais, leu o discurso titulado Oito doas para san Simón (pode descargarse o arquivo pdf aquí)), no que fixo unha defensa do papel da creación literaria en lingua galega como forma de participar na cultura da humanidade. Nesta liña rematou a súa intervención con estas palabras:

Estamos afeitos a traballar en situacións adversas. Na historia da nosa literatura as liñas de resistencia activa veñen de lonxe. De Rosalía, rebelándose contra o feito de sentirse estranxeira na súa patria; de Curros, que denuncia a ameaza dos lobos e clama pola unión; de Cunqueiro pechado na súa bufarda de Mondoñedo a soñar as mil primaveras para a lingua estigmatizada; de Celso Emilio, falándolle como un irmau solidario a todos os desposuído do mundo… A nosa forma de participar na cultura da humanidade é desenvolvendo a cultura galega. Temos dentro de nós a materia que lle pode interesar a calquera persoa en calquera lugar do mundo, só precisamos plasmala a través do proceso de creación. Para conseguilo, cómpre chantar os pés na nosa realidade e, coas raíces na terra, abrirnos a todos os ventos culturais do mundo. Porque aquí están as fábricas da imaxinación das que fala Manuel Rivas, delas poden saír creacións que tamén se lean en toda a periferia mundial. Obras cargadas de vida, obras cunha luz tan forte que sexa imposible de agochar. Un dos trazos máis significativos da cultura galega, que tan ben souberon expresar os membros da Xeración Nós, é a súa vocación de ser célula de universalidade, a súa vontade de ser unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas: a súa conciencia de que só se pode ser universal desde as propias raíces.