La Voz de Galicia fíxose eco do acto de presentación na Feira do Libro de Vigo de Sansón Troleyro. Estudante de pan e sardiña, a primeira novela de Enrique Vázquez Pita no catálogo da editorial, coa que tamén inicia unha triloxía para a colección Fóra de Xogo. Na foto de Óscar Vázquez o novelista coruñés acompañado do director da editorial.
Posts Tagged ‘sansón_troleyro’
Enrique Vázquez Pita presentou «Sanson Troleyro»
Agosto 2, 2009Actos de Xerais na Feira do Libro de Vigo
Xuño 24, 2009Adiantamos os actos organizados por Xerais na Feira do Libro de Vigo que terá lugar na Alameda dende o 10 ao 19 de xullo.
Día 10 venres, ás 19,00 horas:
Conferencia do profesor Xesús Alonso Montero arredor dos seus libros máis recentes: Cartas de republicanos Galegos condenados a morte (1936-1948) publicado por Xerais e Ramón Piñeiro ou a reinvención da Cultura Galega publicado por Galaxia Intervirán: Xesús Alonso Montero, Manuel Bragado e Carlos Lema.
Día 11 sábado, ás 20,30 horas:
Presentación do libro Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita. Intervirán: Enrique Vázquez Pita e Manuel Bragado.
Día 13 luns, ás 20,30 horas:
Luís Rei Núñez asinará exemplares do seu libro Monte Louro (Premio Blanco Amor 2009).
Día 15 mércores, ás 20,30 horas:
Presentación do libro Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz. Intervirán: Paula Fernández, Manuel Bragado e Agustín Fernández Paz.
Día 16 mércores, ás 20,30 horas:
Presentación do libro Prostitución: Clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías sexuais masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire. Intervirán: Manuel Bragado e as autoras.
Xerais, novidades do mes de xuño
Xuño 5, 2009Xerais publicará catorce novidades ao longo deste mes de xuño.
Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas A vida do outro de Carlos Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008 da Deputación Provincial da Coruña; Monte Louro de Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor 2009; e Pirata de María Reimóndez. Títulos, ambos os tres, que estarán nas librarías durante a primeira quincena do mes.
Na colección Xerais Crónica publicarase Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero.
Na Biblioteca Dramática Galega, coeditada con AGADIC, publícase Pingueiras e tarteiras, peza de Teresa Gonzaléz Costa gañadora do IIIº Premio Manuel María Literatura Dramática Infantil, ilustrada por Rodrigo Chao.
Na colección Fóra de Xogo aparecerá a novela Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita e o poemario Makinaria de Carlos Negro.
Na colección Sopa de Libros Andanzas de Xan Farrapeiro de Ramón Caride, ilustrado por Marisa Irimia, e Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz, ilsutrado por Marina Seoane.
Na colección Xerais Universitaria publicarase O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño de Luciano Rodríguez Gómez, libro que aparecerá coincidindo co cen aniversario do nacemento do poeta de Seivane o 12 de xuño de 1909; e Prostitución. clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire.
Por último, publicarase o volume que recolle as obras gañadoras dos Premio 2008 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo e os Cadernos do Profesorado de Primaria e Secundaria para o vindeiro curso 2009/2010.
“Sansón Troleyro” de Enrique Vázquez Pita
Xuño 3, 2009Acaban de entrar no almacén a edición de Sansón Troleyro. Estudante de pan e sardiña, a novela histórica coa que Enrique Vázquez Pita debuta no catálogo da editorial.
Sansón Troleyro, estudante de Medicina, posiblemente sexa o veciño máis intelixente e espelido de Santiago en 1672. Pero ninguén recoñece a súa agudeza. O seu señor, o colexial don Baltasar, obrígao a compoñer poemas, móeo a couces e trátao coma un can. O bacharel Sansón tamén ten enredos coa Inquisición, que o persegue porque disque é bisneto dunha meiga de Cangas e porque lles anda a vender herbas da risa aos peregrinos. Os seus profesores e compañeiros téñeno por burricán e búrlanse das súas novas teorías sobre a circulación do sangue. Ademais, Troleyro vive atormentrado polo sospeitoso pasado da súa familia de menciñeiros e curandeiros, pese a que el interésanlle mñías as ciencias e a razón que ilumina Europa. É un inadaptado, un rebelde fóra de tempo e lugar que ve como a vida pasa e se lle escorre entre as lecturas prohibidas polo Santo Oficio. Pero grazas ao seu enxeño e a novos aparellos como o microscopio gaña fama pola súa agudeza para resolver crimes e salvar a vida de inocentes, que non de doentes.
Sansón Troleyro. Estudante de pan e sardiña, primeira novela de Enrique Vázquez Pita no catálogo de Xerais, é a primeira entrega dunha serie protagonizada por este inquedo e rebelde bacharel compostelán do século XVII.