Posts Tagged ‘game_over’

As novidades de literatura dramática de 2008 por Rubén Ruibal

Xaneiro 18, 2009

Na recollida de textos publicados polos medios, que vimos realizando no blog, quedounos atrás o magnífico traballo que Rubén Ruibal publicou o pasado 3 de xaneiro no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia (non está publicado na rede). No longo artigo, que ocupa dúas páxinas, o autor fai un percorrido polas novidades de literatura dramática publicadas en 2008. Recollemos algúns dos parágrafos que fan referencia aos títulos editados por Xerais:

xg00140301Tentando citar todo, emprezo pola literatura infantil. A publicación máis destacada do 2008 foi o Game over de Carlos Losada, gañador do premio Manuel María 2007. […] Levado á escena por Cachuzo, é posible que no 2009, se a lotería das programacións o contempla, teñamos de novo a oportunidade de velo nos escenarios galegos. Ó meu modo de ver, o espectáculo ten un gran problema: lonxe do habitual, non trata ós nenos coma parvos.

[…]

xg00136401Falando de autores galegos que chegan ós escenarios, se cadra con menos fortuna do que merecen, Roberto Salgueiro publicou no 2008 dentro da Biblioteca Dramática Galega de Xerais o texto gañador do premio Álvaro Cunqueiro 2007, Historia da chuvia que cae tódolos días, no que un pai, un fillo e a moza deste viven, sofren e reflexionan en torno ás miserias da emigración e da permanencia na terra propia nun espazo fechado arredor do cal todo se afunde na auga da chuvia; un texto ben recomendable. Nesa colección publica Raúl Dans, Nachtmarhr, un exercicio de liberdade literaria que non deixa escapar ó lector dende a primeira á ultima liña e sorprende pola riqueza de imaxes escénicas que provoca. Unha das miñas pezas preferidas deste autor e, probablemente, do 2008. Xerais tamén sacou á rúa o libro-CD do IIº certame de Teatro radiofónico do «Diario Cultural» da Radio Galega, a oportunidade de ler teatro sen esforzo de pasar páxinas xg00133001sequera; non teñen excusa. Xerais agasallounos, tamén, xa para rematar, coa Obra Dramática de Francisco Taxes, un gran libro que merece, en calquera país teatralmente civilizado, algo mási que esta simple nota nunha sorte de resume anual. Un volume imprescindible. Rubén Ruibal

«Game over», crítica en «Faro da Cultura»

Outubro 9, 2008

Paula Fernández publica no Faro da Cultura de hoxe unha crítica sobre Game over, a peza de Carlos Losada gañadora do IIº Premio Manuel María de literatura dramática infantil.

«Game Over», presentación

Outubro 1, 2008

O Salón Teatro de Santiago acolle mañá 2 de outubro ás 11:00 h a presentación en rolda de prensa da estrea absoluta do espectáculo Game over, da compañía Cachuzo Teatro, así como da publicación, a cargo de Edicións Xerais de Galicia, deste texto de Carlos Losada Galiñáns, premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2007, dentro da Biblioteca Dramática Galega. Na presentación intervirá a directora do centro dramático galego-Salón Teatro, Cristina Domínguez Dapena; o director de AGADIC, Miguel Martín; Carlos Losada, autor do texto; Manuel Bragado, director de Xerais; así como Daniel Méndez e Pepa Yáñez, actor e actriz do elenco. A estrea da montaxe será o venres, día 3, ás 20:00 horas; e haberá outras dúas funcións, o sábado 4, ás 20:00 horas e o domingo 5, ás 18:00 horas.

Roi acende a videoconsola para botar outra partida co seu xogo favorito dende hai unhas semanas, a última versión dos súper loitadores Mortal Combat versión 3.0. Pendente de chegar á gran final do xogo, nin atende a chamada do seu amigo Sebas, nin a do seu pai e ten unha boa liorta coa súa nai. Roi, a pesar de todo, xoga coa consola ata quedar durmido deixando a Ken, o personaxe do seu vídeoxogo favorito, perdido baixo as letras vermellas de “Game over”. Roi emprende así a viaxe ao seu país das marabillas e dos seus medos. Game over de Carlos Losada obtivo o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2007. O xurado do certame salientou o interese do tema central da peza, o illamento ao que se someten na actualidade os pequenos enganchados ao mundo das pantallas. Así mesmo, destacou o interesante tratamento que se lle  concede á violencia e a introdución da máquina como un dos personaxes. A presente edición, de Xerais e IGAEM, foi ilustrada por Fran Pedreira.

“Game over”, Carlos Losada

Xuño 3, 2008

A vindeira semana aparecerá nas librarías Game over, a peza de Carlos Losada, ilustrada por Fran Pedreira, gañadora do IIº Premio Manuel María de literatura dramática infantil.