Posts Tagged ‘carlos_negro’

“Makinaria”, crítica en “lg3”

Xuño 29, 2009

Isabel Soto publica en “lg3” unha nova crítica sobre o poemario Makinaria de Carlos Negro.

XG00163201Makinaria cheira a música a todo volume, a ritmo marcado e persistente, a letras de cancións, susceptibles de seren declamadas ou berradas, a makina e hip hop, a coches maqueados, a velocidade, a goma de pneumático queimada. Un libro de versos sen final feliz: porque a Morte converte a euforia en chatarra. Makinaria: nin difícil, nin aburrido. Accesible, breve, espido de concepcións idealizadas para tratar a dor, a angustia, o medo, a morte, o perigo de queimalo todo axiña.

“Makinaria”, primeira crítica

Xuño 27, 2009

XG00163201Montse Penas publica no suplemento «Nós» de Xornal de Galicia a primeira crítica tras a aparición do poemario de Carlos Negro Makinaria dentro da colección xuvenil Fóra de Xogo. Baixo o título de «Poesía para a mocidade: a virazón do aire», Montse Penas ofrece un texto no que reflexiona sobre o indubidable interese da mocidade pola lectura de poesía, ao tempo que considera o poemario de Carlos Negro como «unha ventada de aire fresco».

“Makinaria”, presentación en Dodro

Xuño 25, 2009

XG00163201Mañá, 26 de xuño, ás 12:00 horas no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro presentarase Makinaria, o poemario máis recente de Carlos Negro. No acto o autor estará acompañado por Fran Alonso.

Xerais, novidades do mes de xuño

Xuño 5, 2009

Xerais publicará catorce novidades ao longo deste mes de xuño.

XG00164001Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas A vida do outro de Carlos Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008 da Deputación Provincial da Coruña; Monte Louro de Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor 2009; e Pirata de María Reimóndez.  Títulos, ambos os tres, que estarán nas librarías durante a primeira quincena do mes.

Na colección Xerais Crónica publicarase Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero.

XG00157101Na Biblioteca Dramática Galega, coeditada con AGADIC, publícase Pingueiras e tarteiras, peza de Teresa Gonzaléz Costa gañadora do IIIº Premio Manuel María Literatura Dramática Infantil,  ilustrada por Rodrigo Chao.

Na colección Fóra de Xogo aparecerá a novela Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita e o poemario Makinaria de Carlos Negro.

Na colección Sopa de Libros Andanzas de Xan Farrapeiro de Ramón Caride, ilustrado por Marisa Irimia, e Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz, ilsutrado por Marina Seoane.

XG00163901Na colección Xerais Universitaria publicarase O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño de Luciano Rodríguez Gómez, libro que aparecerá coincidindo co cen aniversario do nacemento do poeta de Seivane o 12 de xuño de 1909; e Prostitución. clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire.

Por último, publicarase o volume que recolle as obras gañadoras dos Premio 2008 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo e os Cadernos do Profesorado de Primaria e Secundaria para o vindeiro curso 2009/2010.

“Makinaria” de Carlos Negro

Xuño 5, 2009

Makinaria de Carlos Negro é, tras o éxito rotundo de Poetízate, o primeiro poemario individual publicado dentro da colección Fóra de Xogo. Unha aceleración poética para lectores e lectoras adolescentes que chegará ás librarías a partir do 15 de xuño.

XG00163201Makinaria de Carlos Negro é unha aceleración poética de cero a cen en tres segundos. Se tes arredor de quince anos, vas de malote e mallas na música, este pode ser o teu libro; un libro de versos co depósito cheo de gasolina, testosterona e alcohol; un libro de versos tuneados, maqueados de furia xuvenil, sen máis límite que o do contaquilómetros que sinala unha ruta suicida; un libro de versos sen final feliz: porque a Morte converte a euforia en chatarra, porque só admite como meta o destino cemiterio.