Posts Tagged ‘marina_seoane’

Mar Mato entrevista a Agustín Fernández Paz

Xuño 20, 2009

2009-06-19_IMG_2009-06-19_21_54_16_soc2pazMar Mato entrevista a Agustín Fernández Paz para Faro de Vigo e para La Opinión da Coruña. A conversa céntrase arredor da aparición nas librarías de Lúa do Senegal, a nova novela de Agustín que  recibirá o martes, 23 de xuño, en Teruel o Premio Nacional de Literatura Infantil 2009. Recollemos unha parte da conversa:

Tralo éxito de O único que queda é o amor, Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 2008, Agustín Fernández Paz retornou á súa liturxia de papeis amarelos para escribir. Desta vez, unha nena de dez anos vida de Senegal a Vigo e de nome Khoedi plantexa a dor do desarraigo dos inmigrantes en Galicia, o espazo que ela e outros personaxes califican como “o país das ausencias”. A escasas horas de ser homenaxeado como “O escritor na súa terra” pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, Fernández Paz profundiza sobre a súa última obra, Lúa de Senegal (editado por Xerais e que conta con belísimas ilustracións de Marina Seoane).
Lúa do Senegal, un título ao que se fai referencia case en cada páxina do libro e mesmo no ritmo de narración.
–É un título que me veu pronto á cabeza cando me metín na historia. Á protagonista, cando chega a Vigo, todo lle parece dististo. O único que recoñece como igual é a lúa que brilla pola noite; ese é o leitmotif que marca paso de tempo. A lúa serve de conexión coa realidade que deixou e a que se atopou. Ademais, a lúa marca tamén o ritmo da narración ao seguir as súas fases tomandas de tres meses do ano pasado.
–Onde comezou a tirar do fío para esta obra?
– Os libros case nunca xorden dun único fío. Recordo do meu caderno de notas a primeira imaxe que anotei sobre un emigrante, non sei de que nacionalidade, de pel negra, traballando no andamio dunha obra. Chamoume a atención. Había tempo que quería abordar o tema da inmigración e apetecíame contalo en forma de historia. Todo acabou plasmándose neste libro.
–Á parte dese obreiro, houbo outros africanos que lle serviron de luz para a narración?
– Non cheguei a coñecer a ningún porque, en realidade, a documentación que conseguín foi amplísima a partir de libros e recortes de prensa que me foron suficientes. Eu o que quería contar realmente era o tema da emigración e escollín Senegal porque parecía atractivo. Tamén falei cunha profesora que estivo cunha ONG na zona e que me deixoume ver centos de fotos.

Xerais, novidades do mes de xuño

Xuño 5, 2009

Xerais publicará catorce novidades ao longo deste mes de xuño.

XG00164001Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas A vida do outro de Carlos Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008 da Deputación Provincial da Coruña; Monte Louro de Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor 2009; e Pirata de María Reimóndez.  Títulos, ambos os tres, que estarán nas librarías durante a primeira quincena do mes.

Na colección Xerais Crónica publicarase Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero.

XG00157101Na Biblioteca Dramática Galega, coeditada con AGADIC, publícase Pingueiras e tarteiras, peza de Teresa Gonzaléz Costa gañadora do IIIº Premio Manuel María Literatura Dramática Infantil,  ilustrada por Rodrigo Chao.

Na colección Fóra de Xogo aparecerá a novela Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita e o poemario Makinaria de Carlos Negro.

Na colección Sopa de Libros Andanzas de Xan Farrapeiro de Ramón Caride, ilustrado por Marisa Irimia, e Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz, ilsutrado por Marina Seoane.

XG00163901Na colección Xerais Universitaria publicarase O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño de Luciano Rodríguez Gómez, libro que aparecerá coincidindo co cen aniversario do nacemento do poeta de Seivane o 12 de xuño de 1909; e Prostitución. clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire.

Por último, publicarase o volume que recolle as obras gañadoras dos Premio 2008 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo e os Cadernos do Profesorado de Primaria e Secundaria para o vindeiro curso 2009/2010.

“Lúa do Senegal”, novo libro de Agustín Fernández Paz

Maio 29, 2009

Acaba de entrar no almacén Lúa do Senegal, o novo libro de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Marina Seoane. Publicada na colección Sopa de Libros, na serie de 10 anos en diante, esta é a primeira novela publicada por Fernández Paz, tras a obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil. Lúa do Senegal será publicada no vindeiro outono en castelán por Anaya Infantil y Juvenil e en catalán por Barcanova. Lúa do Senegal chegará ás librarías galegas a partir do día 8 de xuño.

XG00165701Khoedi, unha nena de dez anos, ten que deixar a súa casa de Casamence, unha rexión ao sur do Senegal, para instalarse en Vigo, a cidade onde o seu pai xa leva varios anos emigrado. Na nova terra, a vida é dura para Khoedi: non coñece a ninguén e todo lle resulta diferente. Está en Europa, mais a súa cabeza e o seu corazón continúan en África. O único lazo entre a nova realidade e o mundo que deixou atrás é a Lúa que brilla no ceo polas noites, que serve, ademais, para marcar o paso do tempo.

Lúa do Senegal, a primeira novela que Agustín Fernández Paz publica tras a obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil, aborda o tema da emigración, ese drama que supón abandonar o propio país e marchar a outro para poder traballar e vivir con dignidade. E para falar do desarraigamento e do conflito emocional que supón ter que comezar desde cero nun lugar do que nada se coñece, Fernández Paz decidiu facelo a través dunha nena que conta en primeira persoa as dificultades que atopa e a súa loita por entender o que para ela é un novo mundo. Mais Khoedi é unha contadora de historias. Foi a súa avoa a persoa que lle aprendeu esa arte, ese gusto por inventar historias e contalas en voz alta.

Lúa do Senegal foi ilustrado por Marina Seoane quen conseguiu adentrarse na alma da protagonista, poñerlle rostro ao resto dos protagonistas e reflectir as paisaxes de dous mundos tan diferentes.