Posts Tagged ‘tic’

“O valor do envoltorio”, estudo sobre a influencia das TIC nos centros educativos

Setembro 8, 2008

Esta semana aparece nas librarías O valor do envoltorio. Un estudo sobre a influencia das TIC nos centros educativos, preparado polo Grupo Stellae, formado por profesorado da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago e coordinado por Mª Lourdes Montero Mesa.

Este libro está dirixido a todas aquelas persoas que se preguntan como mellorar a educación coa mirada posta nas transformacións das TIC (ordenadores, equipos multimedia de CD-ROM, Internet, televisión dixital, tecnoloxía móbil…), tan omnipresentes en todos os ámbitos da nosa vida cotiá.

A escola enfróntase na actualidade de maneira irreversible, aos retos de incorporación e apropiación das TIC; un dos principais é, sen dúbida, atopar o seu lugar nese proceso en función dos seus propios intereses educativos. Facelo require dun modelo no que teñan acomodo os patróns culturais cos que se socializan a infancia e a mocidade, favorecendo competencias culturais para comprender e utilizar os recursos expresivos das TIC e interpretar os seus discursos en clave sociopolítica. En definitiva, un compromiso cos niveis máis altos para todos os cidadáns no acceso á sociedade do coñecemento.

Hoxe hai máis xente que accede á educación pero, ao tempo, aumenta a disparidade entre aqueles que gozan dunha cualificación suficiente para o mercado de traballo e os que quedan á marxe. O mundo en que vivimos ofrece máis e mellores opcións, pero tamén entraña maiores riscos e incertezas. O fundamental é a capacidade humana para xerar e utilizar o coñecemento de modo eficaz e intelixente sobre unha base en continua transformación. Nada mellor para iso que a educación e formación permanentes. Este libro quere ser así un canto ao valor da aprendizaxe como principio educativo e, de maneira especial, a quen o fai posible: as institucións educativas e o profesorado.