Inmersos nun profundo debate sobre o futuro da lingua, acaba de chegarnos ao almacén A represión lingüística en Galiza no século XX (Aproximación cualitativa á situación sociolingüística de Galiza), o voluminoso libro (case 900 páxinas) profesora pontevedresa María Pilar Freitas Juvino. Cremos que estamos diante dunha contribución decisiva e moi clarificadora para abordar este debate fulcral para a sociedade galega. O libro da profesora Freitas estará nas librarías a comezos do mes de maio.
Nun momento en que desde algúns sectores minoritarios da sociedade se pide a derrogación da Lei de Normalización Lingüística, en en nome da liberdade, se pretende revogar o decreto polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo, ou mesmo se propón lexislar para protexer o castelán fronte á imposición das outras linguas españolas, este libro da profesora María Pilar Freitas Juvino, ven a demostrar que se houbo unha lingua reprimida e perseguida en Galicia esta foi o galego. A represión lingüística en Galiza no século XX sitúase no contexto do contacto, substitución e morte de linguas como resultado, na maioría dos casos, dun proceso de imperialismo lingüístico. Fronte a isto, deféndese o ecoloxismo das linguas como unha caracterización arrequecedora, inherente ao ser humano e necesaria para a súa supervivencia.
Neste libro realízase unha exhaustiva análise das innúmeras agresións sufridas pola lingua galega ao longo do século XX, desde a lexislación emanada polo poder para lograr a imposición do castelán en todo o territorio nacional, ata o desmantelamento de institucións culturais, a persecución dos galeguistas ou a desprezo e a burla sufrida polos galegofalantes. Ademais, analízase a actitude de institucións como a Real Acaemia Galega ou a Igrexa con respecto da lingua de Galicia. Finalmente, investígase acerca de como esta realidade sociolingüística se viu plasmada na literatura galega, pois a literatura funciona como un espello no que se reflicte, non só a persecución e o desprezo ao galego, senón o complexo de inferioridade que estas actitudes prexuizosas xeraron na sociedade.
Etiquetas: freitas, galego, represión_lingüística
Maio 14, 2008 ás 2:01 pm |
[…] sección «Luces» de El País aparece esta entrevista á autora de A represión lingüística en Galiza no século XX, que pode ser empregado como recurso de aula en 1º e 2º de […]
Maio 30, 2008 ás 9:00 am |
[…] sección “Maré” do xornal Galicia Hoxe recóllese unha nova noticia sobre A represión lingüística en Galiza no século XX, de Mª Pilar Freitas, a partir do acto de presentación da obra que se celebrou onte en Pontevedra […]