Posts Tagged ‘premio_manuel_maría’

“Pingueiras e tarteiras” de Teresa González Costa presentación no Grove

Xuño 9, 2009

Esta semana chega ás librarías Pingueiras e tarteiras, a peza de Teresa González Costa gañadora do IIIº Premio Manuel María de literatura dramática infantil.

XG00157101No Castelo Grisallo todo é gris: desde o maimiño da raíña Otilia ata a súa cunca de porcelana inglesa. E tamén chove moito. A Súa Maxestade xa está cansa de colocar tarteiras debaixo das pingueiras. Pero un día chegan pola porta os catro membros do Circo do Paraugas: Chapeu Torto, o director-capitán; Culleriña, a funambulista-tripulante; Pelo Teso, o mimo-tripulante e Zapatóns, o pallaso-tripulante. Na sala do Castelo Grisallo, onde todos os días eran iguais, os membros do Circo do Paragugas coas súas brincadeira e xogos rematarán co soberano aburrimento. Pouco a pouco os membros desta compañía de circo -que outrora fora esplendorosa- daranlle cor a tanta monotonía. E farán que a mesma choiva soe a música: a música das pingueiras nas tarteiras.

Pingueiras e tarteiras de Teresa González Costa, a peza gañadora do IIIº Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, foi definida no ditame do xurado como unha “apoloxía da ledicia e da fantasía que ofrece unha visión atípica e desmitificadora de personaxes arquetípicos”. Unha obra que recorre a xogos de palabras para contar como a chegada dunha compañía de circo cambia a vida gris dun castelo. Esta primeira edición de Xerais e AGADIC foi ilustrada por Rodrigo Chao.

Pingueiras e tarteiras, así como Sempre quixen bailar un tango, tamén da autora, gañadora do Premio Álvaro Cunqueiro de literatura dramática 2008, presentarase o vindeiro sábado, 13 de xuño, ás 19,30 na Festa das Letras e do libro, que se celebrará na Praza de Arriba do concello do Grove e na que  a concellaría de Cultura do Grove  homenaxeará á autora.

Xerais, novidades do mes de xuño

Xuño 5, 2009

Xerais publicará catorce novidades ao longo deste mes de xuño.

XG00164001Na colección Xerais Narrativa aparecerán as novelas A vida do outro de Carlos Reigosa, Premio Torrente Ballester 2008 da Deputación Provincial da Coruña; Monte Louro de Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor 2009; e Pirata de María Reimóndez.  Títulos, ambos os tres, que estarán nas librarías durante a primeira quincena do mes.

Na colección Xerais Crónica publicarase Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero.

XG00157101Na Biblioteca Dramática Galega, coeditada con AGADIC, publícase Pingueiras e tarteiras, peza de Teresa Gonzaléz Costa gañadora do IIIº Premio Manuel María Literatura Dramática Infantil,  ilustrada por Rodrigo Chao.

Na colección Fóra de Xogo aparecerá a novela Sansón Troleyro de Enrique Vázquez Pita e o poemario Makinaria de Carlos Negro.

Na colección Sopa de Libros Andanzas de Xan Farrapeiro de Ramón Caride, ilustrado por Marisa Irimia, e Lúa do Senegal de Agustín Fernández Paz, ilsutrado por Marina Seoane.

XG00163901Na colección Xerais Universitaria publicarase O po dos días. Introdución temática á poesía de Aquilino Iglesia Alvariño de Luciano Rodríguez Gómez, libro que aparecerá coincidindo co cen aniversario do nacemento do poeta de Seivane o 12 de xuño de 1909; e Prostitución. clientes e outros homes. Análise sociolóxica das ideoloxías masculinas en Galicia de Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire.

Por último, publicarase o volume que recolle as obras gañadoras dos Premio 2008 de relato, poesía e tradución da Universidade de Vigo e os Cadernos do Profesorado de Primaria e Secundaria para o vindeiro curso 2009/2010.

«Game Over», presentación

Outubro 1, 2008

O Salón Teatro de Santiago acolle mañá 2 de outubro ás 11:00 h a presentación en rolda de prensa da estrea absoluta do espectáculo Game over, da compañía Cachuzo Teatro, así como da publicación, a cargo de Edicións Xerais de Galicia, deste texto de Carlos Losada Galiñáns, premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2007, dentro da Biblioteca Dramática Galega. Na presentación intervirá a directora do centro dramático galego-Salón Teatro, Cristina Domínguez Dapena; o director de AGADIC, Miguel Martín; Carlos Losada, autor do texto; Manuel Bragado, director de Xerais; así como Daniel Méndez e Pepa Yáñez, actor e actriz do elenco. A estrea da montaxe será o venres, día 3, ás 20:00 horas; e haberá outras dúas funcións, o sábado 4, ás 20:00 horas e o domingo 5, ás 18:00 horas.

Roi acende a videoconsola para botar outra partida co seu xogo favorito dende hai unhas semanas, a última versión dos súper loitadores Mortal Combat versión 3.0. Pendente de chegar á gran final do xogo, nin atende a chamada do seu amigo Sebas, nin a do seu pai e ten unha boa liorta coa súa nai. Roi, a pesar de todo, xoga coa consola ata quedar durmido deixando a Ken, o personaxe do seu vídeoxogo favorito, perdido baixo as letras vermellas de “Game over”. Roi emprende así a viaxe ao seu país das marabillas e dos seus medos. Game over de Carlos Losada obtivo o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2007. O xurado do certame salientou o interese do tema central da peza, o illamento ao que se someten na actualidade os pequenos enganchados ao mundo das pantallas. Así mesmo, destacou o interesante tratamento que se lle  concede á violencia e a introdución da máquina como un dos personaxes. A presente edición, de Xerais e IGAEM, foi ilustrada por Fran Pedreira.