Posts Tagged ‘xurxo_sierra’

Finalistas premios AELG2008

Marzo 18, 2009

Déronse a coñecer hoxe as obras finalistas dos premios AELG as mellores obras literarias do pasado ano 2008. En case todas as categorías son numerosas as obras editadas pola editorial.  Os membros da AELG poderán emitir o seu voto ata o 5 de maio.

Literatura infanto-xuvenil (Aelg-Gálix):
1. A Cabeza de Medusa, Marilar Aleixandre
2. Caderno de animalista, Antón Fortes Torres
3. Fume, Antón Fortes Torres
4. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
5. PAlAbrAs brAncAs, Elvira Riveiro

Poesía:
1. A melancolía dos corpos, Xulio López Valcárcel
2. Acendede as almenaras: cántigas de amor, de amigo e de escarnio, Bernardino Graña
3. Amor Amén, Iolanda Zúñiga
4. Construcións, Eduardo Estévez
5. Cultivos transxénicos, Carlos Negro
6. Hordas de escritura, Chus Pato
7. Látego de algas, Antón Reixa
8. Libro de Alicia, Olalla Cociña
9. Migracións. Rafa Villar
10. Non son de aquí, María do Cebreiro
11. O xeito de Freud, Carlos Lema
12. Reversos: días adiados, Ramiro Fonte

Teatro:
1. Fume / Insomnio, Rubén Ruibal Armesto e Carlos Losada Galiñáns
2. Historia da chuvia que cae todos os días, Roberto Salgueiro
3. Nachtmahr, Raúl Dans
4. Unha primavera para Aldara, Teresa Moure

Ensaio:
1. Anti Natura, María Xosé Queizán
2. Caderno de notas, Jenaro Marinhas del Valle
3. Fendas abertas: seis ensaios sobre a cuestión nacional, Carlos Taibo
4. Fin de século en Palestina, Miguel Anxo Murado
5. Historia de Ourense, Marcos Valcárcel
6. Miro Casabella e a nova canción galega, Xan Fraga
7. O espírito da letra. Nove achegas filosóficas a textos literarios, Luís G. Soto
8. O natural é político, Teresa Moure
9. Por unha Galiza liberada e novos ensaios, Xosé Manuel Beiras

Tradución:
1. A conxura dos necios (John Kennedy Toole), Eva María Almazán García
2. As flores do mal (Charles Baudelaire), Gonzalo Navaza
3. Cantos e fragmentos (Safo), Raúl Gómez Pato
4. O xiro postal (Sembène Ousmane), María Isabel García Fernández
5. Un home na escuridade (Paul Auster), Eva María Almazán García

Narrativa:
1. A choiva do mundo, Xosé Manuel Pacho Blanco
2. A verdade como mal menor, X. Luís Martínez Pereiro
3. Costa Norte/ZFK, Xurxo Borrazás
4. Festina lente, Marcos S. Calveiro
5. Memoria de cidades sen luz, Inma López Silva
6. O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo
7. O profesor de vegliota, Manuel Veiga
8. O xardín das pedras flotantes, Manuel Lourenzo
9. Os nomes do traidor, Xurxo Sierra Veloso
10. Shakespeare destilado, Xesús Constela

Xurxo Sierra, conversas en «Fervenzas literarias»

Xaneiro 14, 2009

Recomendamos a lectura da longa entrevista que «Fervenzas literarias» realiza a Xurxo Sierra con motivo da publicación d’ Os nomes do traidor. Recollemos algúns fragmentos:

10002540713Os nomes do traidor supón un cambio radical en canto á estrutura respecto as súas novelas anteriores. Aquí pasas a crear unha historia, aínda que tamén narrada en primeira persoa como en Os mércores de Fra pero por seis personaxes, con todo o traballo que supón á hora de definilos, como pode ser concibir as súas personalidades, todas elas diferentes entre si, xerar os diferentes puntos de vista dos feitos que se desenvolven…

Para min iso é un xogo moi divertido. Eu pásoo moi ben construíndo personaxes, é o que máis me gusta de escribir. Máis que crear un determinado estilo ou imaxinar unha ambientación prefiro meterme na pel dos personaxes, imaxinar como evolucionaría esta persoa, cales serían as súas frustracións, os seus pesadelos ou soños… Nese sentido repito que o pasei moi ben escribindo Os nomes do traidor porque me permitiu xogar moito, como co personaxe de Sampaio que, aínda que estea na cadea, é o autenticamente libre de todo o libro. Posibelmente Sampaio sexa o personaxe do que estou máis satisfeito de toda a miña obra literaria.

xg00147801Outra vez, como nas anteriores novelas, o protagonista é o prototipo do antiheroe. Qué lle supón de interese contar historias, por dicilo dalgún xeito, de perdedores?

Literariamente os perdedores son os personaxes máis interesantes que hai, os máis rendibles. Contar a historia dun tipo que acaba a carreira de económicas, que logo monta unha empresa e gaña moitos millóns non ten interese. O interesante é a xente que fracasa, que leva golpes, ver como se enfrontan aos seus problemas… Ben, por outra banda, todo o mundo na vida ten a sensación de ser un perdedor. Eu supoño que tipos como Bill Gates ou Amancio Ortega, debaixo desa fachada de éxito, teñen amarguras, teñen sensacións de fracasos. Todo o mundo tivo a unha Mabel que non lle fixo caso, ou un problema de identidade como Delanuit… Como dixo Sabina na canción que lle dedicou a Cristina Onassis:” Era tan pobre que no tenía más que dinero” ou, dito doutro xeito, detrás de cada gañador tamén hai un perdedor.


«Os nomes do traidor», crítica no «Faro da Cultura»

Setembro 26, 2008

Armando Requeixo publicou onte no Faro da Cultura unha crítica sobre Os nomes do traidor, a novela de Xurxo Sierra Veloso.

«Os nomes do traidor», crítica en «Culturas»

Setembro 18, 2008

Ramón Nicolás publicou o pasado 23 de agosto no suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha crítica sobre Os nomes do traidor, a novela de Xurxo Sierra Veloso. Reproducimos o texto:

SOBRE IDENTIDADES E TRAIZÓNS. XURXO SIERRA OFRECE UNHA INTENSA, MADURA E DESACOUGANTE NOVELA
Xurxo Sierra (Caracas, 1969), malia non ser un dos narradores galegos de maior presenza pública, si é un autor que xa posúe un corpus certamente a ter en conta constituído pola súa estrea –Os ollos do rei de copas (1994)-, á que seguiron Licor de abelá con xeo e Os mércores de Fra, ambas as dúas premiadas e publicadas en 2006, ata a presente Os nomes do traidor. Polo tanto catro novelas entre as que talvez se poida extraer, como un dos trazos máis peculiares da súa produción, a versatilidade temática que exhibe –nunca reescribe a mesma novela aínda que se ocupe con frecuencia de asuntos como a morte, o destino ou o amor- e mais o dominio das diferentes perspectivas e posibilidades técnicas desde as que abordar o exercicio de ficción.

Con todo, cómpre centrarse nesta proposta que afonda naquelas reviravoltas sufridas por un personaxe acollido a un programa de protección de testemuñas logo de declarar en contra dun narcotraficante. O asunto, que pode resultar máis ou menos atractivo, arróupase a través da mestizaxe, non sei se orixinal pero si moi efectiva, entre os xéneros da novela negra e da novela psicolóxica,  pairando así nas súas páxinas, e de xeito contundente e decisivo, tanto unha reflexión arredor do concepto da identidade persoal, do quen somos e cara a onde imos se seguimos sendo os mesmos ou se decidimos cambiar, como un proceso de esculca nas posibles consecuencias da práctica da traizón, que desde o singular deste caso ben se pode aplicar ao universal.

Sierra, así pois, opta por encaixar a súa historia nun molde fragmentario e alicerzado en múltiples perspectivas, estrutura que se alimenta desde un conxunto de voces e personaxes sólidos con acento propio que as fai doadamente recoñecibles polo lector a través dos diversos rexistros expresivos que outorgan a precisa verosimilitude e  facilitan a operación de singularizalos: velaí o máis común do protagonista Delanuit, pasando polo idiolecto culto de Sampaio ata aquel abeirado á xerga das fillas adolescentes do primeiro. Alén disto, é destacable a conxunción de planos espaciais mediante a que se nos traslada con axilidade dun a outro lugar e na que non falta, se cadra como marca de autor, un inexcusable sentido do humor espallado aquí e acolá, en ocasións entretecido cunha fina ironía cando esta se precisa.

As aparicións dunhas e doutras pezas deste friso, que nos conducen por sentimentos, actitudes e accións, por veces contradictorias pero sempre posibles, constrúen unha sorte de quebracabezas no que todo vai pouco a pouco atopando o seu lugar deixándonos transitar con liberdade ata darmos cun desenlace inesperado, de filiación moi cinematográfica ao meu ver. Unha novela áxil e fresca,  ben lonxe, así pois, de tonalidades por veces pretensiosas que matan o que podería ser unha boa historia. Ramón Nicolás

“Os nomes do traidor”, de Xurxo Sierra

Agosto 29, 2008

Galicia hoxe publica unha reportaxe sobre Os nomes de traidor, a máis recente novela de Xurxo Sierra Veloso.

“Os nomes do traidor”, a presentación

Xullo 6, 2008

A presentación d’ Os nomes do traidor, a novela de Xurxo Sierra Veloso, na Feira do libro de Vigo resultou moi concorrida. O libro foi glosado pola xornalista Belén López que comezou a súa intervención recordando que a novela de Xurxo Sierra fora a súa primeira opción cando foi membro do xurado do premio Xerais no ano 2007. “Sóubome a gloria cando a lin, porque reivindico o sentido do humor para a literatura galega. Os nomes do traidor ten unha estrutura fantástica e un final apoteósico. É unha novela refrescante, reconfortante porque reivindica o pracer da lectura. Recómendoa!”, comentou a xornalista de Diario de Pontevedra na súa intervención.

Pola súa banda, Xurxo Sierra Veloso comezou a súa intervención salientando que a palabra clave da novela é identidade. “Dende nenos sempre xogamos a ser outras persoas. Todos aspiramos nun momento determinado a comezar as nosas vidas de cero, a poder agasallarnos unha nova vida, que comece dende o principio, conseguir unha nova identidade. O protagonista da miña novela é unha persoa corrente, é un home que leva unha vida gris que muda radicalmente un día cando se lle ofrece a posibilidade de adoptar unha nova identidade, mais que non lle vai solucionar o problema, a agrisalla que o acompaña.” Con respecto á forma da novela, Sierra comentou que “pensei que lle viña ben o multiperspectivismo, unha fórmula que na novela galega tivo brillantes antecedentes como Scórpio de Ricardo Carvalho Calero“.

Xerais na Feira do Libro de Vigo

Xuño 25, 2008

Xerais realizará un importante número de actos na Feira do Libro de Vigo, que se celebrará na Alameda viguesa do 27 de xuño ao 6 de xullo.

  • 30 luns, ás 19,00 h: Manuel Rivas asinará Os Grouchos. 
  • 1 martes, ás 20,30 h: presentación de Festina lente de Marcos S. Calveiro. No acto intervirán Óscar Sánchez, Fran Alonso e o autor.
  • 2 mércores, ás 20,00 h: Agustín Fernández Paz asinará O único que queda é o amor.
  • 3 xoves, ás 20,00 h:  Manuel García Castro Magar” asinará Vigo por Magar e Fernando Quesada Chispas de Quesada. 
  • 3 xoves, ás  20,30 h: presentación de A idade da auga de James Salter. Intervirán Gonzalo Navaza, Manuel Bragado e o autor.
  • 4 venres, ás 20,00 h: Suso de Toro asinará Outra Galiza.
  • 4 venres, ás 20,30 h: presentación d’ Os nomes do traidor de Xurxo Sierra Veloso. Intervirán: Belén López, Manuel Bragado e o autor.
  • 5 sábado, ás 20,30 h: presentación de O profesor de vegliota de Manuel Veiga. Intervirán Manuel Bragado e o autor.

“Os nomes do traidor” de Xurxo Sierra Veloso

Xuño 18, 2008

Os nomes do traidor, é a primeira novela de Xurxo Sierra Veloso no catálogo de Xerais Narrativa. Reproducimos o texto da cuarta de cuberta:

Delanuit é acollido nun programa de protección a testemuñas tras delcrar en contra dun narcotraficante. Agachado nunha urbanización, o protagonista d’ Os nomes do traidor, a primeira novela de Xurxo Sierra Veloso en Xerais Narrativa, agarda o momento en que os seus inimigos por fin o atopen e o asasinen. Mentres agarda, o perseguido reflexiona sobre as distintas e sucesivas identidades que tivo na súa vida, ningunha delas tan satisfactoria como para que pagase a pena loitar por defendela. A través dunha multiplicidade de voces e rexistros expresivos (a do protagonista, a da súa muller, a dos sicarios, a da súa filla, a do narco que planea a vinganza…) vanse abrindo ao lector esta novela intrigante, que ofrece dous niveis de lectura. A medio camiño entre o xénero negro e o psicolóxico, Os nomes do traidor consegue crear unha tensión narrativa, ben dosificada, que preside a vida oculta do protagonista e nos remite a unha novela de extraordinaria expresión cinematográfica.

A novela de Xurxo Sierra será presentada na vindeira Feira do Libro de Vigo.