Posts Tagged ‘xabier_paz’

«Renacer», crítica de Caneiro en «Culturas»

Xaneiro 5, 2009

Xosé Carlos Caneiro publica no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha crítica sobre Renacer, a novela de Xabier Paz.

xg00139501O mellor que se pode dicir dunha novela é que lle faltan páxinas, que un queda debruzado na fin do texto agardando palabras e máis palabras, como música. É algo que sucede coas grandes obras que atan aos melómanos: as óperas que rematan deixando ao espectador un ansia inacabada, as sonatas do mestre Bach, as sinfonías únicas de Mahler. Se a novela que un xulga memorable é a primeira que redacta o seu autor, tal graza é preciso aplaudila e, fóra de todo prexuízo, louvala sen cese nin temor. Renacer de Xabier Paz é unha marabillosa novela que pasou desapercibida neste país atento á anécdota, á recompilación de inanidades ou á edición de pasatempos propia de literaturas negadoras da arte. Permítanme anotar algúns motivos polos que considero Renacer como o libro galego do ano. Esta escrita sen mirar aos públicos (porque mira ao tempo). Pescuda no pasado con ánimo indagador (non de feitos externos, senón de interiores: velaquí a verdadeira literatura), a súa prosa semella un inmenso pentagrama que mece os ollos e a alma dos lectores, politicamente incorrecta, incondicionada e incondicional, plena de contradicións, e tan ben escrita que un precisa lela en voz alta para considerar a súa verdadeira altura artística. Novela dura, sen concesións, reitero. Non se pode ler dunha soa vez, porque a prosa e a historia chega a aforgarnos. Pasou, repito de novo, sen pena nin gloria entre as novidades do 2008, pero é unha novela fonda e profunda, propia dun estudoso da literatura que acumula verdadeiras lecturas e non cúmulos de operetas tendentes ao ocio, ao presente e non á perdurabilidade. É novela existencial, que fala do home, polo tanto. Das súas angustias e padeceres, do desexo, da carne e do corazón. Do amor e da morte. Fala, pois, do inmortal. Quizá sexa este motivo definitivo que me empuxa a abrazar este texto, recomendalo onde sexa mester. Motivo definitivo que me impulsa a crer que a nosa literatura posúe talento, mestría, ambición e poder evocador. Con Renacer renace a literatura de Nós. Xosé Carlos Caneiro

Catro obras de Xerais entre «O mellor do 2008» para «Culturas»

Xaneiro 3, 2009

O suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia publica hoxe unha dobre páxina na que se recollen críticas de seis obras consideradas como «O mellor do 2008». Entre elas están catro publicadas pola editorial: O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González, O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas, Renacer de Xabier Paz e De provincia a nación. Historia do Galeguismo Político de Justo Beramendi, Premio Nacional de Ensaio 2008.

«Renacer», presentación na Coruña

Outubro 29, 2008

O vindeiro venres, 31 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Sargadelos da Coruña presentarase Renacer, a novela de Xabier Paz. No acto participarán Juana Otero Gómez, Manuel Bragado e o autor.

Xabier Paz, entrevistado por «A Nosa Terra»

Outubro 16, 2008

Xabier Paz, o autor de Renacer, é entrevistado por A Nosa Terra. Reproducimos dous fragmentos:

Topei coa figura de Aretino que era escritor e tamén cos seus amigos: Sansovino, arquitecto, e o pintor Tiziano. Unha impresionante concentración cultural nun momento de por si brillante para a cultura. Intereseime neles, sen pensar nunha novela. Pero o máis sorprendente da viaxe de descubrimento (máis que obriga de documentación) foi o encontro coa filla de Aretino, Adria, da que se coñece moi pouco.

[…]

A figura do pai, Aretino, está moi documentada, non provocaba moitos estímulos para escribir. Aretino era un escritor profesional, talvez un dos primeiros da historia, escribía, editaba e publicitábase a si mesmo. Ten cartas famosas, comedias estreadas en Venecia, literatura relixiosa e tamén obras alcumadas de pornográficas. Fachendeaba de coñecer tan ben a corte do Papa de Roma como o mundo das criadas e das prostitutas. Quixen imaxinar como reaccionaria Adria, a filla, ante tantos estímulos, tanto familiares como sociais. Iso tamén me levou a unha reflexión moral sobre as normas e o ideal de vida. Nesta Venecia do XVI están activos xa moitos dos principais valores de hoxe.

«Renacer», crítica en «Faro da Cultura»

Outubro 16, 2008

Francisco Martínez Bouzas publica en Faro da Cultura unha crítica de Renacer, a novela de Xabier Paz.

«Renacer», crítica en «Culturas»

Setembro 22, 2008

Ramón Nicolás publicou o pasado 26 de xullo no suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha crítica sobre Renacer, a novela de Xabier Paz publicada en Xerais Narrativa. Reproducimos o texto:

O ARETINO E AS SÚAS CONTRADICIÓNS. XABIER PAZ OFRECE UNHA NOVELA INTENSA CO ESPÍRITO DO RENACEMENTO ITALIANO COMO PANO DE FONDO

Xabier Paz (A Coruña, 1949), alén de posuír unha xa longa traxectoria poética, sorprendera gratamente por volta de hai tres anos coa publicación de Follas de bacallau, un libro que ao meu ver ía moito máis alá de espellar a épica que constitúe a vida cotiá nos pesqueiros galegos de grande altura; naquel volume encerraba os dotes dun narrador experimentado, cousa que nos vén confirmar esta novela acabada de saír do prelo de Edicións Xerais: Renacer.

Novela de protagonistas, mais ao tempo coral, estrutúrase con sinxeleza a través dun dobre fío narrativo que, por un lado, vén da man do poeta, escritor e dramaturgo Pietro Aretino, alicerzándose en textos de moi diversa filiación e, polo outro, a través do discurso da súa filla Adria quen, ao longo dunha noite e xa falecido o seu pai, desexa destruír uns documentos que, ás portas da contrarreforma,  podían resultar ben comprometidos ou perigosos. Mercé ao emprego desa estratexia Adria é quen de trazar unha panorámica completa da biografía de seu pai, mais ao tempo tamén se retrata a si mesma ao iren agromando todos os capítulos do seu pasado, que tamén son os da súa propia vida.

Deste xeito Xabier Paz é quen de conducir ao lector, cunha visión abeirada ao narrativo e ao descritivo, por aqueles topos universais que sería difícil esquivar nunha novela deste xorne: a morte, a amizade, o sexo, os afectos, a hipocrisía social, a propia literatura, a filosofía e o pensamento, as artes, a beleza e o seu canon, a educación, o papel da muller naquel tempo ou aquelasn que se rescatan do esquezo como Isabella d´Este, Catherine de Medici, Vittoria Colonna ou Gaspara Stampa… E faino todo sen que se aprecien as suturas, exhibindo unha capacidade de síntese sorprendente para deseñar a que foi unha das épocas máis atractivas e efervescentes desde o punto de vista dos avances científicos e humanísticos. Velaí como, e alén dos ecos que suscitan na biografía do protagonista personaxes como Miguelangelo, Buonarotti, Tiziano, Leonardo, Rafael, Bembo, Petrarca, Bocaccio ou Pico della Mirandola, xorden asuntos que confiren a necesaria verosimilitude como son as recorrentes reflexións sobre a pintura, a querenza polo «volgare ilustre» e  a «questione della lingua», sen esquecer outros como a creación literaria, o estilo do autor, as paixóns amorosas, con chiscadelas dirixidas ao tempo presente, fóra da presenza de multitude de libros apócrifos ou apógrafos.

Non sei se a novela quixo ser fiel á contraditoria figura do Arentino, pero sen dúbida no que non quixo converterse foi nunha biografía novelada do escritor: á marxe da fidelidade ou non ao que hoxe se coñece do escritor de Arezzo, a novela pretende, ao meu ver, afondar nun tempo e nunhas vidas cheas de forza interior e de tensión co obxectivo de «rinascere», isto é, de sobreporse ás circunstancias e comezar de novo cando aínda é posible. As reflexións sobre sentimentos ou actitudes de carácter universal e atemporal fan desta novela non só unha reconstrución dun personaxe histórico concreto e da súa filla, senón un exemplo do que foi o humanismo máis puro, un humanismo liberal coas súas luces e coas súas sombras, articulando así unha ventá aberta ao pasado que se beneficia dun esforzo creativo ben relevante e que obtén un resultado máis que satisfactorio. Ramón Nicolás

“Renacer”, crítica de Caneiro

Agosto 29, 2008

Reproducimos o texto da crítica de Renacer de Xabier Paz, publicada por Xosé Carlos Caneiro no suplemento Culturas de La Voz de Galicia o pasado 2 de agosto.

Son tres as novelas de cariz histórico que nos regalou Xerais nos últimos meses e que denotan, fundamentalmente, o olfato excelso dos seus editores. A Venus de cristal de Chelo Suárez, Festina lente de Marcos S. Calveiro e Renacer de Xabier Paz. A primeira e a última teñen recendo a renacemento italiano (de raíz marcadamente veneciana), a segunda ten o aroma de Compostela nos inicios do século XVII. En primeiro lugar cómpre felicitar á editorial por publicar, en tempos de crise literaria, tres textos eminentemente literarios. En segundo lugar, e antes de centar o meu discurso nun destes textos permítanme recomendar esta “varia triloxía” para que acompañe o seu lecer estival. Vou, pois, con Xabier Paz e Renacer, obxecto último que me permitiu gozar de modo amplo. De Xabier Paz admiro todo canto ten publicado, como poeta e como prosista, e fun defensor público e confeso da súa excelente cronica Follas do bocallau. Xabier Paz posúe calidade estética e iso, como ben saben, é o condimento esencial de calquera arte. Posúe linguaxe, capacidade expresiva e perspectiva artistica, ou sexa, que narra de tal xeito que produce goce estético pola intrínseca melodía da súa prosa. Renarcer garda virtudes que non poderei enumerar neste curto espazo, non obstante, permítanme recalcar que esas virtudes son de raíz estilística, non temática. O asunto queda desdebuxado pola plasticidade da prosa. “Estaba o ar tal como quixeran pintalo os que senten enevexa de vós por non poder ser vós”. Unha filla (Adria) que se mergulla na vida do pai, o pornógrafo Aretino, tras a súa morte. Un pai rigoroso na vida familiar, rexo, kafkiano. Revélanos a personalidade deste poliédrico personaxe promiscuo, faústico, hedonista. Coñecedor de todos os segredos da arte, vainos levando de modo moi orixinal pola Venecia do século XVI, as súas luces e sombras. Fala de pintura e a pintura fala a través del. É dicir existe unha conexión de artes que por momentos chega a ser desbordante. Novela heterodoxa, herexíaca, pecaminosa. Metáfora sobre a “renacenza” do “ser” cando o andazo da mediocridade campa no planeta. Xosé Carlos Caneiro

Xabier Paz, entrevista

Xullo 18, 2008

Galicia hoxe publica unha entrevista a Xabier Paz, con motivo da presentación de Renacer. Recollemos un parágrafo dun texto moi interesante:

“O que ten en común o personaxe de Adria co seu pai, Aretino, é a determinación de renacer. O pai, un pornógrafo de vida disoluta e escandalosa, busca a liberdade de vivir ben. Quere triunfar, e por iso renuncia á súa vida anterior: ata ao seu nome. Rompe os moldes sociais e consegue o éxito a través da palabra: adula, satiriza, ameaza, chantaxea os poderosos. A súa filla busca unha vida nova creando un alter ego, unha Adria máis viva e auténtica, pero clandestina, ao levar, en segredo, unha vida paralela de cortesá. O libro está moi vencellado ao tema da condición da muller naquel tempo.”

“Renacer”, presentación en Vigo

Xullo 16, 2008

Renacer, a primeira novela de Xabier Paz será presentada en Vigo o vindeiro venres, 18 de xullo, ás 20:00 horas na Libraría Andel (rúa Pintor Lugrís 10) de Vigo. No acto intervirán Manuel Bragado e o autor.

“Renacer”, Xabier Paz

Xuño 18, 2008

Renacer é a primeira novela de Xabier Paz, autor que publicou en Xerais o poemario Materia de Lucrecio e a crónica Follas do bacallao. Renacer será presentada na Feira do Libro de Vigo.

Despois da morte do pornógrafo Aretino, a súa filla Adria navega pola súa intimidade, esculca no seu interior na procura de verdade acerca do pai, amante, xuíz e verdugo que marcou a súa existencia dende o afastamento convertido en fantasía permanente. O canon da época, as diferentes concepcións pictóricas e literarias da Venecia do século XVI proxéctanse sobre os personaxes, interactúan con eles até crear unha amálgama onde as obras e autores son protagonistas. As páxinas de Renacer, a primeira novela de Xabier Paz, revelan unha vida marcada por un home contraditorio; distante e rexo na casa, mais promiscuo nas súas relacións sociais, a vida dunha muller obrigada a cumprir a vontade do pai, da que fose con nocturnidade para topar o bálsamo consolador en Carmina: amiga, amante e centro da súa vida clandestina.