Posts Tagged ‘às_mellores_intencións’

Xerais no Cultur.gal 2008

Novembro 26, 2008

http___wwwculturgal

Nos vindeiros días, 456 e 7 de decembro, vai ter lugar en Palexco (Pazo de Congresos e Exposicións da Coruña o Cultur.gal 2008 Feira Galega das Industrias Culturais.

Esta feira está dirixida tanto ao público xeral como profesional, polo que durante estes catro días Xerais, que estará presente no Stand nº 45, programou unha serie de actividades aos que vostede está convidado/a:

  • Xoves, 4 ás 17,00 horas no stand de Xerais:

Roda de prensa de Un país a medio facer de Fran Alonso.

  • Venres, 5 ás 12,30 horas na sala de prensa do Cultur.gal:

Roda de prensa de A corpo aberto de Manuel Rivas.

  • Venres, 5 ás 18,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de Novas Minimaladas de Pinto & Chinto.

Participan: Pinto & Chinto e Manuel Bragado.

  • Venres, 5 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de O libro das viaxes imaxinarias de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.

  • Venres, 5 ás 19,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de O natural é político de Teresa Moure.

Participarán: Pilar García Negro, Manuel Bragado e a autora.

  • Sábado, 6 ás 12,30 horas no espazo de presentacións:

Presentación de O Globo de Shakespeare de Jaureguizar

(Premio Terra de Melide, 2008)

Participarán: Óscar Sánchez, Jaureguizar e Manuel Bragado.

  • Sábado, 6 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de O xardín das pedras flotantes de Manuel Lourenzo González (Premio Xerais de Novela, 2008), A Cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre (Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, 2008) e Xenaro e o misterio da mochila verde de Mar Guerra (Premio Merlín de Literatura Infantil, 2008)

  • Sábado, 6 ás 19,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de A venus de cristal de Chelo Suárez

e As mellores intencións de Begoña Paz.

  • Sábado, 6 ás 20,00 horas no espazo de presentacións:

Presentación de A corpo aberto de Manuel Rivas.

Participarán: Manuel Rivas e Manuel Bragado

  • Domingo, 7 ás 18,00 horas no stand de Xerais:

Firma de exemplares de Guía dos camiños do Eume de Chano Eiroa, Festina lente de Marcos Calveiro e Limpeza de sangue de Rubén Ruibal, (Premio Nacional de Literatura Dramática, 2007).

«As mellores intencións»: unha boa novela curta

Outubro 28, 2008

«Unha boa novela curta», «boa noveliña, non só pola preocupación que pola técnica amosa a escritora, senón tamén pola meditación sobre o galego que emprega e as opcións que elixe», son algunhas das valoracións que Manuel Rodríguez Alonso realiza no Cartafol de Vieiros sobre As mellores intencións, a novela de Begoña Paz, premio concello de Riveira. Unha nova crítica entusiasta que sitúa á obra de Paz como unha das mellor acollidas pola crítica entre as publicadas este ano.

«As mellores intencións», crítica en « Culturas»

Outubro 14, 2008

Ramón Nicolás publicou na edición do suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia do pasado sábado 11 de outubro unha crítica sobre a novela de Begoña Paz As mellores intencións. Reproducimos o texto.

ABISMOS E OBSESIÓNS

A CORUÑESA BEGOÑA PAZ ACADA O PREMIO «CENTENARIO DA CIDADE DE RIVEIRA» CUNHA SUXESTIVA E INTENSA NOVELA DE XINEA BREVE

Begoña Paz (A Coruña, 1965), tras a súa anterior entrega narrativa para adultos -aquela compilación de relatos titulada A ferida (2004) e  que prefiguraba unha voz máis que prometedora-, dá agora os seus primeiros pasos no xénero novelesco con As mellores intencións, volume co que conseguiu, ademais, o premio de novela curta “Centenario de Cidade de Riveira”.
Se naquel seu primeiro libro despuntaban trazos como a vontade de espellar unha realidade, talvez a cara máis escura e dolorida desta, marcada pola traxedia e o fracaso, pola posible destrución ou autodestrución das vidas; arestora, nesta novela estruturada en trinta breves capítulos segue a afondar nalgúns dos elementos devanditos. Alén de se reafirmar, por outro lado, na habelencia e eficacia á hora do manexo das perspectivas narrativas, é quen de amosar un discurso sólido desde o que se posibilita acceder ao labirinto duns personaxes que se sitúan no gume das psicopatías e que procuran o seu sitio sen atopalo nunca, ou case nunca.
A autora alicerza o foco temático na atracción que Aldara, unha nena desvalida, maltratada e que sobrevive nun contexto familiar cada vez máis degradado, exerce en Gabriel, un home en primeira instancia pasivo e anódino que camiña, ou debería camiñar, cara a unha mudanza na súa vida mais que só aprende a ter talento para  a conspiración. Malia que o destino lle depara un despreocupado “oficio de sombra”, perfílase como alguén obsesionado por deseñar un futuro que tampouco está nas súas mans, véndose atrapado no devalar dunha relación pouco convencional e destrutiva. E, aínda que en esencia esta sexa a formulación da proposta, resulta rechamante como a novela ten o mérito de revisitar outras referencias temáticas que abalan na dicotomía entre a culpabilidade e a inocencia, para logo suxerirnos repensar asuntos como a violencia, a decepción ou o medo á morte co eco das vidas posibles nunca vividas.
As mellores intencións, ademais, escintila con intensidade o ronsel posible do amor e do desamor; espella actitudes e sentimentos como o desprezo e o rancor, mais tamén hai algún espazo para reflectir a tenrura; afonda na real existencia da infelicidade, no desexo e nos golpes que dá a vida, nas consecuencias dos perdedores…, e sempre desde a perspectiva dunha sorte de thriller psicolóxico alimentado polas obsesións e, sen dúbida, polos abismos que o ser humano encerra.

«Libro galego do ano», comezan as votacións na rede

Outubro 4, 2008

Xa comezaron as votacións na rede para escoller o «Libro galego do ano», elección promovida polo diario El Progreso e o diario electrónico Galiciae. Entre as quince obras aspirantes, atópanse as seguintes publicadas por Xerais:

As votacións desenvolveranse ao longo deste mes de outubro. No ano 2006, os lectores escolleron Blúmsdei, de Cid Cabido, editado por Xerais, e no 2007, O canto do muecín, de Lois Diéguez.

«As mellores intencións»: eficacia sen alardes

Setembro 4, 2008

Xosé Manuel Eyré publica no diario electrónico A Nosa Terra unha gabanciosa crítica da novela de Begoña Paz As mellores intencións, gañadora do premio Centenario do concello de Riveira. Recollemos o derradeiro parágrafo do texto:

As mellores intencións é unha novela breve moi dura, cruel e tenra á vez. Un discurso no que a tenrura e o amor, tratan de impoñerse, de seren o centro da vida, aínda que para iso teñan que reinventarse, que tolerar ao seu carón a presenza doutros seres movidos por obxectivos máis mundanos.

“As mellores intencións”, nova crítica

Xullo 31, 2008

Xosé Manuel Eyré publica unha moi gabanciosa crítica d’ As mellores intencións, a novela de Begoña Paz. Así mesmo, en Galicia hoxe publica unha entrevista coa autora. As mellores intencións será presentada na Feira do Libro da Coruña, o vindeiro luns día 4, ás 19:00 horas.

Premer na imaxe para ler o texto.