Posts Tagged ‘hordas’

«Hordas de escritura», nova crítica

Xuño 19, 2008

María Xesús Nogueira publica en lg3 unha crítica de Hordas de escritura, o último poemario de Chus Pato. Recollemos un fragmento:

O poemario ten como eixe central a propia linguaxe poética. A reflexión levada a cabo sobre o discurso anticípase xa nun título onde se combina o salvaxe e o primitivo (as hordas) co código (a escritura). Hai polo tanto unha importante dimensión autopoética neste libro que se pregunta «que sorte de tecnoloxía é o poema» no que «o eu é un innumerábel que multiplica e se descentra».

“Hordas de escritura”, no “Faro da Cultura”

Abril 17, 2008

Crítica de Armando Requeixo en Faro da Cultura de Hordas de escritura, o poemario de Chus Pato.

Entrevista a Chus Pato

Abril 13, 2008

A publicación de Hordas de escritura, o máis recente poemario de Chus Pato, suscitou esta entrevista publicada en Galicia hoxe.

Eis para a escritora ourensá o sentido deste seu libro: “A cultura que recibimos nega á besta: non queremos ser animais. Danos medo sabernos animais porque a animalidade é o indicativo da morte: somos mortais porque somos animais. Por iso, abrazamos ese tópico de que o humano é a mediación entre o animal e a divindade. Cando falamos, nos facemos civilizados, parece que escapamos á morte, pero é a costa de anular a animalidade… Eu penso que hai algo que rescatar desa animalidade. Somos animais, fillos da terra, do cosmos. Se non nos conectamos con todo iso, camiñamos cara á destrución. Somos animalidade e linguaxe. Carne e linguaxe”.

Houbo unha morte e a morte entrou no amor; finalmente produciuse unha mudanza na escritura. Este libro é tamén a terceira entrega dunha pentaloxía que Chus Pato vén construíndo baixo o título xenérico de Método. Pero, cando o poema se compón, só lle é fiel a súa propia cicatriz; esa é a lei e a gravidade do texto. Un libro importante dunha das máis abisais, mutantes, imprescindibles e rupturistas escritas do panorama poético contemporáneo.