Posts Tagged ‘terra_de_melide’

Ana Bande recomenda “A lúa dos Everglades”

Xuño 17, 2009

Ana Bande recomenda no seu blog A lúa dos Everglades, a novela de Xesús Manuel Marcos gañadora do Premio de narrativa Terra de Melide 2008. Recollemos o seu texto:

XG00138401Belgrano (Bos Aires), Miami, Madrid, Os irmáns Quintelos, Aurora, Manuel Eiras e Andrés Leiro, tres relatos de emigración que tecen un pano triste, escuro e esgazado polos furados da violencia, a dor e a miseria que é a marca da casa da nosa emigración. Custa ter que recoñecérmonos neses traballadores avarentos, aforradores, Luís, Dosinda e Antón, os gallegos, os irmáns Quintelo, xente con cartos, pero que aproveitaba a roupa ata o miolo, sempre coa leira ás costas, eles mesmos cultivaban nun terreo que tiñan nunha quinta o barrio de Alte Brown, xentes que xamais foran de vacacións a ningures, nin sequera ao veciño Parque Nacional do Tamá. Velaí a miseria. Lembroume moito a desolación que sentín cando visitei o Centro Galego de Newark hai uns dez anos ao comprobar o absoluto illamento destes galegos que malia vivir a media hora de Central Park no puxeran un pe na grande mazá na súa vida. Vivindo en Newark estaban tan lonxe de Nova Iorke como calquera galego de Betanzos ou Entrimo. Galegos que só saían puntualmente da casa de Primeira Xunta…para ir á igrexa, os domingos, escoitar a homilía de Alexandre Gwerder…galegos vellos que tiñan os cartos acochados nos zapatos, botes de cociña, en libros vellos e ata no cortello, galegos sen expedientes médicos, e herba luisa. Andrés Leiro e Manuel Eiras, galegos en Madrid, enfermos de morriña, non o podo evitar, dixo. Cada vez qeu vexo unha matrícula, ou, sentado nun banco do parque, escoito unha conversa, e Aurora, galega en Miami, unfa fuxida inútil dun mundo rural enchoupado nunha violencia cruelmente cotiá contra nenas e mulleres que hoxe chamariamos estructural, escuros tempos de silencio e brutalidade que convidan a alonxarse de tópicos e pantasmas que como moito só servirían para argallar tremendismos literarios insospeitadamente persistentes. Unha boa novela que me deixou con mal corpo, a insoportable levidade do ser galego….xa me entendedes!

«O Globo de Shakespeare» en Lugo

Marzo 3, 2009

xg00153001O venres, 6 de marzo, ás 20:00 horas na Libraría Trama de Lugo presentarase O Globo de Shakespeare. Con este acto Jaureguizar remata a súa xira de presentacións da novela premiada en 2008 co Terra de Melide, iniciada no mes de xuño en Melide, e que proseguiu por Ribadeo, A Coruña, Santiago e Vigo. Esta será, tamén, a derradeira oportunidade de probar as reputadas galletas da novela. O acto consistirá nunha conversa de Jaureguizar co editor Manuel Bragado.

«O Globo de Shakesperare», crítica no «Faro da Cultura»

Xaneiro 29, 2009

jaurefarowebDolores Martínez Torres publica hoxe no «Faro da Cultura» unha crítica d’ O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do premio Terra de Melide 2008.

«O Globo de Shakespeare», Jaureguizar en Vigo

Xaneiro 22, 2009

xg001530011Mañá, 23 de xaneiro, ás 20:00 horas presentarase na Libraría Librouro de Vigo O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide 2008. No acto o autor conversará arredor da obra con Manuel Bragado, director da editorial.

Jaureguizar entrevistado por «A Nosa Terra»

Xaneiro 12, 2009

A Nosa Terra publica esta semana a entrevista que Lara Rozados realizou a Jaureguizar con motivo da publicación d’ O Globo de Shakespeare, a novela gañadora do Premio Terra de Melide 2008. Recollemos algúns fragmentos:

Esta novela, como outras súas, afonda no mundo do espectáculo. Que conexións hai entre literatura, vida e teatro?

É algo que me interesa moito: concibo a literatura como espectáculo, e máis nestes tempos en que temos a competencia da televisión, de internet, da Wii… Se unha persoa paga 16.50 por un libro, que, cando menos, se entreteña e o pase ben. Xa en Cabaret Voltaire achegábame ao mundo do espectáculo dende esa perspectiva, máis de sala. Tamén estiveron presentes o cinema, que reaparece nesta novela, o circo, n’As horas sucias...

1452f3d8c7a940a580556784bf4707b008a68b9a

Foto Pepe Álvez /AGN

A obra afonda tamén nas relacións humanas, sobre todo as de poder, de dominación.

Son relacións moi marcadas pola envexa, pola fascinación, aínda que existen relacións máis sentimentais. É unha ficción, e creo cousas que seguramente non existan, como xente que se prostitúe para non se sentir soa (aínda que si hai xente que recorre á prostitución por este motivo, e por iso lle dei a volta). Hai relacións de dependencia, como a de Sebe coa súa muller: por moi triunfador que pareza, non sería nada sen ela; tamén ela, pouco atractiva, ten envexa do seu éxito e outro tipo de dependencia con respecto a seu home; logo está Rosalía, que, na súa relación con Ricardo, é a parte da parella que si está no mundo. Ela rexéitao, pero non pode deixar de sentir certa fascinación por ese home tan divertido, e que ao tempo fai cousas tan absurdas. Ao cabo, toda a novela circula arredor das arelas que non se cumpriron, dos soños dos personaxes.

En que traballa agora?

Teño dous libros para a serie de Tintimán, un reporteiro de 15 anos que resolve misterios en varias cidades galegas. Os libros, que sairán en marzo, teñen que ver cunha investigación arredor dunha seita en Compostela e co roubo da coroa de Napoleón, esta última ambientada na Coruña. Tamén preparo dúas novelas, unha xuvenil e outra para público adulto.

«O Globo de Shakespeare», primeiras críticas

Decembro 21, 2008

xg00153001Esta semana apareceron as primeiras críticas sobre O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide 2008.

Pedro Rielo, no seu artigo en Galicia hoxe, define a novela como «unha proposta atrevida, ben escrita, para todos os públicos e non alambicada. O escritor é un director de orquestra ou un meigo que vai sacando da chisteira coellos, cartas sorpresa a través de retallos dun espectáculo de papel». Para continuar engadindo:  «O aburrimento está desbotado e viaxamos cos protagonistas desde a costa lucense ata Londres para dar xeito a unha novela na que o seu argumento, as súas chiscadelas non deben ser reveladas porque estragarían un conxunto que é unha bomba de reloxería. Paga a pena non ter complexos, calquera situación é posible tanto aquí como en Burkina Faso. Non aforra nin un só cartucho.»

Ramón Nicolás, no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, escribe que O Globo de Shakespeare é «unha novela sólida e efectiva, dosificada con acerto e gobernada, por un lado, a través da presenza do universo literario, mais tamén persoal, de William Shakespeare, e, por outro, sometida a realidade reflectida a unha vontade transgresora, pero que expón con ironía, por veces con abraiante e cru realismo, os grandes problemas da humamidade».

«O Globo de Shakespeare», adianto de lectura

Outubro 14, 2008

Xa pode baixarse un fragmento de lectura d’ O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar premiada co Terra de Melide 2008.

Entrevista a Jaureguizar

Xuño 15, 2008

A Nosa Terra publica unha nova entrevista con Jaureguizar, a raíz da obtención do Premio Terra de Melide 2008 pola novela O Globo de Shakespeare, que editará Xerais no vindeiro mes de outubro.

“O Globo de Shakespeare”, Premio Terra de Melide 2008

Xuño 7, 2008

Anunciouse onte a obra gañadora do VIIIº Premio de Narrativa Terra de Melide: O Globo de Shakespeare de Santiago Jaureguízar. O xurado do certame, formado por Xesus Manuel Marcos, Xaquín Vázquez, Anton Pedreira, Óscar Sánchez e Manuel Bragado, entre as vinte e unha obras participantes, apostou por esta obra que propón unha viaxe tras o primeiro manuscrito de Hamlet que, supostamente, estaría agochado nun pazo de Ribadeo. O Globo de Shakespeare, alén dunha homenaxe ao teatro shakespereano (como o que mellor reflite as paixóns humanas), supón, tras unha trama de intriga, unha reflexión sobre o espectáculo, do escape das vidas, da soidade e dunha sociedade onde non hai posibilidades para o amor. O monifateiro Ricardo e o seu pai, o pintor Leandro, tras a tola e valleinclanesca procura do manuscrito agochado, emprenderán unha viaxe que, irremediablemente, rematará cuna apoteósico final tráxico. A novela será publicada en Xerais Narrativa no mes de outubro. Jaureguizar recibirá este serán en Melide o premio (6.000 euros), tras a merecidísima homenaxe que a AELG tributará a Xosé Vázquez Pintor, un dos nosos máis grandes escritores.