Posts Tagged ‘noia’

«O recendo das mimosas» de Agustín Agra

Xullo 30, 2009

Agustín Agra debuta na colección Xerais Narrativa cun libro de relatos, O recendo das mimosas.

XG00163601Unha ducia de relatos forman esta primeira entrega de Agustín Agra en Xerais Narrativa, que se abre coa narración da irremediable metamorfose, que tras a subida das augas, converte ás protagonistas de “A tarasca”, de forma sucesiva en cobras, serpes, serpentas, e, finalmente, en cocas ou tarascas voadoras; e que se pecha con “Teseo no labirinto”, onde se convocan os protagonistas mitoloxía clásica. Entremedias, en relatos como “Os límites do inimaxinábel”, “Wünderbar” ou “O anel de Coleridge”, a irrupción dun elemento fantástico inesperado axuda a explorar fronteiras descoñecidas da realidade; noutros, como “Na caeira” ou “o Souto dos Gatos”, homenaxéase de forma explícita á memoria republicana; mentres que, finalmente, no relato “Xogando aos faraóns” ou, na case noveliña, “O chintófano”, a sátira política e o humor máis retranqueiro centran toda atención dunha engaiolante lectura.

O recendo das mimosas chegou esta semana ás librarías e será presentado en Noia no vindeiro mes de outubro.

Presentación en Noia

Xuño 29, 2008

A edición do Barbanza de La Voz de Galicia faise eco do acto de presentación de Veleno tinto de Ramón Carredano e Cazaría salvaxe de Agustín Agra, celebrado o venres, 27 de xuño, nos locais do Liceo de Noia. Ao acto, conducido polo escritor Carlos Mosteiro, asistiron máis dun centenar de persoas.

“Cazaría salvaxe” e “Veleno tinto”, presentación en Noia

Xuño 25, 2008

O vindeiro venres, 27 de xuño, ás 20:30 horas serán presentados no Liceo de Noia Cazaría salvaxe de Agustín Agra e Veleno tinto de Ramón Carredano Cobas. No acto, organizado pola Asociación Culural Barbantia, La Voz de Galicia, a Sociedade Liceo de Noia e a editorial, participarán os autores, Carlos Mosteiro e Manuel Bragado.