Posts Tagged ‘memorias’

«Sonata de amigos», memorias de Benedicto

Decembro 3, 2008

O venres día, 12 de decembro, ás 19:30 horas, no salón da Fundación Caixa Galicia de Santiago, será presentado Sonata de amigos, o libro de memorias do músico Benedicto García Villar, membro de Voces Ceibes. Na presentación acompañarán ao autor, Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta; Víctor Santidrián, director da Fundación 10 de marzo e Manuel Bragado, director de Xerais. O músico Marcos Teira interpretará un tema.

xg00163501«Non está de máis botar unha ollada serena para atrás. Iso pretendín con estas notas, subxectivas e apaixonadas até o tormento, das que o único responsable é quen isto escribe, que exerce libérrimo o dereito da memoria, conscientemente selectiva e neuroticamente teimuda.» Son as palabras coas que Benedicto (García Villar), un dos fundadores de Voces Ceibes, presenta Sonata de amigos. Benedicto abre ao lector a intimidade da súa memoria cunha mirada ao pasado que busca, como cada un dos pasos dados polo autor ao longo da súa vida, contribuír á mellora do presente.

Nas páxinas deste volume Benedicto rememora as súas orixes familiares, que o unen para sempre a Santiago de Compostela, cidade universitaria onde viviu a revolta estudantil de 1968, orixe dos variopintos compromisos cívicos do autor: dende a loita antifranquista ate a construción do sindicalismo democrático; dende a música entendida como instrumento de intervención social até o ensino como palanca de transformación; dende o uso da palabra escrita até a reivindicación da amizade como elementos dun mundo máis humano. Por Sonata de amigos desfilan acontecementos e personaxes claves da nosa historia. Sen eles tanto a historia recente de Galicia como o noso presente serían distintos.

«Recordar doe», presentación en Pontevedra

Outubro 7, 2008

O Ateneo de Pontevedra organiza a presentación do volume memorialístico de Herminio Barreiro Recordar doe. Lembranzas escolares e universitarias (1940-1965), publicado por Edicións Xerais de Galicia. No acto, que terá lugar o vindeiro xoves 9 de outubro, ás 19 horas, na Galería Sargadelos de Pontevedra, acompañarán ao autor, Manuel Bragado, Luís Cochón e Daniel Pino.

O cartel da presentación foi preparado polo pintor Virxilio Fernández.

«Recordar doe», presentación en Riveira

Outubro 1, 2008

Mañá, 2 de outubro, ás 20:00 horas, celebrarase no Bar Plaza de Riveira a presentación do libro Recordar doe. Memorias escolares e universitarias de Herminio Barreiro. No acto, organizado polo Ateneo Valle-Inclán e Xerais, participarán Santiago Páramo Aller, Manuel Bragado e Herminio Barreiro.

Herminio Barreiro, entrevista

Xullo 19, 2008

A Nosa Terra entrevista a Herminio Barreiro, a propósito da aparición de Recordar doe, as súas memorias escolares e universitarias. Recollemos a primeira respostas de Barreiro:

“Todo comezou nas clases que dou na Facultade de Santiago. Atendía unha promoción de máis de 700 alumnos que era imposíbel abarcar de xeito presencial. Así que tiña que encargarlles moitos traballos. Un deles foi o relato das súas memorias da escola primaria e secundaria. O resultado deu nuns textos fermosos que despertaron a miña nostalxia. Pensei que sendo moito maior ca eles, e vivindo na escola uns momentos tan decisivos como a posguerra e a ditadura franquista, sería aínda máis interesante recuperar eses recordos. Entón escribín, hai catro anos, un artigo para a revista Sarmiento, e desenterrei moitas cousas. O ano pasado decidín que era o momento de contar as lembranzas completas da miña vida estudantil. Pero non se trata só de facer memoria, senón tamén dunha crítica daquela escola que vivín.”

“Recordar doe”, por Marcos Valcárcel

Xullo 18, 2008

Marcos Valcárcel publica unha fermosa anotación sobre Recordar doe, as memorias escolares e universitarias de Herminio Barreiro.

“Recordar doe”, presentación

Xuño 16, 2008

O vindeiro xoves, 19 de xuño, ás 20:00 horas presentaremos na Libraría Couceiro de Santiago Recordar doe de Herminio Barreiro. No acto participarán o autor, Lupe Gómez, Luís Cochón e Manuel Bragado.

“Recordar doe”, artigo de Manuel Rivas

Maio 30, 2008

Manuel Rivas dedica hoxe o seu artigo semanal do suplemento “Luces” de El País a Recordar doe, o libro memorialístico de Herminio Barreiro.

“Recordar doe”, memorias escolares e universitarias de Herminio Barreiro

Maio 28, 2008

Esta semana aparece nas librarías Recordar doe. Lembranzas escolares e universitarias (1940-1965), volume memorialístico de Herminio Barreiro, profesor de Historia da Educación da Universidade Compostelana e membro do grupo Brais Pinto.

Esta é a crónica sentimental dunha experiencia escolar e universitaria que arranca da máis inmediata posguerra e chega ata promediada a década dos sesenta. Pequena historia persoal dun tempo amargo, desenvólvese entre Galicia e Madrid e vén sendo como unha especie de rememoración autobiográfica da infancia e da mocidade. Por veces resulta como un monólogo interior de tipo pedagóxico, trufado cos máis diversos retratos da época así como variados excursos a propósito da historia do ensino e de distintos aspectos de actualidade. Unha escrita autobiográfica de enorme beleza e profundidade.