Tras o éxito de Minimaladas, Premio Merlín de literatura infantil 2007 da autoría de Carlos López, ilustrado por David Pintor, a mesma parella de autores, agora asinando como Pinto & Chinto ofrece unha entrega continuación da anterior, Novas minimaladas. Sesenta mini historias, contos breves (nalgúns casos apenas catro ou cinco liñas) protagonizadas por animais cheas de creatividade, fantasía e humor, nas que Pinto & Chinto conseguen unha perfecta ensamblaxe entre os textos de cada unha delas e a representación visual do seu protagonista. En ambos os dous títulos salienta a súa capacidade para evocar imaxes, valéndose dun emprego lúdico da linguaxe, algunhas interesantes referencias literarias e dun tratamento moi innovador da creación lingüística.
Un rinoceronte que nunca chegou á montaña. Un leopardo ao que lle entrou a fame. Unha abella que se achegou a unha flor coa intención de recoller o néctar. Un pavo que estaba farto da súa plumaxe negra. Unha medusa que esta moi triste porque se atopaba moi soa. Un cangrexo ermitán que vivía dentro dunha buguina. Unha cebra de raias verdes e brancas.Un vagalume ao que se lle apagou a luz. Unha couza á que lle encantaba comer libros. Un cempés que quería ser futbolista. Un guepardo máis veloz que a súa sombra…
Etiquetas: carlos_lópez, david_pintor, minimaladas, novas_minimaladas, pinto&chinto
Deixar unha resposta