No Salón Viñetas do Atlántico, que se celebrará na Coruña dende o 11 ao 17 deste mes de agosto, será presentado Terra libre, o novo libro de cómic de Fran Jaraba. Terra libre é, tras Cita na Habana e Campos de Cuba, a terceira entrega da serie de álbums, protagonizada por Maxi Torres, nas que se narran os acontecementos do alzamento independentista cubano de 1897. Como nos títulos anteriores, Xerais tamén ofrece a edición en castelán que, coma a galega, xa están dispoñibles nas librarías. Esta serie constitúe un dos cumes do cómic galego de liña clara.
Cuba, 1897. A illa vive sumida nunha crúa guerra entre as tropas independentistas -os “mambises”- e o exército colonial. A poboación campesiña sofre especialmente a dureza do conflito. Por orde do mando militar español é desaloxada das súas casas e evacuadas ás cidades, ou internada nos chamados “poboados de reconcentración” baixo a vixilancia e o control do exército.
Un destes poboados, Cañas Largas, é peza clave para que Chinito, un líder mambí, consiga liberar un amplo territorio, proclamando así a primeira República independente cubana. Ao mesmo tempo, un tenente norteamericano, camuflado de naturalista, é desembarcado na costa sur da illa coa misión de entregarlle unha carta na man ao xeneral mambí Calixto García. Na misiva, o Goberno estadounidense ofrécelle a axuda das súas tropas para derrotar conxuntamente o exército español.
Pero a este intrépido oficial non lle vai vai resultar doado chegar ata García. No seu camiño curzaranse Chinito, Gargajo, a Garda Civil, Pepesito e, sobre todo, Maxi Torres.
Etiquetas: campos_de_cuba, cita_na_habana, fran_jaraba, terra_libre
Deixar unha resposta