1988, Vº Premio Xerais
Baiona, 12 novembro 1988
O certame convocouse, por vez primeira, baixo o lema “A forza dos lectores”. Víctor Freixanes, novo director xeral da editorial, sinalou referíndose a esta decisión “Queremos un premio para facer lectores, novos lectores, que é o espírito de Xerais: abrir e buscar novos espazos para a literatura galega”. A partir desta edición o xurado do premio de novela estivo composto por lectores de libros, cualificados en distintas profesións e relacionados, dunha forma ou doutra coa cultura do noso país. O mesmo espírito compartía o premio Merlín, no que se introduciron nenos e nenas menores de 16 anos como membros do xurado.
De entre as 21 novelas presentadas a esta quinta edición, o xurado escolleu a que levaba por lema “Il Tramontano della luna”, titulada logo como O bosque das antas e da autoría do ata entón descoñecido escritor ourensán Xosé Fernández Naval, que por estar ausente non puido recoller o premio. N’ O bosque das antas, unha historia de amor na cidade das Burgas entre Encarnación e un viaxeiro italiano que chega a Ourense nos anos da Segunda República, a prosa do autor evoca, cun espléndido control dos recursos poéticos, a atmosfera daquela urbe á beira do río, pero tamén é unha parábola da propia vida, do tránsito, da viaxe tantas veces sen retorno que o correr das augas evoca. A novela foi reeditada en catro ocasións, a máis recente en 2005, foi revisada en versión definitiva polo autor.
Xurado Vº Premio Xerais de Novela: Roi Alonso, Luís Álvarez Pousa, Antón Gómez Vilasó, Pedro de Llano, Berta Piñó, X. L. Méndez Ferrín (secretario sen voto).
A terceira edición do Merlín, na que se incrementou a contía ata 300.000, coincidiu coa aparición dos primeiros títulos da colección infantil de Xerais do mesmo nome. Foi adxudicado, entre 22 orixinais, á obra presentada polo xove de vinte anos Xosé Antonio Neira Cruz, baixo o lema “Guedella de can” e logo titulada como Ó outro lado do sumidoiro. Na obra premiada nárranse os avatares dun home de setenta anos que, partindo dun espazo urbano, se traslada a un mundo de fantasía en compañía do seu can. Ó outro lado do sumidoiro foi reeditada, ata agora (2008), en tres ocasións.
Xurado IIIº Premio Merlín de Literatura para Nenos: Francisco F. Rei, María García, Xabier Puente Docampo, María Rábade Villar, Rafael Sánchez e Xosé Lastra Muruais (secretario, sen voto).
Deixar unha resposta