Posts Tagged ‘zoommm’

Estíbaliz Espinosa en “Libro Aberto”

Maio 27, 2009

10002820313Esta noite no programa Libro Aberto da TVG (0:30 horas), Estíbaliz Espinosa falará sobre o seu poemario Zoommm. Textos biónicos no que aborda a orixe de vida. O programa será emitido, tamén, o luns 1 de xuño, ás 23:30 horas pola G-2 (TDT).

Entrevista a Estíbaliz Espinosa

Abril 21, 2009

Galicia Hoxe entrevista a Estíbaliz Espinosa con motivo da recente aparición en Xerais do seu poemario Zoommm. Textos biónicos.

Recollemos un fragmento desta entrevista:

est_esp_01“Hai moito interese nos ámbitos artísticos en poñer énfase na idea de creatividade, de acto de creación como algo case máxico, como se tentasemos equipararnos á divindade… En realidade, a creación é plaxio. A literatura é constante hipertexto… E isto faise evidente en internet: colles retallos doutra xente… Creamos con material que crearon outros…”, salientou.

Pero, a carón da mímese, do plaxio, da copia, que encarnan os autómatas, agroma, segundo Espinosa, a mutación, froito do erro, da variación sobre o mesmo tema… polo que é necesario seguir creando, mudando o creado de boca e de canle… “O meu interese polo ser humano como autómata xorde dun caldo de influencias: a ciencia ficción, a filosofía, a cosmoloxía, a neurociencia… E o feito de terme posto a escribir en internet…” –o seu blog é mmmm–.

No libro, a autora-observadora traza un zoom que vai do pequeno ao grande, e propón un dobre xogo de relacións: a autora coa súa criatura, -o texto-, e co lector. “Todo testemuño parte dun eu subxectivo. Pero non sabemos o que é o eu… Interesábame tomar distancia: situándome no futuro, –que pensarán de nós no futuro– e o pasado remoto: o neanderthal, o que puidemos ser e non fomos… Adoptar unha perspectiva deshumanizada para entender o humano: miralo desde o cosmos…”, comentou.

«Zoommm. Textos biónicos», Estíbaliz Espinosa

Marzo 27, 2009

Esta semana ponse á venda nas librarías Zoommm.Textos biónicos, o novo poemario de Estibaliz Espinosa.

xg00162001No século XXI, finxir dar vida foi un dos cometidos principais daqueles que traballaban nesa trampa oblicua chamada arte: a creación de personaxes semellaba un eixe fundamental na novela, esa simulación tamén se atopaba no deber dun bo actor, dun guionista, dun realizador de cine, un fotógrafo, un debuxante de cómics… No século XXI, procurar vida foi un dos cometidos principais daqueles que se dedicaban a esa fe experimental chamada ciencia: a medicina, a investigación no xenoma, a astrofísica, a matemática agochada nos patróns de crecemento vexetal e animal, a arquitectura orgánica… No século XXI, aplicar un zoom nos textos das criaturas humanas revelaría unha ambición de alquimista: transmutarse en vida. En memoria.Vingadora da mortalidade. Zoommm, o poemario de Estíbaliz Espinosa, achégase con torpeza humana ás relacións incestuosas entre texto e vida, linguaxe da máquina e linguaxe lírica, e a ese antigo desexo infantil de que o que leamos se transfigure en nós, electrice a nosa medula, siga o noso ritmo vascular, volva parte de nós ou nós dela. Somos o que foron outros. Se somos o que comemos, somos o que lemos.