Posts Tagged ‘victor_santidrián’

«Sonata de amigos», memorias de Benedicto

Decembro 3, 2008

O venres día, 12 de decembro, ás 19:30 horas, no salón da Fundación Caixa Galicia de Santiago, será presentado Sonata de amigos, o libro de memorias do músico Benedicto García Villar, membro de Voces Ceibes. Na presentación acompañarán ao autor, Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta; Víctor Santidrián, director da Fundación 10 de marzo e Manuel Bragado, director de Xerais. O músico Marcos Teira interpretará un tema.

xg00163501«Non está de máis botar unha ollada serena para atrás. Iso pretendín con estas notas, subxectivas e apaixonadas até o tormento, das que o único responsable é quen isto escribe, que exerce libérrimo o dereito da memoria, conscientemente selectiva e neuroticamente teimuda.» Son as palabras coas que Benedicto (García Villar), un dos fundadores de Voces Ceibes, presenta Sonata de amigos. Benedicto abre ao lector a intimidade da súa memoria cunha mirada ao pasado que busca, como cada un dos pasos dados polo autor ao longo da súa vida, contribuír á mellora do presente.

Nas páxinas deste volume Benedicto rememora as súas orixes familiares, que o unen para sempre a Santiago de Compostela, cidade universitaria onde viviu a revolta estudantil de 1968, orixe dos variopintos compromisos cívicos do autor: dende a loita antifranquista ate a construción do sindicalismo democrático; dende a música entendida como instrumento de intervención social até o ensino como palanca de transformación; dende o uso da palabra escrita até a reivindicación da amizade como elementos dun mundo máis humano. Por Sonata de amigos desfilan acontecementos e personaxes claves da nosa historia. Sen eles tanto a historia recente de Galicia como o noso presente serían distintos.