Posts Tagged ‘venus’

Nova crítica, “A venus de cristal”

Maio 29, 2008

A novela de Chelo Suárez, A venus de cristal, está sendo unha das nosas novidades que esta tempada recibe maior atención por parte da crítica. Hoxe, Dolores Martínez Torres publica en Faro da Cultura un traballo, titulado “Procura estética”, do que recollemos un parágrafo:

“[A novela] semella, en conxunto, unha armazón simple tapizada de diversos retazos, cun carácter máis decorativo que esencial; mais ese labor de patchwork está realizado con tan ricos elementos que a embriagadora pedrería de símbolos, combinada coas sutís imaxes, provoca unha deliciosa confusión dos sentidos pola que, simplemente, dá gusto deixarse levar. […] Se se me permite o símil, diría que esta novela conta, sobre todo, cunha dirección artística excepcional.”

Crítica “A venus de cristal”

Maio 20, 2008

O blogueiro Óscar Sánchez publica no novo número de Protexta unha crítica sobre A venus de cristal, a novela de Chelo Suárez. Recollemos o seu primeiro parágrafo:

“Pietro Puliani é un afamado vidreiro veneciano que posúe grandes coñecementos sobre alquimia e poderes adivinatorios aprendidos en Exipto”. A primeira frase da contracapa coa que a editorial promociona A venus de cristal parece deixar clara unha saudábel intención de serie B, con ese protagonista enigmático que vive nun maxestoso palacio, oculta o rostro baixo unha máscara carnavalesca e traballa “con métodos que están fóra da comprensión humana”. Ingredientes coma estes debían facer que o prato tivese un agradábel arrecendo a folletín, pero a prosa requintada da autora quere apuntar nunha liña ben diferente: o libro ten unha certa vontade de transcendencia e agacha baixo a súa recargada imaxinería unha reflexión sobre a procura da beleza, co mito da inmortalidade e a perfección da xuventude asomando ao fondo.