Posts Tagged ‘veiga’

«O profesor de vegliota», crítica en «Culturas»

Setembro 23, 2008

Ramón Nicolás publicou o pasado 2 de agosto no suplemento Culturas de La Voz de Galicia unha crítica sobre O profesor de vegliota, a novela de Manuel Veiga publicada en Xerais Narrativa. reproducimos o texto:

METÁFORA DA DESTRUCIÓN. MANUEL VEIGA OFRECE UNHA PROPOSTA, A ABALAR ENTRE A NOVELA E O ENSAIO, QUE NOS ACHEGA A CONCEPTOS COMO  IDENTIDADE, RESISTENCIA OU  ASIMILACIÓN COA LINGUA COMO OBXECTO DE REFLEXIÓN

Manuel Veiga (Monforte de Lemos, 1960), tras dúas anteriores novelas publicadas hai pouco tempo –O exiliado e a primavera, novela coa que obtivo o Premio Xerais 2004 e  Lois e Helena buscándose un día de tormenta, premio Manuel García Barros  no 2006-, volve transitar polo xénero mais mestizado agora cun inconfundible arrecendo a novela de tese.

Incorporando unha homenaxe implícita a Reimundo Patiño a través da figura do falante de vegliota -dialecto dalmático extinguido en 1898 ao morrer o seu último falante- como se testemuña na ilustración da cuberta, Veiga opta polo recurso de construír un universo literario que se alicerza na viaxe en tren realizada polo protagonista, un profesor depurado e perseguido, posuidor de dous manuscritos de corte ensaístico sobre o vegliota que titula significativamente «Klemperer» e «Ferrer i Gironès»; unha viaxe, por certo, cargada tamén de intención, pois nada hai gratuíto nesta entrega, de xeito que se trata da derradeira que realiza ese tren chamado “arrancatravesas”, por aproveitar o seu percorrido para ir arrincando as trabes que conforman a vía pola que circula.

Esta estraña e simbólica viaxe permitirá que o profesor de vegliota vaia afondando nas personalidades e opinións dos seus acompañantes de vagón; mais tamén posibilitará que retrate a súa traxectoria vital ao tempo que describirá a paisaxe desolada e erma que atravesa devagar –doadamente identificable por outra parte-, de xeito que aos poucos vaian acrecentándose os elementos de filiación estritamente ensaística –talvez, por outro lado, os máis interesantes- e esmorecendo aqueloutros que alimentan a aparencia novelística da proposta: que fai o personaxe nese tren?, porque desconfía dos seus compañeiros?, por que o tren incorpora unha mercadoría estraña en forma de libros en vegliota, amarelecidos e poeirentos? Velaí  a faciana máis achegada ao ámbito do misterio que partilla con tintes de certa ficción científica.

O protagonista, a través tanto do soliloquio que mantén consigo mesmo como do exercicio da escrita, reflicte, alén da súa situación persoal extrema –o afastamento da súa muller Lhos e a preocupación polo futuro da súa filla Mra son dúas constantes-  os trazos que rodean esa viaxe, en certa maneira, cara a ningures, cara ao baleiro e á aniquilación individual, mais tamén colectiva ao incorporar, como auténtica personaxe central,  o presente do propio vegliota. É a bagaxe «intelectual» do profesor a que facilita que nos asomemos  aos seus argumentos vinculados con conceptos de resistencia, desarraigamento, rebelión, identidade, asimilación ou morte da lingua e das linguas, establecendo un rico e interesante diálogo con citacións ou socalcos biográficos dunha pléiade de autores que van de Dante a Proust, de Amos Oz a Sebald, de Monterroso a Shaw, de Magris a Bradbury, de Gombrowicz a Handke, de Bolaño ao poeta cigano Eslam Drudak entre moitos outros…, referencias que xorden ou se asocian ao discurso con naturalidade, ao fío dun aceno, dun dito, dunha lembranza…

Por fin, capítulos como o que aborda a infelicidade dos escritores, o dedicado á resaltar a relevancia da obra de «R.» –Rosalía-, ou as páxinas  que expoñen con realismo experiencias persoais que talvez haxa alguén que lle soen a ficción mais que abofé non o son, fan que esta sexa unha novela na que tamén paira moito de sentimento a dar forma a unha alegoría que tamén é un estarrecedor berro, berro que debería oírse e diante do que non é doado manterse incólume. Ramón Nicolás.

Un mundo e unha lingua que están a desaparecer

Setembro 4, 2008

Manuel Rodríguez Alonso publica no Cartafol de Vieiros unha crítica sobre O profesor de vegliota, a novela de Manuel Veiga. Recollemos os dous derradeiros parágrafos do texto:

Neste mundo de alleados, que desprezan a súa lingua e cultura, que destrúen a súa paisaxe, o profesor de vegliota defende a lingua das sete vogais ou ponlle un nome galego á filla. É un elemento perigoso. Só o espera a morte social e, o que é peor, a morte social tamén da súa filla. O mellor para os seres queridos é desaparecer nese misterioso tren.

Con todo, a novela non é derrotista, pois como reflexión final da longa viaxe en tren o profesor de vegliota decide que, aínda que sexamos poucos e sen poder, os vegliotas temos que seguir adiante, como ben di a derradeira frase da novela: Rabexo por unha oportunidade, por sobrevivir entre eles. Xa que logo, unha chamada á resistencia vegliota fronte á asfixia dos do pensamento único e lingua tamén única, especialmente se é a deles.

“O profesor de vegliota”, crítica en Protexta

Agosto 25, 2008

“O profesor de vegliota”, escrita no límite

Xullo 6, 2008

Manuel Veiga confesou na presentación d’ O profesor de vegliota que escribiu esta novela no límite, na fronteira do que se podía dicir ou do que se podía pensar sobre a cuestión da desaparición da lingua. “Creo que os grandes libros nacen cando o autor explora os límites, cando trata de chegar aos límites e facer as preguntas máis extremas sobre a sociedade e sobre as súas propias ideas e crenzas. Creo que a mellor literatura nace para explorar o extremo.”

Entrevista a Manuel Veiga

Xullo 4, 2008

Faro da cultura publica unha longa entrevista con Manuel Veiga, a raíz da presentación d’ O profesor de vegliota, que terá lugar o sábado 5 de xullo na Feira do libro de Vigo.

Premendo sobre a imaxe, pode lerse u imprimirse o texto.

Rectificamos

Maio 22, 2008

Comunícannos os amigos de Lg3 que na súa páxina xa saíra unha crítica, feita por Anxos García Fonte, de O profesor de vegliota de Manuel Veiga o pasado 28 de abril. Non coñeciamos tampouco as críticas aparecidas sobre A cultura do pan de Xosé Lois Ripalda, esta a cargo de Xurxo M. Ayán o 5 de maio. A cadaquén, o seu.

Aproveitamos esta rectificación para manifestar o noso agradecemento e admiración polo traballo desenvolvido por este grupo de persoas que, dende o Consello da Cultura Galega, fan este labor de promoción tan necesario.

“O profesor de vegliota”, primeira crítica

Maio 22, 2008

Armando Requeixo publica en Faro da Cultura a primeira critica d’ O profesor de vegliota, a novela de Manuel Veiga.