Posts Tagged ‘sergio_klein’

«Poderosa», crítica de Montse Pena en Culturagalega

Novembro 3, 2008

Montse Pena preséntanos no lg3 de Culturagalega unha estupenda crítica á novela de Sérgio Klein, Poderosa. Diario dunha rapaza que tiña o mundo na man. Recuperamos un fragmento do texto:

Sérgio Klein constrúe unha ficción que conta con dous alicerces fundamentais: a diversión que desprende, que a converte nunha obra con moito potencial para gañar numerosas lectoras e lectores; e a súa capacidade para rachar con todo tipo de estereotipos: a independencia e as ganas de loitar polos soños de Joana, fronte ao estado acomodaticio da súa nai (a pesar de contar cunha posición privilexiada) e en contraposición á vitalidade e á intelixencia dunha avoa intuitiva e intelixente como poucas. Mais como pano de fondo, existe unha compoñente fundamental: a verosimilitude, pois Klein consegue afondar, con habilidade, no universo interior dunha moza adolescente, sen que isto o incapacite para empregar, tamén con soltura, a fantasía. Nese equilibrio entre verdade real e verdade fantástica escora a historia de Joana.

«Poderosa», o novo «Harry Potter»?

Setembro 26, 2008

Xosé Manuel Eyré pregúntase no seu blog se Poderosa non será o novo Harry Potter. Recollemos un fragmento da súa anotación:

A novela é interesante. Xustamente iso: interesa. Consegue meter a lector na historia. Familiarízao con ela de xeito moi efectivo. Mañá comezo a escribir a crítica e a reler O profesor de vegliota, hai un par de cousas que necesito comprobar relativas á emotividade narratatorial.

Será esta Joana Dalva a sucesora de Harry Potter?

Poderes para iso ten, esta Poderosa. Mais, non vai depender diso. Finalmente todo dependerá do bon suceso do filme que en 2009 se rodará.

O lector adulto atopará acenos moi interesantes (algúns xa se ven nos subliñados desta Ferradura), por exemplo sobre a dualidade realidade-ficción, sobre o poder dos desexos, inclusive comentarios cara a unha posíbel poética, sobre o destino….

“Poderosa”, diario dunha rapaza que tiña o mundo na man

Agosto 31, 2008

Poderosa de Sèrgio Klein é un dos maiores éxitos da literatura xuvenil recente no Brasil. Traducida por Mercedes Pacheco Vázquez aparece esta semana en Fóra de Xogo para conquistar milleiros de lectores en galego. Poderosa constitúe a primeira entrega dunha serie (da que ata agora no Brasil a editora Fundamento leva publicados tres títulos e da que se publicará un cuarto en 2009) que tamén editará Xerais e da que xa se está preparando unha adaptación cinematográfica.

Joana Dalva vive cos seus pais, cun irmán pequeno, que é o neno máis pesado do mundo, e coa súa avoa, que pasa os días na cama sacando a pintura da parede coas unllas e que non se decata do que pasa ao seu redor. Este é o ambiente no que vive unha rapaza que soña con ser escritora.

Un día fai unha redacción sobre Xoana de Arco e provoca unha reviravolta na historia e nela mesma. Se unha simple redacción podía cambiar o pasado, por que non usar a literatura para cambiar o presente? Joana Dalva non dubida en converter a ficción en realidade. O problema é que cada texto que ela escribe coa man esquerda provoca consecuencias imprevistas, orixinando outros textos que traen novos problemas. É o xogo do gato e do rato que acaba escapando do seu control. Para participar nese xogo non é preciso ter a idade de Joana Dalva, nin sentir na pel os conflitos e as espiñas da adolescencia.

Esta novela de Sérgio Klein, que obtivo enorme éxito no Brasil, é para todos os lectores e lectoras que cren no poder transformador das palabras.