Dolores Martínez Torres publica hoxe no «Faro da Cultura» unha crítica de Se comes un limón sen facer xestos, o libro de relatos de Sergi Pamies, traducido por Antón Dobao.
Posts Tagged ‘se_comes_un_limón_sen_facer_xestos’
«Se comes un limón sen facer xestos», crítica en «Faro da Cultura»
Xaneiro 15, 2009Pàmies e Monzó, crítica en Vieiros
Xaneiro 13, 2009Mario Regueira publica en Vieiros unha interesante crítica sobre as traducións ao galego de Se comes un limón sen facer xestos, de Sergi Pàmies e Mil cretinos, de Quim Monzó. Recollemos un par de fragmentos significativos:
Pàmies, o automatismo da vida moderna
A obra de Sergi Pàmies preséntanos unha aposta decidida polo relato curto, organizado nunha estrutura moi sólida. A coherencia cun proxecto de libro determinado déixase notar en aspectos como a extensión, o manexo do tempo do relato ou a unidade temática, conseguindo unha obra redonda, sen fisuras. Partindo dun título aparentemente cómico, como pode ser Se comes un limón sen facer xestos, o autor mergúllanos nunha obra que trata sobre as pequenas traxedias da cotidianeidade, ou a perspectiva macabra que a mesma oculta frecuentemente. Os personaxes de Pàmies son soprendidos polas pequenas variacións dun curso estabelecido, sen saber ao tempo darlle unha solución aos seus problemas ou enfrontar con afouteza unha nova situación. Resulta inevitábel relacionar isto co automatismo da vida nas grandes urbes, a paisaxe máis frecuente nestes contos. A deshumanización das persoas, así como os seus problemas para comunicárense, apesar dos lazos de afecto, tamén aparecen como unha constante neste libro, que só cede ocasionalmente o seu espazo ficcional a algunha pequena fabulación simbólica ou algún xogo metaliterario, excepcións nun conxunto de relatos marcados polo realismo. (…)
Monzó, o realismo vacilante
O libro de Quim Monzó, pola contra, artella o seu proxecto dende unha perspectiva máis aberta, disposto a xogar co lector. A omisión nos paratextos do feito de estarmos ante un libro de relatos, así como a peculiar estrutura do mesmo, colócanos na primeira folla cunha sensación de incerteza, dubidando xa sobre a propia natureza da obra. Do mesmo xeito o desenvolvemento das narracións é acompañado frecuentemente dun desenlace anticlimático, contribuíndo a aumentar un tanto a sensación de desorientación. Os temas, porén, seguen incidindo na mesma crueza da vida deshumanizada e falta de comunicación das persoas no mundo contemporáneo. Concretamente, a relación cos parentes internados en centros de maiores, a soidade das persoas que viven nas cidades, ou o xogo de favores dentro do mundo editorial (tema que comparte curiosamente con Pàmies). (…)
Sergi Pamies no «Diario Cultural» da Radio Galega
Novembro 11, 2008O «Diario Cultural» da Radio Galega entrevistou hoxe a Sergi Pamies con motivo da edición da tradución para o galego de Se comes un limón sen facer xestos, realizada por Antón Dobao. A entrevista pódese escoitar aquí.
Narrativa catalana en galego
Setembro 25, 2008Tal como se anunciara en xeraisblog, xa están no prelo as traducións dos libros de relatos de Quim Monzó e Sèrgi Pamies, dous dos autores da narrativa catalana contemporánea máis aclamados polo público e recoñecidos pola crítica. Con estas dúas traducións, Xerais Narrativa continúa o seu proxecto de tradución de textos contemporáneos das literaturas ibéricas, con especial atención aos procedentes das literaturas catalana e euskalduna. As impactantes imaxes de cuberta de ambas as dúas edicións foron preparadas por Fran Herbello.
Mil cretinos, o último libro de narrativa do recoñecido autor catalán Quim Monzó, camiña a través dese difícil equilibrio entre a miseria humana e a vida, abordando a dor, a vellez, a morte e o amor. Desde unha paisaxe cotiá do baleiro, Monzó constrúe un libro rotundo, onde o humor, a miseria e unha certa tristeza tecen un ton de desamparo, de falsa felicidade, que o autor analiza, coma sempre, desde unha ollada sen concesións. Mil cretinos, traducido ao galego por Helena González, é un libro fermoso e contundente dunha das voces máis singulares das literaturas ibéricas de hoxe.
Quim Monzó (Barcelona, 1952) é o autor máis indiscutible da literatura catalana de hoxe. Premiado con galardóns como o Nacional de Literatura, o Premio de narrativa Ciutat de Barcelona, o de novela Prudenci Bertrana, o Lletra d’Or, o dos lectores de El Temps e, en varias ocasións, o Premio da Crítica, a súa narrativa está traducida a máis de vinte idiomas. Segundo a critica literaria do xornal The independent, Monzó é «un dos mellores escritores de relatos do mundo» e «un dos escritores máis orixinais do noso tempo». Mil cretinos é o seu último e esperado libro de relatos.
Se comes un limón sen facer xestos, libro de vinte relatos de Sergi Pàmies, traducido por Antón Dobao, afronta con mestría, situacións cotiás e fantásticas que nos mergullan nas emocións humanas. A partir de situacións intranscendentes, o catalán Sergi Pàmies desenvolve, en poucas frases, a inquedanza, o drama, a explosión ou o absurdo; e faino desde unha ollada ácida e refrescante, penetrante e contida. Coa caracterización de personaxes vulnerables, o autor descóbrenos o amor non correspondido, a soidade, as dependencias familiares, a desconfia-nza e a frustración, que crean un libro breve, de gran talento narrativo, un libro que chama incisivamente polos lectores e lectoras.
Sergi Pàmies (París, 1960) é un dos autores estrela da literatura catalana actual. Con libros de relatos como T’hauría de caure la cara de vergonya, La gran novel.la sobre Barcelona (Premio da Crítica Serra d’Or), L’ultim llibre de Sergi Pàmies ou novelas como La primera pedra (Premio Ícaro) ou L’ instint (Premi Prudenci Bertrana), a súa obra está traducida ao francés, alemán e castelán. Sergi Pámies é colaborador habitual de diversos medios de comunicación. Se comes unha limón sen facer xestos é o seu último libro de relatos e o primeiro do autor que se traduce ao galego.