O escritor Xosé Lois García, que recibiu o pasado domingo o Pedrón de Honra, publica hoxe en Galicia hoxe unha segunda crítica sobre A cultura do pan do libro de Xosé Lois Ripalda ao que xa temos feito numerosas referencias neste blog. Recollemos un parágrafo de tan gabancioso texto:
“Sobrio e rigoroso. Chégalle ao lector un libro da autoría do profesor, Xosé Lois Ripalda (Carballedo, 1940): A cultura do pan, publicado por Edicións Xerais de Galicia (2008). Conciso e suxeridor que nos transborda a tempos pretéritos, fundamental para entender todas esas nomenclaturas que fan referencia ao cereal con mais distinción na dieta dos galegos de todos os tempos. Este tratado de Xosé Lois Ripalda responde a unha investigación profunda, porque el coñece moi ben a materia que trata, dado que esas terras nobres, vellas e bieitas de Carballedo, dadoras de froitos eucarísticos de pan e viño, as coñece en todas as súas intensidades. Carballedo é unha terra repregada e fermosa entre o Faro e o Miño. Ripalda xa nos ofreceu belas historias de Erbedeiro, esa parroquia ribeirá entre Nogueira de Miño e Chouzán, onde a cultura viñateira floreceu e respirou os seus mellores hálitos de convivencia.”