Posts Tagged ‘ramón_loureiro’

«De provincia a nación», crítica en «Culturas»

Xaneiro 6, 2009

Ramón Loureiro publica no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, dedicado aos mellores libros galegos do pasado ano, unha crítica do libro de Justo Beramendi De  provincia a nación. Historia do galeguismo político, Premio Nacional de Ensaio 2008.

xg00083201Catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, cofundador do Museo do Pobo Galego e autor de títulos como Galicia e a historiografía (1993), Manuel Murguía (1998) e Alfredo Brañas no rexionalismo galego (1998), o profesor Justo G. Beramendi (Madrid, 1941) ven de conseguir o Premio Nacional de Ensaio, outorgado polo Ministerio de Cultura, pola súa monumental obra -en máis dun sentido, o de monumental- De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Froito, como calquera pode supoñer, dunha longa investigación e dun intensísimo traballo, dun labor de nada menos 25 anos, neste libro o profesor Beramendi estuda a esencia dos movementos que acometeron a “reivindicación de Galicia como suxeito político” desde o século das luces ata os nosos días. Unha viaxe polo tempo que abrangue, con especial fondura, tanto o provincialismo, o rexurdimento e o rexionalismo decimonónicos como o nacionalismo do século XX, e que presta unha especial atención a aspectos como a “reconstrución das estruturas das ideoloxías”, sempre de cara a explicar, coa perspectiva científica que nace da historia, os alicerces sobre os que hoxe se asenta a personalidade política de Galicia; unha personalidade “claramente diferenciada”. Así, polas páxinas de Justo G. Beramendi aparecen desde a Galicia que vivía o ocaso do Antigo Réxime, os ilustrados do país e o reformismo conservador, ata o que para o nacionalismo galego supuxo a constitución do BNG, pasando pola confrontación entre o absolutismo e o liberalismo, o papel de Compostela na aparición do primeiro galeguismo, a Galicia isabelina, a mensaxe provincialista, os tradicionalismos, o movemento agrario, o pensamento solidario ou, por suposto, as Irmandades da Fala.

Finalmente lembra, o autor, ao remate do libro, que “o futuro nunca está escrito” e que “menos podemos escribilo quen só sabemos escrutar o pasado con mellor ou peor fortuna”, así que, polo tanto, di, haberá que deixar, ao final da historia que vén de escribir, un “interrogante aberto”. Ramón Loureiro

Ramiro Fonte, Premio Porto Magno

Xullo 21, 2008

Segundo informa hoxe no seu blog o xornalista Perfecto Conde o próximo luns, 28 de xullo, ás 13 horas, no pazo do Concello de Ferrol, terá lugar o acto de homenaxe do mundo das letras ao escritor Ramiro Fonte. No seu transcurso, seralle entregado o Premio Porto Magno polo conxunto da súa obra, que lle foi outorgado por un xurado composto por Julia Uceda (Premio Nacional de Poesía), Iolanda Díaz (concelleira de Cultura de Ferrol), Félix Villares Mouteira (chanceler da Curia da Diócese de Mondoñedo-Ferrol e un dos mellores coñecedores da poesía galega do século XX), Miguel García-Posadas (presidente da Asociación de Críticos Literarios de España), Ramón Pernas (director da Fundación Ámbito Cultural de El Corte Inglés), Segundo Leonardo Pérez López (catedrático da Universidade Pontificia de Salamanca e coengo da catedral de Mondoñedo) e Ramón Loureiro (xornalista e escritor). Está prevista a asistencia do ministro de Cultura, César Antonio Molina, e van ser moitos sen dúbida os representantes da cultura e das letras galegas, da política e da vida soial, que se sumen a esta homenaxe que tanto merece o escritor de Pontedeume, que agora está pasando polo tratamento dunha dificil doenza.

Recomendamos moi vivamente a lectura destoutra anotación de Perfecto Conde e da longa entrevista co autor eumés publicada por Ramón Loureiro no suplemento Culturas de La Voz de Galicia (pode lerse premendo sobre as imaxes). Expresamos o noso agarimo e parabéns a Ramiro Fonte por tan merecido e xusto recoñecemento.