Samuel Solleiro publica unha crítica sobre as traducións recentes de Quim Monzó ao galego, entre as que está Mil cretinos, preparada por Helena González e publicada en Xerais Narrativa.
Posts Tagged ‘quim_monzó’
Monzó en galego
Abril 6, 2009Pàmies e Monzó, crítica en Vieiros
Xaneiro 13, 2009Mario Regueira publica en Vieiros unha interesante crítica sobre as traducións ao galego de Se comes un limón sen facer xestos, de Sergi Pàmies e Mil cretinos, de Quim Monzó. Recollemos un par de fragmentos significativos:
Pàmies, o automatismo da vida moderna
A obra de Sergi Pàmies preséntanos unha aposta decidida polo relato curto, organizado nunha estrutura moi sólida. A coherencia cun proxecto de libro determinado déixase notar en aspectos como a extensión, o manexo do tempo do relato ou a unidade temática, conseguindo unha obra redonda, sen fisuras. Partindo dun título aparentemente cómico, como pode ser Se comes un limón sen facer xestos, o autor mergúllanos nunha obra que trata sobre as pequenas traxedias da cotidianeidade, ou a perspectiva macabra que a mesma oculta frecuentemente. Os personaxes de Pàmies son soprendidos polas pequenas variacións dun curso estabelecido, sen saber ao tempo darlle unha solución aos seus problemas ou enfrontar con afouteza unha nova situación. Resulta inevitábel relacionar isto co automatismo da vida nas grandes urbes, a paisaxe máis frecuente nestes contos. A deshumanización das persoas, así como os seus problemas para comunicárense, apesar dos lazos de afecto, tamén aparecen como unha constante neste libro, que só cede ocasionalmente o seu espazo ficcional a algunha pequena fabulación simbólica ou algún xogo metaliterario, excepcións nun conxunto de relatos marcados polo realismo. (…)
Monzó, o realismo vacilante
O libro de Quim Monzó, pola contra, artella o seu proxecto dende unha perspectiva máis aberta, disposto a xogar co lector. A omisión nos paratextos do feito de estarmos ante un libro de relatos, así como a peculiar estrutura do mesmo, colócanos na primeira folla cunha sensación de incerteza, dubidando xa sobre a propia natureza da obra. Do mesmo xeito o desenvolvemento das narracións é acompañado frecuentemente dun desenlace anticlimático, contribuíndo a aumentar un tanto a sensación de desorientación. Os temas, porén, seguen incidindo na mesma crueza da vida deshumanizada e falta de comunicación das persoas no mundo contemporáneo. Concretamente, a relación cos parentes internados en centros de maiores, a soidade das persoas que viven nas cidades, ou o xogo de favores dentro do mundo editorial (tema que comparte curiosamente con Pàmies). (…)
«Mil cretinos» de Monzó en «Culturas»
Decembro 29, 2008Ramón Nicolás publicou o 6 de decembro no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia esta crítica de Mil cretinos, o libro de relatos de Quim Monzó traducido por Helena González.
«Mil cretinos» ou o home que miraba pola fiestra
Decembro 22, 2008Rafael Fernández Lorenzo publica no Cartafol de libros unha crítica sobre Mil cretinos, o libro de Quim Monzó traducido por Helena González.
Monzó é escritor, tradutor e periodista, pero na súa ampla obra destacan sobre todo os contos e os relatos breves. Pasaron xa algúns anos dende que publicou o seu anterior libro titulado Splassshf, unha recompilación da súa extensa traxectoria narrativa. Reaparece agora coa obra Mil cretinos, acadando de saída o Premio de Narrativa Maria Ángels Anglada.
En Mil cretinos, Quim Monzó mira pola fiestra os balcóns e as tarandeiras da vida que abanean prendidas polas rúas de Barcelona, páxinas prendidas de estraños signos que non queren dicir nada máis alá do normal, do frecuente e habitual. As fiestras son os pulmóns e os ollos das casas, por elas respiramos e miramos, ata algunhas veces saltamos.
A escrita de Monzó en vez de axustar e encaixar convencionalmente a estructura da obra para que estea lista, preparada e finiquitada, bate nos metódicos mecanismos invertindo o proceso creativo, como un reloxo no que as agullas xiran ao revés, pero que rematan sempre con idéntico contido no mesmo final.
Nos relatos A chegada da primavera e O señor Beneset Monzó aborda con ironía e con certa retranca a lóxica dexenerativa das persoas, xogando coa inversión dos roles, de como os fillos pasan de ser os coidados para converterse en “coidadores”. Hai na súa escrita algo surrealista e paranoico, un xeriátrico imaxinario que se sacude as verbas e procura a saída dun labirinto que non ten entrada.
Pero é no relato titulado O corte onde este magnífico traballo acada, ao meu parecer con mestría unha perfecta simbiose entre o absurdo e o real.
A obra do finado Monterroso ten certa semellanza á de Monzó, de non ser pola ovella negra que demente pace polas grandes obras de Miró e de Picasso.
Qim Monzó, constrúe pequenos castellers que se erguen con palabras lixeiras nun mecánico proceso de ironía e acada aos poucos, cun espelido anxaneta os cumios dos relatos saudando sutilmente e con sarcasmo á multitude. Mil cretinos é unha fiestra pola que mirar o cotián, o insólito e excepcional da nosa existencia.
«Mil cretinos», crítica no «Faro da Cultura»
Decembro 4, 2008Montserrat Pena Presas publica no Faro da Cultura de hoxe unha longa crítica da nosa tradución de Mil cretinos de Quim Monzó.