Posts Tagged ‘Premios’

Premios Irmandade do libro 2007

Abril 13, 2008

Na noite do sábado, 12 de abril, foron fallados no Club Náutico de Sanxenxo os XVII Premios “Irmandade do libro” organizados pola Federación de Libreiros de Galicia. Xerais obtivo os dous premios outorgados a obras publicadas durante o pasado ano 2007: O señor Lugrís e a negra sombra de Luís Rei Núñez mereceu o premio ao “Libro do ano 2007” e De provincia a nación. Historia do galeguismo político de Justo Beramendi o premio á “Obra editorial do ano 2007“.

A novela de Luís Rei Núñez, que xa o pasado fin de semana obtivera o Premio da Crítica 2007, consolídase con este segundo recoñecemento consecutivo como a mellor novela galega editada o pasado ano. Pola súa banda, o premio á voluminosa obra de Justo Beramendi constitúe o primeiro recoñecemento a un traballo autoral de dúas décadas no que se reconstrúe o relato político da nación galega.

De Provincia a nación. Historia do galeguismo político é unha investigación sistemática da natureza e evolución dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII até a actualidade. O tratamento do provincialismo, do rexurdimento e do rexionalismo do século XIX, e máis aínda do nacionalismo galego do século XX, faise cunha profundidade sen precedentes. Para a análise acaída das diferentes dimensións –a ideolóxica, a social, a organizativa, a electoral– e das súas interrelacións, o autor incorpora conceptos e modelos analíticos propios que implican unha notable innovación metodolóxica no eido do estudo do nacionalismo. As maiores novidades neste sentido son a reconstrución das estruturas das ideoloxías, a caracterización das bases sociais e a técnica aplicada para desvelar e cuantificar a fraude electoral na Segunda República. Ademais, en paralelo coa historia central, vai trazando a da cuestión nacional en España, o que permite ter en conta a incidencia de factores extragalegos e comparar o galeguismo político cos seus análogos doutros territorios do Estado español. Isto unido á consideración da natureza e dos problemas maiores da sociedade galega de cada época, dá as claves para unha explicación convincente das causas do nacemento, persistencia, posibilidades e limitacións do nacionalismo galego. Xa que logo, este libro é unha contribución decisiva para coñecer e entender, por que Galicia ten hoxe unha personalidade política irreversiblemente diferenciada.

Os premios no resto das modalidades foron: os suplementos de cultura e educación de Faro de Vigo mereceron o premio de “Medios de Comunicación e Novas Tecnoloxías“; o Pen Club de Galicia obtivo o premio “Institucións“; o IES de Sanxenxo o premio de “Centros de Ensino“; a Libraría Trama de Lugo o premio de “Libraría” e Xosé María Álvarez Cáccamo o de “Autor“.

Premios AELG 2007

Abril 9, 2008

O sábado 26 de abril, en Santiago de Compostela, terá lugar a entrega dos Premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2008.

Nove obras publicadas o pasado ano por Xerais atópanse entre as finalistas: Illa Soidade de An Alfaya, A lagoa das nenas mudas de Fina Casalderrey, Minimaladas de Carlos López Gómez, Boas noites de Paula Carballeira e O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz na categoría de literatura infantil; Hai cu: pintadas no báter de O Leo e Cólera de María Xosé Queizán, na de poesía; De provincia a nación: historia do galeguismo político de Justo Beramendi, na de ensaio e O señor Lugrís e a negra sombra de Luís Rei Núñez, na categoría de narrativa.