Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 7 de xuño, ditamináronse a XXVª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 25.000 euros, a XXIIIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, e a IIIª edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros.
Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Edificio Multiusos da illa de San Simón, ao que seguiu unha cea ao aire libre nos xardíns da illa. Á velada asistiron máis de trescentas persoas dos diversos ámbitos da sociedade galega, entre os que se atopaba Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Luís Bará, director xeral de Creación e Promoción Cultural da Consellaría de Cultura de Deporte; Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade; Xabier Méndez, director xerente da Fundación Illa de San Simón, o concelleiro de cultura do concello de Redondela; o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xaime Corral; representantes do mundo da política e un importante número de escritores, editores, libreiros e colaboradores da editorial.
No acto, presentado por Celia Torres, directora de promoción da editorial e coordinadora dos premios, participou Tino Baz, o cantautor miñoto, que interpretou ao comezo o tema “Volvín á terra pero perdín o amor”, sobre un poema de Bernardino Graña (presente no acto e moi aplaudido polos asistentes) e rematou con “Romance da Maruxa…In memorian”.
Despois da actuación de Baz e intervención de Carlos G. Reigosa, que actuou como mantedor literario, déronse a coñecer os fallos dos xurados. A gañadora da XXIIIº edición do Premio Merlín de literatura infantil foi a xornalista madrileña Mar Guerra Cid pola súa novela Xenaro e o misterio da mochilota verde, presentada baixo o lema “… Cómpre botar unhas palabriñas máxicas”. Marilar Aleixandre foi a gañadora do IIIº Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil pola súa novela A cabeza de Medusa, presentada baixo o lema “Eu son ti”. O XXVº Premio Xerais de novela foi para Manuel Lourenzo González pola novela O Xardín das Pedras Flotantes, presentada baixo o pseudónimo “Manalva” e o lema “Flora da xunqueira”.
Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, que valorou a traxectoria dos premios ao longo as súas vinte e cinco edicións, o que considerou unha mostra da madurez do sistema literario galego e da novela como xénero privilexiado polas lectoras galegas. Por último agradeceu a axuda proporcionada pola Fundación Illa de San Simón, a Consellaría de Cultura e Deporte, a conellaría de Cultura do Concello de Redondela, a Fundación Caixa Galicia e Ámbito Cultural El Corte Inglés, entidades que apoiaron a celebración destes premios.
Recollemos as primeiras referencias sobre o fallo dos premios aparecidas hoxe domingo na prensa electrónica:
- Faro de Vigo: “Xerais premia a Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra”.
- La Voz de Galicia: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais cunha novela de amor”.
- La Opinión A Coruña: “Manuel Lourenzo obtiene el Xerais con ‘O Xardín das pedras flotantes'”.
- El País Galicia: Lourenzo González gana el Xerais con una historia de amor adolescente”.
- El Correo Gallego: “Manuel Lourenzo, premiado co Xerais de Novela”.
- Galicia hoxe: “O talento recoñecido”.
- El Progreso: “Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra, Premios Xerais”.
- Europa Press: “Los escritores Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre y Mar Guerra reciben los premios Xerais de literatura 2008”.
- Vieiros: “Manuel Lourenzo, Premio Xerais de Novela 2008”.
- A Nosa Terra: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais de Novela”.
- Chuza: “Manuel Lourenzo gaña o Xerais de Novela 2008”.
- Praza das letras: “Manuel Lourenzo González, Premio Xerais 08”
- Gznación: “Manuel Lourenzo, Marilar Aleixandre e Mar Guerra fanse cos premios xerais 2008”.
- Xornal.com: “Manuel Lourenzo gañou o Xerais con ‘O Xardín das Pedras Flotantes'”.
- MundoGaliza: “Premio Xerais de Novela 2008”.