Posts Tagged ‘premio_manuel_reimóndez_portela’

Neira Vilas na Feira do Libro da Coruña

Agosto 3, 2009

Neira_Vilas_asinando_na_Feira_do_Libro

O martes, 4 de agosto, ás 21:00 horas, dentro do programada de actividades da Feira do Libro da Coruña, Xosé Neira Vilas presentará Lóstregos, o libro de xornalismo polo que obtivo o premio Manuel Reimóndez Portela. A partir das 19:30 horas, o autor de Gres asinará exemplares das súas obras.

“Lóstregos” de Xosé Neira Vilas premio de xornalismo Manuel Reimóndez Portela

Xullo 27, 2009

Xosé Neira Vilas obtivo o XIV premio de xornalismo Manuel Reimóndez Portela, organizado pola Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, polas colaboracións que ven publicando en El Correo Gallego baixo o epígrafe «Lóstregos». Concesión do premio que coincide coa chegada estes días ás librarías galegas do libro homónimo no que Neira Vilas recolle un centenar destes traballos.

capa_lostregos.inddAparecen neste libro de Xosé Neira Vilas cen textos, outros tantos lostregueos escintilando no espazo e no tempo. Cen variados temas que informan, analizan ou denuncian cuestións que atinxen ao mundo que nos arrodea ou acontecementos pretéritos que dalgún xeito inciden nas nosas vidas. Así, a Amazonia en perigo, a fuxida de cerebros, os dereitos indíxenas, o fogar cubano de Hemingway, o cambio climático, os galegos no canal de Panamá, o centenario de Laxeiro, a defensa da lingua galega, a prensa dos emigrantes, o problema da auga, os biocombustibles, os noventa anos de Mandela… Todo tratado con rigor documental e cunha prosa ben traballada, áxil, precisa, modelo de xornalismo, no que alternan a crónica, a memoria e o afán de expresar en poucas palabras todo o que o autor nos vai contando.

Lóstregos será presentado na Feira do Libro da Coruña o martes, 4 de agosto, ás 21:00 horas, nun acto no que Xosé Neira Vilas será acompañado polo editor Manuel Bragado.