Esta semana apareceron as primeiras críticas sobre O Globo de Shakespeare, a novela de Jaureguizar gañadora do Premio Terra de Melide 2008.
Pedro Rielo, no seu artigo en Galicia hoxe, define a novela como «unha proposta atrevida, ben escrita, para todos os públicos e non alambicada. O escritor é un director de orquestra ou un meigo que vai sacando da chisteira coellos, cartas sorpresa a través de retallos dun espectáculo de papel». Para continuar engadindo: «O aburrimento está desbotado e viaxamos cos protagonistas desde a costa lucense ata Londres para dar xeito a unha novela na que o seu argumento, as súas chiscadelas non deben ser reveladas porque estragarían un conxunto que é unha bomba de reloxería. Paga a pena non ter complexos, calquera situación é posible tanto aquí como en Burkina Faso. Non aforra nin un só cartucho.»
Ramón Nicolás, no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia, escribe que O Globo de Shakespeare é «unha novela sólida e efectiva, dosificada con acerto e gobernada, por un lado, a través da presenza do universo literario, mais tamén persoal, de William Shakespeare, e, por outro, sometida a realidade reflectida a unha vontade transgresora, pero que expón con ironía, por veces con abraiante e cru realismo, os grandes problemas da humamidade».