Posts Tagged ‘pan’

Nova crítica sobre “A cultura do pan”

Maio 20, 2008

O escritor Xosé Lois García, que recibiu o pasado domingo o Pedrón de Honra, publica hoxe en Galicia hoxe unha segunda crítica sobre A cultura do pan do libro de Xosé Lois Ripalda ao que xa temos feito numerosas referencias neste blog. Recollemos un parágrafo de tan gabancioso texto:

“Sobrio e rigoroso. Chégalle ao lector un libro da autoría do profesor, Xosé Lois Ripalda (Carballedo, 1940): A cultura do pan, publicado por Edicións Xerais de Galicia (2008). Conciso e suxeridor que nos transborda a tempos pretéritos, fundamental para entender todas esas nomenclaturas que fan referencia ao cereal con mais distinción na dieta dos galegos de todos os tempos. Este tratado de Xosé Lois Ripalda responde a unha investigación profunda, porque el coñece moi ben a materia que trata, dado que esas terras nobres, vellas e bieitas de Carballedo, dadoras de froitos eucarísticos de pan e viño, as coñece en todas as súas intensidades. Carballedo é unha terra repregada e fermosa entre o Faro e o Miño. Ripalda xa nos ofreceu belas historias de Erbedeiro, esa parroquia ribeirá entre Nogueira de Miño e Chouzán, onde a cultura viñateira floreceu e respirou os seus mellores hálitos de convivencia.”

“A cultura do pan”, primeira crítica

Maio 10, 2008

A cultura do pan, o libro etnográfico de Xosé Lois Ripalda recibiu a súa primeira crítica, preparada por Maruxa Gestoso Álvarez, no Faro da Cultura.

Nova entrevista a Xosé Lois Ripalda

Abril 24, 2008

Xosé Lois Ripalda, autor d’ A cultura do pan, é entrevistado no Faro da Cultura.

“A cultura do pan”, entrevista a Xosé Lois Ripalda

Abril 7, 2008

Con motivo da recente aparición nas librarías d’ A cultura do pan, A Nosa Terra publica unha interesante entrevista co etnógrafo e escritor Xosé Lois Ripalda.

A cultura do pan é a crónica etnográfica e divulgativa dunha das nosas máis identificables tradicións, concibida xa desde o salientable lugar que os cereais ocuparon na nosa historia alimentaria, dada a súa prolongada conservación e á súa doada comercialización. O autor repasa unha a unha todas as cuestións ligadas a esa tradición que deu lugar a pans de tanta sona coma os do Porriño ou os de Cea, e orixinou topónimos como Terras do Pan. Desde o cultivo do trigo, o millo e o centeo até súas labouras; desde a tradición oral até os elementos etnográficos vencellados ao pan, coma os muíños; desde a lareira até o amasado; desde o forno e as enfornadas, aos pans de sona no país, sen esquecer a aplicación medicinal dos cereais e as receitas, A cultura do pan, de Xosé Lois Ripalda, constitúe unha homenaxe ao peso desa tradición en Galicia.