Posts Tagged ‘nin_che_conto’

Xosé Manuel Eyré, entrevista en «Galicia Hoxe»

Marzo 4, 2009

Con motivo da recente publicación do seu libro Nin che conto. Para coñecer e gozar a micronarrativa, Xosé Manuel Eyré é entrevistado por M. Dopico na sección «Maré» de Galicia Hoxe. Recollemos un fragmento desta entrevista:

xg00163401O microtexto, como práctica literaria, procurou un novo tipo de lector, e atopouno na sociedade posmoderna. Nun ser humano “desnortado, á deriva, que sente a ineficacia dos valores tradicionais, mais aínda, non construíu outros que os releven”, escribe Eyré. Que xa non cre en ningún principio totalizador e único, en verdades absolutas, segundo a visión dominante na modernidade racionalista derivada da Ilustración. Que abandonou o metarrelato, no sentido de Lyotard, como un discurso multiabarcador que pretende dar respostas a todo.

Neste contexto, a micronarrativa presenta, segundo Eyré, vantaxes que a sitúan nunha boa posición fronte á novela, á que podería relevar como xénero do século. Unha é a brevidade, tan próxima á fragmentación do xeito de ler propio de internet. Outra é unha natureza híbrida que facilita a multiplicidade de interpretacións a un lector do que esixe unha actitude activa, reflexiva e aberta.

“A lectura tradicional é acumulativa, resultante dun proceso aditivo, sumatorio. Esta é diferente. É como cando les un texto en internet, ves unha palabra coloreada e premes. A última palabra do texto non é a última palabra do relato, senón que hai unha continuación, porque é o lector quen dá a versión definitiva do texto, que cada quen entende dun modo distinto. Neste sentido, é moi democrático…”, salienta o autor.

«Nin che conto», presentación de Eyré

Xaneiro 13, 2009

Xosé Manuel Eyré presentou onte á noite no seu blog Nin che conto. Para coñecer e gozar da micronarrativa. Reproducimos o texto da anotación moi interesante para coñecer as intencións do autor:

Como se anuncia no blog de Xerais, teremos Nin che conto no remate deste mes. Nin che conto sairá na colección Materiais, mais elles un libro dificilmente clasificábel. Dou un repaso ao máis substancial que sobre a teoría da Literatura Mínima ( ou hiperbreve, ou…) saíu á luz. Detéñome no canon que, a nivel internacional, se vén repetindo como tal, procuro fundamentalmente microcontos, pero non renuncio a calquera outra manifestación. E logo fago o mesmo co galego, o que é, case, dicir que percorro a historia do microconto galego, sen renunciar a outras manifestacións hiperbreves. Na parte relativa ao canon internacional, na marxe inferior, logo da zona de silencio ou transición, para desmecanizar o acto lector, dispuxen unha serie de textos que animan, aconsellan, provocan, guían a lectura. E, na parte galega, son provocacións á escrita. Algunhas delas son das mellores microficcións que escribín nunca, curiosas, curiosa tipoloxía de textos, verán, nas que trata de que o lector se familiarice coas prácticas escriturais mínimas, con algunhas, porque son moitísimas.

Que o gocen. Que o gocedes. Para min, escribilo foi unha auténtica gozada. Paixón tan intensa que me levou a sentir ben preto o alento do lector. Se cadra, de aí tamén que non renunciara a creación propia.

Vou dicir que con el celebro vinte anos de exercicio crítico, aínda que non o fixen con esa intención.

E vou tendo algunhas ideas para presentalo. Por suposto, se son realizábeis esta sideas, non serán nada convencionais.

Xosé Manuel Eyré, libro sobre micronarrativa

Xaneiro 12, 2009

Xosé Manuel Eyré é autor de Nin che conto. Para coñecer e gozar da micronarrativa, un libro para achegarse a unhas das manifestacións literarias que máis interese están concitando nos últimos anos. O libro chegará ás librarías galegas na derradeira semana deste mes de xaneiro.

xg00163401Nin che conto do crítico e profesor Xosé Manuel Eyré é unha obra que busca a caracterización e definición da micronarrativa, unha das manifestacións literarias que máis expectativa está creando no comezo deste século e que está a provocar a remodelación do sistema narrativo e mesmo de todo o sistema literario. Este tipo de discursos son un exercicio de exquisita pureza, porque na brevidade o xenuinamente literario brilla con luz propia ao non haber ao seu redor un mar de palabras que o difuminen. Pero para conseguir descifrar o seu código, os microtextos precisan dun lector específico, capaz de representar na súa mente todo o que non figura por escrito, de aí a importancia que se lle concede neste estudo á actitude dinámica, activa, creativa e lúdica dos lectores e lectoras. Ademais de realizar un percorrido polos textos breves canónicos da literatura universal, en Nin che conto ofréceselle un extenso espazo aos autores e textos máis representativos da micronarrativa galega.

x_m_eyre_baixaXosé Manuel Eyré (Laxe, Chantada, 1960) é licenciado en Filoloxía Galego-portuguesa e desde o ano 1988 traballa como crítico literario no semanario A Nosa Terra, con especial atención á narrativa. Dura-te a década de 1990 dedicoulle moito tempo á divulgación e dinamización cultural das terras de Chantada. Froito diso foron as colaboracións nas revistas Achantada e Alem-parte (2ª época) e a coautoría (con Xosé M. Vélez e María Olga Varela) dun libro sobre a figura e a obra do cura poeta Avelino Gómez Ledo. Particip-u na creación e coordinación da 1ª edición do Certame Mundanal de Contos Ultralixeiros, primeiro premio literario de micronarrativa xurdido en Galicia. Tamén nesta década colaborou como autor na Historia da Literatura Galega promovida por ANT e ASPG, co fascículo relativo á historia da narrativa actual e dúas antoloxías. O labor que desenvolve como crítico literario mereceu, no ano 2004, o Premio á  Colaboración Editorial que concede Edicións Xerais de Galicia. En 2005, saíu á luz Constelación de Ío, a súa primeira achega narrativa á literatura de ficción e en 2009 Nin che conto. Para coñecer e gozar da micronarrativa (Xerais). Mantén aberto o blog Ferradura en tránsito.