Posts Tagged ‘nathacha_appanah’

«O derradeiro irmán», Appanah en galego

Febreiro 10, 2009

appanahXa está no prelo O derradeiro irmán, a novela da narradora de Illa Mauricio Nathacha Appanah. Esta conmovedora novela sobre a amizade, un fenómeno editorial, grazas ao apoio silencioso dos lectores e libreiros, obtivo durante o pasado ano tres dos premios literarios máis importantes de Francia: premio de novela FNAC 2007, premio dos lectores de L’Express 2008 e Premio Cultura e Bibliotecas para Todos 2008. Foi traducida para o galego por Emma Lázare. A novela estará nos andeis das librarías galegas na última semana deste mes de febreiro.

xg00151401Cando David se lle aparece en soños, Raj prende na memoria da súa infancia: os campos verdísimos da illa tropical onde naceu, o arrecendo e o sabor das froitas e das bágoas, o seu pai e a súa violencia tan previsible, a tenrura da súa nai, os dioivos destrutivos e aquel sol abrasador, os seus irmáns desaparecidos na enchente e a instalación da familia preto da cadea onde vivían uns misteriosos refuxiados. O 26 de decembro de 1940, o Atlantic atraca en Port-Louis, con 1.500 xudeus a bordo, rexeitados de Palestina e deportados á illa Mauricio, entón colonia británica. Daquela Raj non sabía moito sobre o mundo, nin tampouco sobre as traxedias que estaban acontecendo. Tiña dez anos. A curiosidade levouno xogar no bosque da cadea onde traballaba o seu pai e desde alí viu a David no patio da cadea. Sabía que deberían ser amigos. Unha novela conmovedora de Nathacha Appanah, que posúe a sonoridade dunha canción triste, onde cada frase pode chegar a emocionar.

O derradeiro irmán está sendo traducida a quince linguas. Ata o momento coñecemos a edición en éuscaro, portugués e italiano que aparecen no mercado nestes primeiros meses do inverno.

O que dixo a crítica francesa:

«Nathacha Appanah vai emocionar até o máis endurecido dos corazóns. Aparece un furacán literario.» L’ Express.

«Unha mestura marabillosa de dozura e simplicidade para narrar toda a miseria e violencia do mundo.» Le Magazine Littéraire

«A súa forza reside na simplicidade do seu estilo e no poder de evocar imaxes.» Le Nouvel Observateur

«Unha novela potente, inspirada nunha historia vergonzosa e pouco coñecida.” Livres Hebdo