Posts Tagged ‘microrrelato’

“Atracción total”, adianto da crítica de X.M. Eyré

Xuño 4, 2008

O crítico X. M. Eyré adianta hoxe no seu blog as primeiras impresión críticas de Atracción total, o libro de narrativa de Carmen Blanco. Recollemos uns fragmentos do seu texto:

“Xa adiantei que me parece un libro atrevido, equilibrio sen rede entre o literario e o non literario. Entre os lectores espertará admiradores apaixonados e detractores convencidos, aventuramos.

O que se di, para o crítico, un libro “polémico”. Moi polémico.

Porque explora as fronteiras do feito literario, non é un tópico. Porén esa exploración pode non ser percibida, pode causar desagrado e mesmo pode ser considerada un “exceso”, un “capricho” consentido.

Porque a tal exploración, non se produce nos lindes difusos mais definidos do feito literario clásico. Desde os ollos do feito literario clásico os textos (ou textículos, ao Cortázar, que cadra ben coa temática erótico-amorosa, imprescindíbel aquí), eses textos seguramente serán vistos como xenialidades ou algo polo estilo.

É mais, teño a impresión de que así foi concebido pola autora, Carmen Blanco.

Do que non teño dúbida é de que tamén foi concebido como un caderno de sensibilidades e de emocións. E como unha homenaxe cuádrupla: ao amante, ao amor, á liberdade, á Terra. Sei que é moito resumir, pero non penso que erre.”

Atracción total

Maio 6, 2008

Esta semana poñemos á venda Atracción total, o novo libro de microrrelatos de Carme Blanco. O libro será presentado o vindeiro 24 de maio, ás 12:00 horas na Feira do Libro de Lugo, coincidindo co Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme.

Atracción total é unha obra en busca da verdade poética nos extremos máis extremos do microrrelato e do relato de relatos. O libro deseña, con retallos, un tapiz de tapices, como a vida, e foi escrito como que cose. Nel faise unha exaltación radical do pracer, da liberdade, das mulleres, dos homes, da natureza, do progreso harmónico e da memoria contra o poder, para asumir plenamente a vida, en paz, con alegría e ata as súas últimas consecuencias. Con el, pois, atracción total: o amor, a liberdade, a vida.