Posts Tagged ‘mercedes_pacheco’

«No labirinto do vento», novos contos de fadas

Novembro 16, 2008

xg00142101No labirinto do vento é un volume de contos de fadas, reis, princesas e unicornios nos que a autora brasileira, Marina Colasanti, crea un diálogo entre a súa imaxinación e os sentimentos propios do ser humano: o medo, o desexo e o amor. Este libro, ilustrado por Carmen Segovia e traducido por Mercedes Pacheco, reúne dous títulos da autora publicados en 1978 Unha idea completamente azul e Doce reis e a moza no labirinto do vento, ambos os dous escritos nunha fermosa linguaxe poética, onde o lector de hoxe se atopará cos contos marabillosos de sempre.

“Poderosa”, diario dunha rapaza que tiña o mundo na man

Agosto 31, 2008

Poderosa de Sèrgio Klein é un dos maiores éxitos da literatura xuvenil recente no Brasil. Traducida por Mercedes Pacheco Vázquez aparece esta semana en Fóra de Xogo para conquistar milleiros de lectores en galego. Poderosa constitúe a primeira entrega dunha serie (da que ata agora no Brasil a editora Fundamento leva publicados tres títulos e da que se publicará un cuarto en 2009) que tamén editará Xerais e da que xa se está preparando unha adaptación cinematográfica.

Joana Dalva vive cos seus pais, cun irmán pequeno, que é o neno máis pesado do mundo, e coa súa avoa, que pasa os días na cama sacando a pintura da parede coas unllas e que non se decata do que pasa ao seu redor. Este é o ambiente no que vive unha rapaza que soña con ser escritora.

Un día fai unha redacción sobre Xoana de Arco e provoca unha reviravolta na historia e nela mesma. Se unha simple redacción podía cambiar o pasado, por que non usar a literatura para cambiar o presente? Joana Dalva non dubida en converter a ficción en realidade. O problema é que cada texto que ela escribe coa man esquerda provoca consecuencias imprevistas, orixinando outros textos que traen novos problemas. É o xogo do gato e do rato que acaba escapando do seu control. Para participar nese xogo non é preciso ter a idade de Joana Dalva, nin sentir na pel os conflitos e as espiñas da adolescencia.

Esta novela de Sérgio Klein, que obtivo enorme éxito no Brasil, é para todos os lectores e lectoras que cren no poder transformador das palabras.