Posts Tagged ‘mau’

Mau e Pin no Colexio de Pazos

Marzo 11, 2009

mau-e-pin-xerais_009mau-e-pin-xerais_0041

Mau e Pin, os autores dos títulos da colección «Polo correo do vento», levan varias semanas presentando as tres primeiras entregas da serie (Mariquiña a carteira anduriña, Xelo carteiro xurelo e Hugo o carteiro teixugo) por diversos colexios de infantil e primaria. Eis a crónica e as fotografías da súa visita á Biblioteca do CEIP de Pazos, onde foron moi ben recibidos.

«Polo correo do vento», nova colección infantil

Outubro 21, 2008

Esta semana chegan ás librarías os tres primeiros títulos de «Polo correo do vento», unha nova colección de non ficción destinada a primeiros lectores. Preparada por Mau e Pin, cada libro está concibido para inicialos no coñecemento da natureza galega e doutros temas relacionados coa cultura de noso, ademais de facer moito fincapé na onomástica galega.

Cada un dos libros conta con trinta dúas páxinas a toda cor. O primeiro, Mariquiña, a carteira andoriña, está protagonizado polos paxaros máis habituais da natureza galega (a andoriña, a gaivota, o paporroibo, a pomba, o corvo mariño), abordándose, ademais, a cuestión do paraentesco e o coñecemento das cidades galegas e dos nosos espazos naturais. O segundo, Hugo, o carteiro teixugo, está protagonizado por algúns dos mamíferos da nosa fauna (o teixugo, a toupiña, o xabaril, o furón, a raposa…), presentando os diversos oficios tradicionais e algúns espazos paisaxísticos da Galicia inter-ior (Ancares, Fragas do Eume…), E o terceiro, Xelo, o carteiro xurelo, está protagonizado por algunhas das nosas especies máis emblemáticas da nosa fauna mariña (o polbo, o linguado, o rodaballo, o peixe sapo, a sardiña…), presentando diversos obxectos de uso cotián e algúns dos espazos naturais protexidos da nosa beiramar (as dunas de Corrubedo, a praia das Catedrais, a Lanzada, a praia de Carnota…

Cada un dos volumes complétase cun epílogo, «¿Qué aprendiches?», con actividades lúdicas que pretenden facilitar o labor dos pais ou dos mestres á hora de traballar a comprensión do texto, ademais dunha páxina dedicada a colorear os animais protagonistas de cada un dos volumes.