Posts Tagged ‘Matemáticas’

Matemáticas ESO e Bacharelato: materiais de apoio descargables

Febreiro 6, 2009

tanxenteXa están dispoñibles na web de Xerais, para seren descargadas por todo o profesorado e alumnado que o precise, as transparencias para traballar na aula os distintos tipos de funcións que se tratan en Matemáticas nos niveis de ESO e Bacharelato: funcións exponenciais e logarítmicas, funcións irracionais, funcións polinómicas, funcións racionais e funcións trigonométricas.

Programación de “Matemáticas”

Xuño 10, 2008

Aquí pode baixarse a programación en pdf (63 páxinas) de Matemáticas 1º de BAC (Ciencias e Tecnoloxía).

«Matemáticas» e «Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais» 1º de Bacharelato: novos libros do alumnado para o curso 2008-2009

Xuño 5, 2008

Matemáticas e Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais son os novos manuais para 1º de Bacharelato que presenta Edicións Xerais. Realizados por José María Arias Cabezas e Ildefonso Maza Sáez, recoñecidos profesores de instituto e investigadores da Universidade Autónoma de Madrid, cunha longa traxectoria como autores de libros de texto e materiais divulgativos.
Ambos os dous manuais están estruturados de xeito parello e desenvolven os contidos do currículo de Bacharelato LOE (2008).

Matemáticas consta de 368 páxinas, divididas en 14 temas agrupados en catro bloques:

Bloque I: Aritmética e álxebra (temas 1 e 2)
Bloque II: Xeometría (temas 3 a 7)
Bloque III: Análise (temas 8 a 12)
Bloque IV: Estatística e probabilidade (temas 13 e 14)

Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais consta de 296 páxinas, divididas en 13 temas agrupados en tres bloques:

Bloque I: Aritmética e álxebra (temas 1 a 5)
Bloque II: Análise (temas 6 a 10)
Bloque III: Estatística e probabilidade (temas 11 e 13)

Cada bloque leva unha introdución aos contidos xerais e unhas «Pinceladas de historia» das matemáticas relacionadas coa teoría desenvolvida nos temas:

Cada tema estrutúrase da seguinte maneira:

DOBRE PÁXINA DE INICIO DO TEMA
:
Cada tema iníciase cunha introdución aos contidos ilustrados por unha fotografía. Así mesmo, sempre se sintetiza este apartado mediante un mapa conceptual («Organiza as túas ideas»).

DOBRES PÁXINAS DE CONTIDOS E EXERCICIOS:
Desenvólvense os contidos en dobres páxinas. Cada unha das dobres páxinas é unha sección que comeza con «Pensa e calcula», que son exercicios rápidos de cálculo mental, continúa coa exposición da teoría que contén exemplos resoltos de cada concepto e finaliza cun apartado chamado «Aplica a teoría», onde se propoñen exercicios de aplicación.

AFONDAMENTO: DEMOSTRACIÓNS:
Inclúese este apartado nos temas onde cómpre a demostración en detalle de diversos contidos (teoremas, propiedades, etc.) como ampliación do exposto na teoría.

EXERCICIOS E PROBLEMAS DO FINAL DO TEMA:
Nestas páxinas expóñense exercicios clasificados segundo as epígrafes que encabezan cada sección do tema, tras do que vai un apartado de ampliación e reforzo («Para ampliar»). Ademais, baixo a epígrafe «Problemas» recóllense problemas matemáticos de aplicación, cuxos contidos poden ser reforzados con propostas de exercicios de maior complexidade no apartado «Para profundar».

WIRIS, GEOGEBRA, DERIVE, CABRI, EXCEL, CALC E INTERNET:
Este apartado, que recolle a proposta do currículo de incluír as ferramentas informáticas, cumpre o obxectivo de repasar os contidos do tema empregando un programa informático. A sección distribúese en tres apartados:
«Paso a paso» amosa exercicios resoltos coas indicacións para aprender a realizalos.
«Así funciona» apunta breves aspectos sobre o funcionamento dos programas.
«Practica» é o último apartado onde se expoñen exercicios e problemas para a resolución por parte do alumnado.

Premendo na imaxe que aparece a continuación pódese ver a táboa de contidos de cada un dos libros:
Matemáticas aplicadas ás Ciencias Sociais:

Matemáticas:

Acompañando a Proposta Didáctiva vai un CD para o profesorado no que se inclúen os programas informáticos Wiris e GeoGebra por primeira vez en galego.

Curso en liña para o profesorado de Matemáticas

Abril 16, 2008

No noso espazo web pode atoparse información sobre a convocatoria dun curso de formación, a través de Internet, dirixido ao profesorado de matemáticas do ensino secundario.

Con este curso, organizado en colaboración co ICE da Autónoma de Madrid, Xerais pretende colaborar na formación do profesorado de matemáticas no emprego de programas informáticos como Wiris (do que Xerais realizou a súa versión en galego este curso), GeoGebra, Excel ou Calc. Os dous titores do curso serán José María Arias Cabeza e Ildefonso Maza Sáez, autores dos nosos materiais curriculares (libros de texto, propostas didácticas e propostas didácticas dixitais) de matemáticas para ESO e Bacharelato.