Posts Tagged ‘mario_regueira’

Pàmies e Monzó, crítica en Vieiros

Xaneiro 13, 2009

Mario Regueira publica en Vieiros unha interesante crítica sobre as traducións ao galego de Se comes un limón sen facer xestos, de Sergi Pàmies e Mil cretinos, de Quim Monzó. Recollemos un par de fragmentos significativos:

xg00152401Pàmies, o automatismo da vida moderna
A obra de Sergi Pàmies preséntanos unha aposta decidida polo relato curto, organizado nunha estrutura moi sólida. A coherencia cun proxecto de libro determinado déixase notar en aspectos como a extensión, o manexo do tempo do relato ou a unidade temática, conseguindo unha obra redonda, sen fisuras. Partindo dun título aparentemente cómico, como pode ser Se comes un limón sen facer xestos, o autor mergúllanos nunha obra que trata sobre as pequenas traxedias da cotidianeidade, ou a perspectiva macabra que a mesma oculta frecuentemente. Os personaxes de Pàmies son soprendidos polas pequenas variacións dun curso estabelecido, sen saber ao tempo darlle unha solución aos seus problemas ou enfrontar con afouteza unha nova situación. Resulta inevitábel relacionar isto co automatismo da vida nas grandes urbes, a paisaxe máis frecuente nestes contos. A deshumanización das persoas, así como os seus problemas para comunicárense, apesar dos lazos de afecto, tamén aparecen como unha constante neste libro, que só cede ocasionalmente o seu espazo ficcional a algunha pequena fabulación simbólica ou algún xogo metaliterario, excepcións nun conxunto de relatos marcados polo realismo. (…)

xg00152301Monzó, o realismo vacilante
O libro de Quim Monzó, pola contra, artella o seu proxecto dende unha perspectiva máis aberta, disposto a xogar co lector. A omisión nos paratextos do feito de estarmos ante un libro de relatos, así como a peculiar estrutura do mesmo, colócanos na primeira folla cunha sensación de incerteza, dubidando xa sobre a propia natureza da obra. Do mesmo xeito o desenvolvemento das narracións é acompañado frecuentemente dun desenlace anticlimático, contribuíndo a aumentar un tanto a sensación de desorientación. Os temas, porén, seguen incidindo na mesma crueza da vida deshumanizada e falta de comunicación das persoas no mundo contemporáneo. Concretamente, a relación cos parentes internados en centros de maiores, a soidade das persoas que viven nas cidades, ou o xogo de favores dentro do mundo editorial (tema que comparte curiosamente con Pàmies). (…)

“Historia da chuvia que cae todos os días”, crítica no Cartafol

Setembro 10, 2008

Mario Regueira publica no Cartafol de Vieiros unha crítica de Historia da chuvia que cae todos os días, a peza de Roberto Salgueiro merecedora do Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais 2006. Reproducimos unha anaco do primeiro parágrafo do texto:

Falar a estas alturas da solvencia técnica de Salgueiro como autor dramático é posíbelmente correr o risco de caer na obviedade. A presente obra non representa, nese sentido, unha excepción no seu habitual bo facer, sobradamente demostrado noutras pezas, e non sempre necesariamente aquelas que tamén foron premiadas. Sinxelamente resta destacar desta historia o manexo minucioso do tempo dramático, e a capacidade de converter unha historia que pasaría por unha pequena anécdota familiar nun cadro detallista que abre longas perspectivas cara a problemas comúns da nosa sociedade e consegue explotar a maior parte dos seus matices. Nas escasas corenta páxinas de Historia da chuvia que cae todos os días atínxese non só ao problema endémico da emigración galega, senón que mesmo se dá cabida á nova realidade da nosa terra como receptora de inmigrantes, que á súa vez están a ser explotados.

Lembranza, ideario e pedagoxía

Setembro 4, 2008

Mario Regueira publica no Cartafol de Vieiros unha crítica de Recordar doe, o libro de memorias escolares e universitarias de Herminio Barreiro. Recollemos un parágrafo do texto:

[…] A narración un tanto anárquica destas memorias, na que se salta con facilidade da referencia bibliográfica, á reflexión política para retomar outra vez o fío conductor da memoria, lembra en ocasións ao estilo creado no ámbito dos blogues e outro tipo de narracións contemporáneas, dotando o contado dunha frescura que non teñen outros libros de memorias similares.