A novela Case perfecto de Marina Mayoral foi a gañadora do premio Frei Martín Sarmiento na categoría de obras para persoas adultas. Este premio é outorgado polos equipos de normalización lingüística dos centros da FERE en Galicia. Os nosos parabéns para os organizadores e para Marina Mayoral, a gañadora.
Posts Tagged ‘marina_mayoral’
“Case perfecto”, premio Sarmiento 2009
Xuño 2, 2009As nosas novidades en “Libro Aberto” na TVG
Maio 20, 2009Hoxe no programa Libro Aberto da TVG, que se emite hoxe ás 0:45 horas e que tamén se poderá ver na G-2 (TDT) o luns 25 ás 23:30 horas, inclúese contidos referidas aos recentes lanzamentos de Xerais.
Ao comezo do programa, que se gravou nas instalacións da Fundación 10 de marozo, entrevístase a Xosé Fernández Ferreiro, con motivo da aparición da súa décimo sexta novela, Tempo de centeo.
Despois abórdanse as etapas dun proceso de edición con motivo da publicación de Do orixinal ao libro. Manual de edición, obra de Juan L. Blanco Valdés que analiza este proceso e fixa, por primeira vez en galego, os termos propios da edición técnica.
Despois, o condutor do programa falará co escritor Xosé Francisco Fernández Naval, sobre o seu último libro Para Seguir Bailando, un conxunto de dez relatos nos que aborda temas como o abandono do medio rural, a corrupción, a memoria ou o abuso exercido sobre a muller.
Por último, na sección de crítica, Isabel Soto analizará a obra Quen matou a Inmaculada de Silva? de Marina Mayoral. Neste libro xuvenil aparece, como noutras obras da escritora mindoniense, o espazo imaxinario e simbólico de Brétema.
«Quen matou a Inmaculada de Silva?», crítica no «Faro da Cultura»
Marzo 26, 2009Pilar Ponte publica no «Faro da Cultura» de hoxe unha crítica sobre a recente novela de Marina Mayoral Quen matou a Inmaculada de Silva?
«Quen matou a Inmaculada de Silva?», crítica en “Lg3”
Marzo 25, 2009 Isabel Soto, publica en lg3 de Culturagalega.org, unha crítica de Quen matou a Inmaculada de Silva? de Marina Mayoral.
Rosalía de Castro en Xerais
Febreiro 24, 2009Hoxe, 24 de febreiro, celébrase o 172 aniversario do nacemento en Santiago de Compostela de Rosalía de Castro. Dende os inicios de Xerais, a nosa escritora primeira sempre tivo unha importante presenza no noso catálogo. O primeiro título foi en 1982 a Poesía completa en galego, en edición do profesor Benito Varela Jácome, actualmente descatalogada despois de ser reimpresa en múltiples ocasións. Coa creación da Biblioteca das Letras Galegas, nesa colección publicamos en 1990 os dous poemarios en galego de Rosalía, Cantares gallegos en edición de Xavier R. Baixeras (actualmente na décima edición) e Follas Novas en edición de Marina Mayoral e Ana Blanca Roig (hoxe na oita edición). En 2003 o estudoso rosaliano Anxo Angueira editou Rosalía de Castro. Antoloxía, libro cedé, prologado por X.L. Méndez Ferrín, ilustrado con cadros da pintura galego do XIX e organizado arredor de sete ámbitos temáticos:
Así en «Terras de Rosalía», incluíronse os poemas centrados na paisaxe e nas terras que máis e máis intensas páxinas encheron na obra da autora. «Santos, campás e pecados» é o título que pretende recoller un conxunto de poemas certamente variados pero que, dalgún xeito, remiten ao feito relixioso, formal ou intimamente, e en moitos deles á transgresión dos seus preceptos. En «Festas e fames» danse cabida a outro dos aspectos emblemáticos da obra da nosa autora que tamén cadra cun dos ideoloxemas do Rexurdimento: o compromiso social cos miserábeis. Logo, incluíronse dúas elexías, a célebre dedicada a Sir John Moore e a menos coñecida dedicada a Inés de Castro e a Luís de Camões, na que a nosa autora se desenvolve á perfección manexando os respectivos trasfondos líricos, históricos e políticos. En «Sombras e soidades» ilústrase a voz poética rosaliana máis intimista, máis espida, e por veces dramaticamente esgazada e estarrecente, senlleira na poesía europea decimonónica. En »Verba de muller» recóllense uns cantos poemas nos que a autora pon os ollos na situación especialmente dependente da muller no plano socio-político e mesmo no literario. Por último, en »Pola dignidade nacional», antológanse un conxunto de poemas nos que a nosa autora denuncia a situación social de miseria e emigración que padece Galicia acompañada, por veces, do canto nacional no que non faltan as críticas á situación política de desleixo e dependencia con respecto a España.
O catálogo de Xerais inclúe varios libros de estudos rosalianos: Páxinas sobre Rosalía de Castro (1957-2004) no que inclúe o corpus dos traballos rosalianos do profesor Xesús Alonso Montero e Rosalia 21, o recente volume colectivo, coordinado por Anxo Angueira, que actualiza a figura fundacional da literatura e da nación galega á luz de novas claves interpretativas e desde novos modelos estéticos. Ademais, Xosé Antón Neira Cruz preparou en 1997 Así viviu Rosalía, a primeira biografía ficcionada da nosa autora dirixida ao público máis novo.
«Quen matou a Inmaculada de Silva?», nova novela de Marina Mayoral
Febreiro 11, 2009Marina Mayoral agarda a aparición na colección «Fóra de Xogo» de Quen matou a Inmaculada de Silva?, a súa máis recente novela. Ambientada en Brétema, o particular territorio literario da autora e protagonizada polos personaxes doutra novela anterior, Quen matou a Inmaculada de Silva? propón unha investigación no pasado familiar coa intención de averiguar o que sucedeu hai trinta anos entre unha rapaza da burguesía vilega e un maquis. A novela estará nas librarías a finais do mes de febreiro.
Etelvina de Silva, orfa de nacemento, educada en Madrid dende moi nova polo seu tío Alberte, durante o curso escolar e o verán que pasou en Brétema, na casa das súas tres tías avoas, descubre a súa vocación literaria. Axudada pola súa curmá Catara e por Juancho, un compañeiro do instituto con ansias de artista do que se namora, acometerá unha investigación no seu pasado familiar, que a levará a tratar de averiguar que sucedeu realmente aquela noite na casa familiar da Braña, onde hai tres décadas morreron Antón do Cañote, un fuxido, un loitador sen esperanza, e Inmaculada de Silva, unha antepasada, unha beleza, unha cazadora de primeira, a quen todos din que ela moito imita. Tras esta experiencia, Etel sabe que será escritora, a súa maneira de deixar unha pegada do seu paso polo mundo, ao tempo que se decata de que na literatura como no amor sempre hai cabos soltos.
Marina Mayoral, entrevista en «Galicia hoxe»
Xaneiro 26, 2009Manuel Vidal Villaverde publica nas páxinas de Galicia hoxe a conversa que mantivo con Marina Mayoral. A escritora mindoniense publicará no vindeiro mes de febreiro, dentro da colección Fóra de Xogo, a novela Quen matou a Inmaculada de Silva?
Premio Frei Martín Sarmiento, finalistas
Setembro 23, 2008Acabamos de coñecer as obras finalistas da quinta edición do Premio Frei Martín Sarmiento, organizado polos equipos de Normalización Lingüística da FERE e outorgado, a pasada edición, por máis de cinco mil lectores e lectoras. As obras finalistas das publicadas por Xerais, ao longo do pasado ano 2007, son as seguintes:
- Fina CASALDERREY: A lagoa das nenas mudas, colección Sopa de Libros (categoría de 3º a 5º de primaria).
- IMPLICADOS/AS NO DESENVOLVEMENTO: O son das buguinas, colección Infantil e Xuvenil (categoría 6º de primaria a 2º de ESO).
- Francisco CASTRO: O ceo dos afogados, colección Fóra de Xogo (categoría 6º de primaria a 2º de ESO).
- Agustín FERNÁNDEZ PAZ: O único que queda é o amor, colección Xuvenil ilustrada (categoría de 3º de ESO a Bacharelato).
- Marina MAYORAL: Case perfecto, colección Xerais Narrativa (categoría Adultos).
O fallo do premio coñecerase o 30 de abril de 2009 e será outorgado por milleiros de lectores e lectoras que valorarán as obras finalistas ao longo do curso.