Posts Tagged ‘maría_dolores_torres_parís’

«A deleiba do mundo» de Amin Maalouf

Setembro 4, 2009

Tras a publicación en 2000 da novela A viaxe de Baldassare, Xerais publica A deleiba do mundo, o novo libro de ensaio de Amin Maalouf, o brillante escritor libanés.

XG00156901«Entramos no novo milenio sen compás», con esta frase comeza este ensaio no que Amin Maalouf intenta explicar como se chegou á deleiba actual do mundo e como se poderá saír dela. Para Maalouf dende os primeiros meses do século XXI veñen producíndose acontecementos desacougantes que inducen a pensar que o mundo coñece unha deleiba maior, e en varios ámbitos ao tempo. Deleiba económica e financeira, que transforma o planeta enteiro nunha zona de turbulencias de consecuencias imprevisibles, que constitúe, en si mesmo un síntoma dunha perturbación do noso sistema de valores. Deleiba climática, resultado dunha longa práctica de irresponsabilidade colectiva. Para o autor libanés non estaría de máis preguntarse se diante dunha situación semellante, a nosa especie non acadou, dalgún xeito, o limiar dun conflito de incompetencia moral se non acaba de iniciar un movemento de regresión que ameaza con derrubar o que tantas xeracións sucesivas tardaron en edificar. Para Maalouf a deleiba do mundo ten menos que ver co “choque de civilizacións” que co esgotamento simultáneo dos nosos modelos sociais. Sobre todo, o dos ámbitos culturais cos que el se identifica: o occidental e o do mundo árabe. O primeiro, por ser pouco fiel aos seus propios valores; o segundo, por atoparse pechado nun impasse histórico. Un diagnóstico inquedante que desemboca nunha nota de esperanza. Segundo Maalouf, o período axitado no que entramos podería levarnos a elaborar unha visión por fin adulta das nosas identidades, das nosas crenzas, das nosas diferenzas e do destino do planeta que compartimos.

Esta edición en galego d’ A deleiba do mundo, preparada por María Dolores Torres París, chegará ás librarías galegas na derradeira semana do mes de setembro. Amin Maalouf recibiu o Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia deste ano 2009 co que se valora as persoas ou institucións significativas polo seu labor a prol da unidade europea ou a preservación do patrimonio cultural do continente.

Advertisements