Posts Tagged ‘lugris’

Premios Irmandade do libro 2007

Abril 13, 2008

Na noite do sábado, 12 de abril, foron fallados no Club Náutico de Sanxenxo os XVII Premios “Irmandade do libro” organizados pola Federación de Libreiros de Galicia. Xerais obtivo os dous premios outorgados a obras publicadas durante o pasado ano 2007: O señor Lugrís e a negra sombra de Luís Rei Núñez mereceu o premio ao “Libro do ano 2007” e De provincia a nación. Historia do galeguismo político de Justo Beramendi o premio á “Obra editorial do ano 2007“.

A novela de Luís Rei Núñez, que xa o pasado fin de semana obtivera o Premio da Crítica 2007, consolídase con este segundo recoñecemento consecutivo como a mellor novela galega editada o pasado ano. Pola súa banda, o premio á voluminosa obra de Justo Beramendi constitúe o primeiro recoñecemento a un traballo autoral de dúas décadas no que se reconstrúe o relato político da nación galega.

De Provincia a nación. Historia do galeguismo político é unha investigación sistemática da natureza e evolución dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII até a actualidade. O tratamento do provincialismo, do rexurdimento e do rexionalismo do século XIX, e máis aínda do nacionalismo galego do século XX, faise cunha profundidade sen precedentes. Para a análise acaída das diferentes dimensións –a ideolóxica, a social, a organizativa, a electoral– e das súas interrelacións, o autor incorpora conceptos e modelos analíticos propios que implican unha notable innovación metodolóxica no eido do estudo do nacionalismo. As maiores novidades neste sentido son a reconstrución das estruturas das ideoloxías, a caracterización das bases sociais e a técnica aplicada para desvelar e cuantificar a fraude electoral na Segunda República. Ademais, en paralelo coa historia central, vai trazando a da cuestión nacional en España, o que permite ter en conta a incidencia de factores extragalegos e comparar o galeguismo político cos seus análogos doutros territorios do Estado español. Isto unido á consideración da natureza e dos problemas maiores da sociedade galega de cada época, dá as claves para unha explicación convincente das causas do nacemento, persistencia, posibilidades e limitacións do nacionalismo galego. Xa que logo, este libro é unha contribución decisiva para coñecer e entender, por que Galicia ten hoxe unha personalidade política irreversiblemente diferenciada.

Os premios no resto das modalidades foron: os suplementos de cultura e educación de Faro de Vigo mereceron o premio de “Medios de Comunicación e Novas Tecnoloxías“; o Pen Club de Galicia obtivo o premio “Institucións“; o IES de Sanxenxo o premio de “Centros de Ensino“; a Libraría Trama de Lugo o premio de “Libraría” e Xosé María Álvarez Cáccamo o de “Autor“.

“O señor Lugrís e a negra sombra”, de Luís Rei Núñez Premio da Crítica 2007

Abril 6, 2008

O señor Lugrís e a negra sombra, a máis recente novela de Luís Rei Núñez, foi a obra gañadora dos Premios da Crítica 2007 na categoría de narrativa. Este galardón, sen dotación económica, concedido pola Asociación Española de Críticos Literarios, recoñece a excelencia dunha novela que, dende a súa aparición na colección Xerais Narrativa o pasado mes de setembro concitara grande interese e apoio dos lectores.

Novela ou realidade? A pregunta que moitos lectores deste libro se formularán é a mesma que sen dúbida se lle presentou milleiros de veces ó gran pintor e escritor Urbano Lugrís (A Coruña, 1908-Vigo, 1973) mentres era arrastrado polo río dunha existencia sometida a toda clase de vaivéns. Outro caudal, de tinta e testemuños, é o que lle serviu de base a Luís Rei Núñez nesta viaxe arredor dunha figura desmesurada coa que, ademais, consegue trazar o fresco de toda unha época de penitencia e un moi veraz retrato de grupo; con mestres en gramática parda, señoritos tarambainas, artistas dipsómanos, mulleres que fuman, bares de alterne, un ruso “branco” ou os candorosos aprendices de literato… en definitiva, a fauna que opta polo exilio da bohemia cando o única vía de escape, na inacabable invernía dun réxime inxusto, consiste en contar co talento innato de Pucho Boedo, fenómeno da canción, ou de Luís Suárez, grande astro do balompé mundial. En tempos de descrédito para as apostas de calado, Rei Núñez sorprendeunos construíndo unha obra que, sen deixar de ser rigorosamente contemporánea, é de clara estirpe cervantina. Novela, si; mais tamén realidade. Como a vida.

O señor Lugrís e a negra sombra, obra da que tamén existe edición en castelán, contou cun pequeno “libro trailer” emitido durante o nadal.

Os parabéns do equipo da editorial para Luís Rei Núñez por tan importante e merecido recoñecemento.